Día de Hispanoamérica

O Día de Hispanoamérica ten como lema este ano «Para que nel teñan vida», en referencia ao título do Documento de Aparecida. Pídese pola Igrexa en América Latina, para que os cristiáns vivamos sempre con conciencia misioneira de que a vida que Deus regala é un don precioso que debemos compartir con todos os nosos irmáns, como fan os misioneiros e misioneiras que están en Latinoamérica.

 Na Parroquia lucense San Francisco Xavier faise un achegamento ás xentes de Latinoamérica que están na nosa terra. O 1 de marzo trala Misa das 12:30 h no salón parroquial representantes da comunidade latinoamericana achegarán mostras dos produtos típicos dos seus países e elementos das súas culturas.

[Materiais sobre a xornada]

Exercicios espirituais

Datas e lugar: 18, 19 e 20 de febreiro na Casa Diocesana de Exercicios de Lugo

Dirixe: D. Andrés Pérez Díaz, Arquidiocese de Oviedo.

Tema: Noso Pai.

Incio: 18 de febreiro ás 8 da tarde.

Finaliza: día 20 coa Eucaristía ás 13 h.

Realizaránse en silencio.

Interesados chamar ao teléfono 690 623 181 (Amalia).

Asemblea-Convivencia da Hospitalidade de Lourdes

O Seminario Diocesano acolle o martes 11 de febreiro a partir das 4,30 da tarde a Asemblea-Convivencia da Hospitalidade Diocesana de Nosa Señora de Lourdes. O programa é o seguinte:

1° Oración inicial; saúdo aos participantes. 2° Reflexión mariana, co título do lema do ano 2020: “Eu son a Inmaculada Concepcion”, a cargo de Isabel González Blanco, presidenta da asociación de mulleres rurais de Carballedo; co-responsable da zona de Carballedo – Chantada; socia e peregrina da Hospitalidade.

3° Breve información do curso 2018-19.

4° Breve exposición da programación do curso actual: 2019 – 20.

5° Presentación da xestión económica do curso 2018-19 e do orzamento para o curso actual..

6° Suxestións dos asambleistas, para as vindeiras peregrinacións e máis actividades da Hospitalidade, que axuden á boa marcha da mesma.

7° Vivencias ou resonancias persoais dos participantes. Sobre as 6,30: descanso de 15 minutos.

8° Eucaristía presidida polo Sr. Bispo e concelebrada polos sacerdotes asistentes.

Final da Asemblea, sobre as sete e media da tarde.

Presentación da Campaña contra a fame (Mans Unidas)

Miguel Leiva Torreiro

O Día do xaxún voluntario que organiza Mans Unidas Lugo no Seminario o 7 de febreiro comezou coa presentación da 61ª Campaña contra a fame: “Quen máis sofre os malos tratos ao planeta non es ti. Colaborar está na túa man” a cargo de Xulio Xiz. E o profesor do Seminario Diocesano Miguel Leiva Torreiro deu unha charla que dividiu en 3 partes:

I) Estamos a queimar a casa común. Entre outras cuestións, Miguel Leiva deu unha cifra: queda petróleo para 44 anos. E un dos pensamentos que achegou foi: os humanos considerámonos amos do mundo cando en realidade somos administradores.

II) Aprender a renunciar. Os habitantes do planeta que pasamos por este mundo como se fosemos en departamentos de 1ª clase dun tren, temos que compartir cos que van en vagóns de categorías inferiores; porque o importante é que o tren poida seguir facendo a viaxe en paz. Renunciar non supón necesariamente vivir con escaseza senón vivir compartindo.

III) Consumo responsable, que segue a regra dos tres es: ético (potencia o traballo digno, coñece a procedencia do consumido, non se toma à lixeira o consume de alcohol…), ecolóxico (rexeita empresas que agreden o medio ambiente, rexeita a obsolescencia programada…), empático (fíxase em quen está detrás do producido, é solidario…).

[Manifesto e proxectos que financia Mans Unidas Lugo]

Conectando xeracións: homenaxe ás persoas maiores

O Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo e o Instituto da Familia de Ourense poñen en marcha Conectando Xeracións co obxectivo de establecer entre as xeracións novas e as persoas maiores vínculos de relación de xeito que os mozos descubran a riqueza das vidas dos maiores

O fundamento desta actividade, apoiada pola Xunta de Galicia, é pór en contacto aos máis novos coa experiencia persoal dos maiores. E aos maiores ofrecerlles un foro no que ser escoitados e valorados a través do diálogo cos mozos.

Os alumnos seleccionados en colexios concertados de Lugo, polas súas habilidades literarias e gañas de facer voluntariado, terán entrevistas con cada unha das persoas maiores, residentes do Asilo San Roque, ás que lles farán a súa biografía. O primeiro encontro terá lugar o martes 11 de febreiro, ás 17 h.

Ao finalizar os encontros cada mozo redactará a súa narración e converterase nun capítulo dun libro que será editado polo Instituto da Familia. Ademais, faranse reportaxes fotográficas dos encontros que tamén se incluirán na obra.

A %d blogueros les gusta esto: