V Peregrinación ao santuario do Corpiño

O domingo 25 de agosto é un dos días máis importantes no Santuario do Corpiño. É a xornada de Peregrinación das familias e Solemne Bicamáns á Virxe do Corpiño.

Os peregrinos de Lalín terán a honra de camiñar acompañados pola talla da Virxe do Corpiño da igrexa de Xaxán.

A peregrinación, para a que non é necesario inscribirse, é totalmente gratuíta. Só hai que presentarse o domingo nos puntos de saída (diante da igrexa parroquial de Lalín ás 8 da mañá; ou diante da igrexa parroquial de Vila de Cruces ou de Silleda ás 9 da mañá) para estar a tempo á Misa das 12.

Desde Silleda e Vila de Cruces son uns 8 kms, que se fan en 2 horas. Desde Lalín son 16 kms, que levarían algo máis de 3 horas.

Acompañando a todos os grupos haberá coches de apoio para calquera incidencia que impedise terminar a ruta a pé. Tanto no traxecto como ao chegar, haberá bebidas frías gratuítas a disposición de todos . É obrigatorio levar chaleco reflector.

Presentación do libro Nuestra Señora de Fonsagrada

O 2 de agosto ás 20:30 h na igrexa da Fonsagrada preséntase o libro Nuestra Señora de Fonsagrada. Bosquejo histórico de una parroquia y de una vila. No acto intervirán o autor, Enrique López Fernández e Gumersindo Rego.

“Este libro permitirá ao lector ter coñecemento dos veciños máis ilustres da Fonsagrada. Desde mediados do século XVII, documéntanse todos os apelidos máis coñecidos de Burón: Penamaría, Gegunde, Pasarín…

Hai fidelidade ás propias fontes, cun comentario que fai de fío condutor. Píntase tanto a realidade da parroquia como da vila”. (Da “Presentación”).

O libro está adicado in memoriam a don Ramón Rodríguez Mondelo.

Capítulos:

I. Orixes e evolución 

II. A igrexa, edificio e anexos 

III. A contorna da igrexa

IV. A Parroquia e dotación parroquial

V. Capelanías e confrarías

VI. Curas da Parroquia

Camiño contemplativo O Acebo – A Fonsagrada

A Parroquia de Santa María de A Fonsagrada organiza o luns 29 de xullo un Camiño Contemplativo que ten como finalidade facer unha etapa do Camiño Primitivo dende a fe. Será unha maña de oración, meditación, contemplación e convivencia.

Saída: Ás 8 e media da mañá diante da igrexa. Vaise en coches ata o Bar Acebo.

Distancia: 12 km.

Programa:

– Diante do Bar Acebo: bendición dos peregrinos

– Igrexa de Fonfría: Adoración Eucarística-Oración persoal

– Capela de Silvela: Santo Rosario

– Capela de Paradanova: lectura do Evanxeo

– Igrexa de A Fonsagrada: Eucaristía

– Xantar: Se os que se apunten o desexan pódese organizar o xantar.

Celebracións na Capela do Carme, Lugo

O 16 de xullo a Capela do Carme (Lugo) acolle as celebracións en honra á Virxe María do Monte Carmelo. Pola mañá hai misas cada hora a partir das 9 e ata as 12, cando é a Misa Solemne e trala cal quedará exposto o Santísimo.

Pola tarde, a partir das 19:30 h sucédense os seguintes actos: rosario, novena, Misa presidida por Mons. Alfonso Carrasco e procesión.

Para seguir a Eucaristía instalaranse dúas pantallas de televisión e cadeiras diante do templo.

A procesión discurrirá pola rúa do Miño, a Praza do Campo, a Rúa Nova e a Praza da Soidade, onde o grupo de gaitas Nubeiro e o coro Cantabile interpretarán unha composición en honra á Virxe. Con relación a anos anteriores, hai unha ampliación do percorrido da procesión, que tamén inclúe como novidade que os costaleiros portadores da imaxe da Virxe e os que levan a cruz e os ciriais irán ataviados con túnicas brancas. Trala procesión, Mons. Alfonso Carrasco imporá o escapulario a quen o desexe.

O 17 de xullo ás 19:30 h celébrase unha Misa polos confrades defuntos.

Vixilia da Adoración Nocturna conmemorativa do bicentenario do nacemento de Luis de Trelles

O sábado 13 de xullo, clausúrase o Curso de Verán da Fundación Luis de Trelles coa celebración na igrexa compostelana de San Francisco dunha solemne vixilia da Adoración Nocturna Española da Zona de Galicia, conmemorativa do bicentenario do nacemento de Luis de Trelles. Presidirá a Vixilia o arcebispo de Santiago Mons. Julián Barrio Barrio.

O Consello Diocesano da Adoración Nocturna de Lugo porá a disposición de todos os adoradores os autobuses necesarios para a viaxe, que sairán, o citado día 13, ás cinco da tarde, desde a Praza de Dinán (detrás da estación de autobuses) con paradas na Ronda, e na Fonte dos Ranchos.

Para máis información e reserva de prazas, chamar o 10 de xullo de 11:30 a 12:30 h ao teléfono 982 060 941

A %d blogueros les gusta esto: