Xornada Mundial da Vida Consagrada

A celebración deste ano para a Xornada Mundial da Vida Consagrada na Diocese de Lugo será na Santa Igrexa Catedral ás 12.00 horas do sábado 1 de febreiro de 2020. Presidirá a celebración o Sr. Bispo, Don Alfonso Carrasco Rouco.

Celébrase a Xornada da Vida Consagrada baixo o lema “A vida consagrada con María, esperanza dun mundo sufrinte”.

As persoas de especial consagración, coas súas palabras, coas súas accións, pero sobre todo coas súas propias vidas, anuncian esperanza. E o será sempre que aprenda de María e con María, Nai da Esperanza, a esperar só en Deus.

As persoas que viven unha especial consagración a Deus están chamadas a ser, con María, mestras e testemuñas da esperanza.

[Mensaxe da presidencia da CONFER para a Xornada Mundial da Vida Consagrada 2020]

[Materiais da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada]

Manifesto con motivo da xornada pola unidade dos cristiáns

O 26 de xaneiro na igrexa de San Francisco Xavier (Lugo) oraron conxuntamente católicos, evanxélicos e ortodoxos. Ao final, deu o seu testemuño o refuxiado hondureño Samanel (imaxe da dereita) e fíxose público o seguinte manifesto:

Como igrexas que camiñamos en Lugo, abrimos os ollos ao mundo dos migrantes e refuxiados, desde a mirada de Xesús, mirada de acollida.

Recoñecemos a necesidade de cambiar o noso corazón de pedra nun corazón como o de Xesús, cheo de amor ante os que sofren a separación das súas familias, a distancia da súa patria, e a indiferenza nos países de acollida.

Miramos aos países e os pobos, de onde fuxiron os refuxiados. Pedimos xustiza nos países de orixe de todos os migrantes, que buscan mellores condicións de vida, para eles e para as súas familias.

Miramos aos nosos veciños emigrantes e refuxiados que viven no noso país, que terminan nos suburbios e nos barrios pobres das grandes cidades, onde comparten a súa vida cos marxinados ou cos que están sen traballo.

Miramos aos responsables políticos, a todos os que teñen o poder de decidir os acordos e as leis internacionais. Pedimos que miren, non só polos interoses dos seus propios pases, senón que tomen en consideración a situación dos países pobres do mundo. Que se garanta ás persoas migrantes o dereito ao traballo, á educación e á sanidade pública e a súa inclusión social e profesional, con propostas non discriminatorias. Que todos os migrantes menores de idade sexan protexidos en conformidade coa Convención Internacional sobre Dereitos do Neno.

Abrimos os nosos corazóns, as nosas casas, e as nosas igrexas aos emigrantes, refuxiados, e a todos os que buscan asilo político. Que se consideren acollidos e integrados na nosa sociedade.

Asumimos, como cidadáns universais, o compromiso persoal proactivo de tecer entre todos unha verdadeira convivencia intercultural e transformar os muros de rexeitamento, racismo e xenofobia, en oportunidades para ACOLLER, PROTEXER, PROMOVER E INTEGRAR.

Que a comunidade cristiá nada de Pentecoste, na «diferenza de culturas», se abra aos migrantes e refuxiados, non só para acollelos, senón sobre todo para crear a “comuñón” entre as diferentes comunidades, e vivir así a universalidade da Igrexa.

De esquerda á dereita: Marcos Zapata (Igrexa evanxélica “Boas Noticias”), Radu Iacob (Parroquia ortodoxa rumana “San Hieromártir Jaralambos”), Jesús Santiago (Parroquia San Francisco Xavier – Igrexa católica) e Gerardo Castedo (un dos membros da organización do acto – Igrexa Católica)

Festival da Infancia Misioneira

O venres, 24 de xaneiro, os nenos de Lugo participarán nunha xincana para reflexionar sobre a migración e a multiculturalidade

 A mediados de xaneiro celébrase a campaña da Infancia Misioneira, que este ano ten como lema: “Con Xesús a Exipto, en marcha!”. No seu momento a Sagrada Familia tivera que fuxir a Exipto. Baseándose neste tema, a Delegación de Misións organiza o venres, 24 de xaneiro a partir das 17.15 h no colexio María Auxiliadora de Lugo, un festival infantil no que os nenos, a través dunha xincana descubrirán a cultura exipcia e tratarán temas como as migracións, a multiculturalidade e todos aqueles retos aos que se enfrontan quen teñen que abandonar as súas casas e comezar de novo noutro país e ter que vivir no medio dunha cultura estranxeira.

Tamén como parte desta campaña, o misioneiro comboniano, Rafael Pérez, está a percorrer colexios e parroquias da Diocese no seu labor de sensibilización misioneira compartindo cos nenos as súas vivencias en distintos países de misión. O misioneiro Rafael Pérez, natural de Valencia, estivo en Togo e Sudáfrica; posteriormente en Centroamérica, en Guatemala e Costa Rica. Na actualidade presta os seus servizos no campo da inmigración en Granada. Está no proxecto de acollida, acompañamento, formación e inserción social dos inmigrantes que chegan á fronteira sur española.

Mesa redonda sobre a Palabra de Deus

O luns día 20, con motivo do Domingo da Palabra convocado polo Papa para o 3º domingo do tempo ordinario, tivo lugar un encontro no Seminario co tema “A fontalidade da Palabra de Deus”.

O párroco de San Francisco Xavier, Jesús Fernández Aira, foi o primeiro en intervir, e sinalou que a Palabra é fonte na vida eclesial cotiá, na catequese, na vida dos laicos, na oración (lectura orante da Palabra de Deus), no compromiso no mundo e na cultura.

A continuación, o Delegado de Misións, Jesús Manuel Santiago Vázquez, falou da tradución da Biblia, algo que está feito na actualidade a 430 idiomas (a 1144 linguas no caso do Novo Testamento). E presentou o labor dos relixiosos ao longo da historia, destacando a San Cirilo e San Metodio (linguas eslavas), os xesuítas (linguas de Asia), os misioneiros en América (traducindo a Biblia ao nahuatl) e en África (ao suahili).

Finalmente o comboniano José Rafael Pérez deu a súa visión do tema: a Igrexa nace da Palabra e da Igrexa xorde a misión. Á súa vez, na actividade misioneira resulta central a Palabra de Deus, e non se pode entender unha sen a outra. Para Rafael Pérez o mellor misioneiro non é o que ten máis coñecementos ou máis rectitude, senón aquel que viviu a experiencia do encontro co Amado e desde a verdade que hai na Palabra, transforma a súa vida.

Foi un acto organizado pola Delegación de Misións e o Movemento Bíblico.

[Subsidio para a celebración do III domingo do tempo ordinario]

[Subsidio para la celebración del III domingo del tiempo ordinario]

Encontro sobre a Palabra de Deus

O luns 20 de xaneiro, con motivo do Domingo da Palabra convocado polo Papa para o 3º domingo do tempo ordinario, terá lugar un encontro no Seminario ás 8 da tarde, co tema “A fontalidade da Palabra de Deus”. Intervirán o párroco de San Francisco Javier, Jesús Fernández Aira; o Delegado de Misións, Jesús Manuel Santiago Vázquez, e o misioneiro comboniano José Rafael Pérez. É un acto organizado pola Delegación de Misións e o Movemento Bíblico.

[Subsidio litúrxico para o III domingo do tempo ordinario: Domingo da Palabra]

A %d blogueros les gusta esto: