José Carlos Alonso Seoane fala dos 350 anos da Ofrenda de Galicia ao Santísimo

Na sección “Matices” do programa “Polo camiño da fe” (TVG, 07/07/2019), José Carlos Alonso Seoane referiuse aos 350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo:

Cando os suevos ocuparon Galicia, falouse da creación do primeiro estado europeo. O catolicismo espallábase por toda a Península e en Lugo naceu a adoración permanente ao Santísimo Sacramento, 24 horas, 365 días. Para iluminalo con candeas día e noite solicítase ao Antigo Reino de Galicia unha pequena axuda económica. Este accede no 1669. Acordouse tamén que se celebrase unha Misa con procesión e foi incorporándose, en gratitude, unha ofrenda litúrxica levada a cabo cada ano por un representante dunha das 7 capitais do Antigo Reino galego. Están a cumprirse os 350 anos desa Ofrenda. Ademais do milagre eucarístico do Cebreiro, a bandeira galega amosa as 7 cruces, unha por cidade, unidas en torno ao divino misterio eucarístico. 

A sección “Matices” que aquí se acaba de transcribir forma parte do programa da Televisión de Galicia Polo camiño da fe, que na súa última edición trata sobre a Ofrenda de Galicia ao Santísimo. Para falar sobre a cuestión entrevístase ao historiador da arte Marcos Calles e ao xornalista Xulio Xiz. Ámbolos dous teñen amplos coñecementos sobre o tema e de feito Marcos Calles é o asesor histórico da exposición itinerante “350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo” e Xulio Xiz é o director da devandita exposición. 

Desde aquí o agradecemento e recoñecemento a Marcos Calles e Xulio Xiz pola súa permanente disposición a colaborar desinteresada e eficazmente coa Diocese lucense e a invitación a ver o programa televisivo no seguinte enlace:

[Ver programa completo]

Peregrinación a Lourdes

Como vén facendo desde hai 33 anos ininterrompidamente, a Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Lugo organizou unha peregrinación diocesana ao santuario francés desde o pasado luns día 1 ao venres día 5 de xullo. Nela participaron un total de 542 peregrinos, acompañados de 26 sacerdotes, 2 diáconos, 5 seminaristas maiores e unha gran parte dos compoñentes da xunta directiva da Hospitalidade, que viaxaron en dez autobuses. Os peregrinos participantes son: enfermos, persoal sanitario, hospitalarios e peregrinos, todos eles socios da Hospitalidade diocesana.

A peregrinación estivo presidida polo Vigairo Xeral da Diocese, José Mario Vázquez Carballo.

Houbo unha nutrida representación xuvenil: 39 nenos e mozos de distintos puntos da Diocese. O día 3 de xullo, os peregrinos da Hospitalidade de Lugo foron os encargados de acompañar o paso coa imaxe da Virxe de Lourdes.

II Noite Coral Lucense

O sábado 6 de xullo entre as 21 h e as 23.30 h. terá lugar o circuíto nocturno de concertos polas igrexas da cidade, concluíndo cun concerto final na Catedral de Lugo (claustro ou capela do Bo Xesús).

CONCERTO I: Capela de San Roque, 21.00-21.20 h

Grupo Vocal Solo Voces.

CONCIERTO II: Igrexa Parroquial de Santiago a Nova, 21.30-21.50 h.

Coral do Hospital Xeral Calde.

CONCIERTO III: Igrexa Parroquial de San Froilán, 22.00-22.20 h.

Gruppo Vocale San Bernardo (Saronno, Italia) & Mascoulisse Quartet.

CONCIERTO IV: Igrexa Parroquial de San Pedro, 22.30-22.50 h.

Orfeón Lucense.

CONCERTO FINAL: Catedral de Lugo, 23.00-23.30 h. Participan todos os grupos anteriores e ademais, Mattia Marelli (órgano).

 A Noite Coral Lucense é unha actividade complementaria do Curso de música litúrxica lucense, que organiza o Centro Eucarístico Lucense.

IV Curso de música litúrxica do Corpus Christi de Lugo

Está en marcha o IV Curso de música litúrxica do Corpus Christi de Lugo que organiza na primeira semana de xullo o Centro Eucarístico Lucense. Participan 27 persoas de toda Galicia e tamén de Barcelona. Cada xornada comeza cun estudo individual de órgano. Ás 11 h hai charlas sobre Música e Liturxia de Abraham Sánchez Pujante, Párroco de San Lázaro da Ponte. Diplomado en Frauta Traveseira e Dirección Coral. A estas charlas, que son no salón de actos do Seminario Diocesano de Lugo, pode asistir calquera persoa interesada nos seguintes temas:

  • “A liturxia, canto de loanza a Deus: por que cantamos?” (3 de xullo)
  • “A música na liturxia: que, como e cando cantamos?” (4 de xullo)
  • “A música ao ritmo da liturxia: Como preparar os cantos da Misa?” (5 de xullo)

A partir do mediodía prepáranse cantos gregorianos que se interpretarán durante a Eucaristía do domingo 7 ás 13 h na Catedral. E a mañá remata con estudo individual de órgano.

Polas tardes impártese técnica vocal, dirección coral e órgano. 

Como actos complementarios deste Curso están a presentación do disco “Interrogatorio a María” do organista Giulio Mercati (venres 5 ás 20:30 h na igrexa Santiago a Nova, Lugo) e a II Noite Coral Lucense (varios templos da cidade de Lugo a partir das 21 h do sábado 6 de xuño na Capela de San Roque, para ter un concerto conxunto no claustro da Catedral ás 23 h)

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

Ás 12 da mañá do 30 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, da que se cumpren 350 anos desde que decidiu instaurarse. Este acto pon fin ás celebracións do Corpus en Lugo.

O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro Fiuza, presidiu a Eucaristía na que concelebraron o resto dos bispos galegos. Acompañaron ao oferente, o alcalde da cidade de Tui, Enrique Cabaleiro, os alcaldes e representantes das sete cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.

Na presentación da Ofrenda, o alcalde de Tui, sinalou que “esta tradición forma parte do noso acervo colectivo como pobo; as tradicións son elementos básicos para a configuración e identidade dun país, neles atopamos o conxunto de valores que de xeración en xeración, forman o substrato da conciencia colectiva. Esta cerimonia que os galegos soubemos conservar ao longo dos séculos é o exemplo máis antigo da nosa identidade como pobo”.

Pediu que sexamos capaces de “atopar as medidas que contribúan a unha reformulación social e que impulsen unha sociedade máis xusta e equilibrada, sen exclusións nin riscos de pobreza para as persoas e as familias. Que podamos traballar todos xuntos para atopar políticas que poñan en primeiro lugar á persoa, a súa dignidade e os seus dereitos” (…) “Inspira a todos os que temos responsabilidades públicas, na política pero tamén nos ámbitos económicos, sociais, relixiosos…para traballar con xenerosidade e acerto, polo ben común”.

Na contestación á Ofrenda, o bispo de Tui Vigo, Mons. Quinteiro comezou a súa homilía manifestando o seu agradecemento ao alcalde oferente a presentación da Ofrenda que é, sen dúbida, “ unha tradición que simboliza a devoción máis fonda e conmovedora do noso pobo. O escudo de Galicia expresa por encima das palabras a convicción do que sentimos”. Continuou dicindo que “queremos mirar con esperanza e con enerxía o presente e o futuro das nosas comunidades, parroquias e cidades (…) queremos camiñar xuntos para afrontar os grandes retos deste momento histórico que estamos a vivir. Temos que pensar no futuro dos nenos e se temos nenos para o futuro. Temos que sentarnos cos mozos para pensar xuntos a vida pola que queremos loitar. Non podemos esquecer aos maiores porque eles teñen, entre moitos tesouros, a experiencia de vida que outros non teñen”.

Finalizou resaltando que debemos profundar no compromiso social dos cristiáns en Galicia: “Nós somos fillos dun pobo solidario do que herdamos unhas riquísimas tradicións cristiás que nos foron configurando nunha sociedade amable e solidaria (…) o compromiso do crente non é unha opción de acomodación nin de ver pasar as cousas. O compromiso do cristián é unha opción necesaria”

Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo. Durante o percorrido interpretaron música e danzas en ofrenda ao Santísimo Sacramento o Grupo de baile tradicional “O Xeito” dirixido por Xabier Iglesias e o grupo de música tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez. Tamén colaboraron a banda municipal de Meira e a Asociación cultural e xuvenil do traxe tradicional de Tui.

A %d blogueros les gusta esto: