Recomendacións da Hospitalidade Diocesana de Lourdes

 Un dos fins principais da Hospitalidade de Lourdes é  estar a carón dos enfermos, sobre todo os que viven no seu domicilio; persoas que viven soas ou persoas que teñen máis dificultade en comunicarse e relacionarse cos demais. Por iso, e tendo en conta a situación actual, dirixímonos a toda persoa de boa vontade e sobre todo e dun xeito especial aos miles de peregrinos a Lourdes da provincia e da Diocese lucenses.

Son moitos, en circunstancias normais, os que durante o ano están en contacto co resto dos peregrinos, sobre todo cos que viven polas súas limitacións máis illados con visitas; axudas; chamadas por teléfono etc.

Estamos nuns momentos en que por necesidade, solidariedade e legalidade, hai que permanecer nas casas. Este illamento físico (para moitos máis doloroso e duro) pode levarnos por desgraza mesmo a un illamento sentimental ou espiritual. Debemos todos acompañarnos, se cabe con máis entusiasmo e ilusión, facendo da necesidade virtude: máis unidos e prestar máis as axudas que podemos realizar; e aceptar con máis benevolencia a axuda que outros nos prestan, dentro das súas posibilidades tan limitadas, pero cun maior esforzo de amor e caridade da súa boa vontade. Porque todos podemos axudar e todos necesitamos axuda, todos somos caídos na viaxe e todos podemos ser samaritanos.

Recomendamos:

1) Estar máis en contacto por teléfono ou calquera outro medio sobre todo cos que viven sós, tamén co resto dos peregrinos que se coñezan e por suposto co resto da familia.

2) Rezar por todos, sobre todo polos peregrinos. Pídeselles aos sacerdotes que peregrinan a Lourdes (máis dun centenar), que lembren dun xeito especial a todos os peregrinos.

3) Se é  posible, seguir a Misa polos medios de comunicación. Agora cada domicilio pode converterse en templo de oración.

4) Que María a nosa Nai, baixo a advocación de Lourdes; de Fátima; da Saúde, sexa nestes momentos: modelo, intercesora e que nos una como só o sabe facer unha nai! Que o Señor, conceda luz e inspire a todos os que se esforzan por vencer ao inimigo común e así a humanidade poida volver á súa vida normal!

Como persoas de Fe, esta pode ser unha invitación ou ocasión máis, para recoñecer a debilidade e limitación do ser humano e o poder infinito do Señor, que para nós sempre é Pai.

Lugo, 19 de marzo de 2020

A Xunta Directiva da Hospitalidade de Lourdes de Lugo

Día da clase obreira galega

Desde a IOAC-HOAC de Galicia sumámonos ás convocatorias efectuadas en torno ao 10 de marzo de 2020, recoñecido como Día da clase obreira galega, e que se celebra especialmente ante a urxente necesidade de poñer fin á lacra da precariedade laboral que caracteriza o actual sistema de relacións laborais e que lesiona os dereitos das persoas traballadoras e das súas familias.

A indecente precariedade do traballo está a afectar duramente á mocidade afundida nunha pobreza crónica que lles imposibilita un proxecto de vida; a familias cuxas necesidades básicas quedan sen asegurar ou sen cubrir, como son o teito, luz, comida, roupa ou medicamentos; e a persoas maiores que sofren unha vellez sen calidade por mor dunhas pensións indignas. Trátase de situacións provocadas por un sistema capitalista inxusto que sitúa o traballo, non como fonte de vida e dignidade, senón como recurso ao servizo imperioso do capital á conta da precariedade latente das persoas traballadoras e da exclusión de todos aos que o papa Francisco define como “descartados”.

Afirmamos que o traballo é esencial para a vida das persoas porque axuda a construír a nosa humanidade. A través del potenciamos, desenvolvemos e expandimos as nosas capacidades e calidades. É necesario repensar o sentido do traballo, da economía e da empresa, devaluadas na nosa sociedade. Para iso temos que esixir a políticos, gobernantes e poderes económicos uns dereitos que son básicos para a construción dunha sociedade cuxo sentido e función sirvan ao ben común.

Como se indica no Informe FOESSA 2019 para Galicia, o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria e conta cunha alta taxa de vulnerabilidade social. Case un de cada cinco galegos –470.000 persoas— se atopa en situación de exclusión social. O 9,1% da poboación –245.858 persoas– está nunha situación de exclusión moderada e o 8,4% –226.946 persoas– en exclusión severa.

A desigualdade no mercado de traballo está a impoñer o discurso de que o éxito final reside na consideración do emprego como un privilexio e non como un dereito. A precariedade laboral converteuse xa nunha forma de vida estrutural na nosa sociedade. Iso reflíctese en que a taxa de traballadores pobres é do 12,2 %, e que do total da poboación excluída, 4 de cada 10 está a traballar, o cal rompe a idea de que un posto de traballo e un salario saca ás persoas das situacións de exclusión.

Ante esta realidade de desigualdade e exclusión que afecta, tamén no Estado español, a millóns de traballadores e traballadoras, desde a IOAC-HOAC de Galicia lembramos que «a política económica debe estar ao servizo do traballo digno. É imprescindible a colaboración de todos, especialmente de empresarios, sindicatos e políticos, para xerar ese emprego digno e estable, e contribuír con el ao desenvolvemento das persoas e da sociedade. É unha destacada forma de caridade e xustiza social» (Conferencia Episcopal Española, Igrexa, servidora dos pobres, 32).

Como Igrexa, que quere ser boa noticia no noso mundo, facémonos presentes e posicionámonos en contra daquelas situacións que atentan contra a dignidade das persoas

Desde estas constatacións, reclamamos:

Que se sitúe á persoa no centro da vida política, das relacións laborais e do traballo, a fin de abordar a indecente precariedade que descarta a millóns de persoas ao acceso “a un traballo decente e non de calquera modo”, en palabras do papa Francisco, e de facilitar o diálogo social entre os gobernos e as organizacións de traballadores e traballadoras, empresariado e axentes sociais.

Que se faga efectivo por parte dos poderes públicos o dereito a un traballo digno para todas as persoas, xa que o traballo é expresión da propia dignidade.

Que se recoñeza social e xuridicamente o traballo de coidados. Para iso necesitamos unha formulación nova de políticas sociais, de xénero e educativas que facilite unha prestación dos coidados compartida por homes e mulleres, e que posibilite unha igualdade real de oportunidades no lugar de traballo.

Afirmamos que o traballo é para a vida, polo que se ten que producir nunhas condicións laborais que garantan a integridade física e psíquica da persoa, e que garantan a súa protección social. Por iso reclamamos: Nin unha persoa morta máis por accidente de traballo.

Como xesto profético, neste Día da clase obreira galega convidamos ás distintas comunidades cristiás a celebrar a Eucaristía en acción de grazas polo don do traballo humano e como signo de solidariedade con quen sofre a deshumanización do traballo.

Convidamos, igualmente, a participar naquelas actividades que convoquen as organizacións sindicais para esixir un traballo decente acorde coa dignidade de toda persoa e de todas as persoas, lembrando a celebración do Día da clase obreira galega.

… E que os obreiros mortos no campo de honra do traballo e a loita descansen en paz.

Xornadas Abertas de Teoloxía

Baixo o título “A liberdade relixiosa”, do 9 ao 11 de marzo terán lugar as XXXIV Xornadas Abertas de Teoloxía, que se desenvolverán no Círculo das Artes de Lugo co seguinte programa:

Luns 9 de marzo – 20.00 h.

Conferencia: “A xestión da liberdade relixiosa en España: balance e perspectivas”

Relator: D. Jaime Rossell

Catedrático de Dereito Eclesiástico do Estado. Facultade de Dereito. Universidade de Estremadura.

Martes 10 de marzo – 20.00 h.

Conferencia: “Que liberdade e que relixión? Consideracións antropo-teolóxicas”

Relator: D. João Manuel Correia R. Duque

Doutor en Teoloxía. Presidente da Universidade Católica Portuguesa. Braga.

Mércores 11 de marzo – 20.00 h.

Conferencia: “A Igrexa sementando esperanza na Venezuela de hoxe”

Relator: S.E.R. Mons. Jaime José Villarroel Rodríguez. Bispo da Diocese de Carúpano. Venezuela.

75 aniversario das Misioneiras do Divino Mestre

A Congregación de Misioneiras e Cooperadores Segrares do Divino Mestre celebra o 75 Aniversario do seu nacemento.

Por este motivo, a Comunidade de Relixiosas, os Cooperadores Segrares e o Claustro de Profesores do Colexio Divino Mestre de Lugo invita á Eucaristía de Acción de Grazas que se celebrará o vindeiro luns 9 de marzo ás 19:30 h na Parroquia San Antonio de Padua (Lugo)

Recentemente Colexio Divino Maestro de Lugo resultou galardoado co 3° premio de Innovación Educativa convocado polo grupo SM e Escolas Católicas; co que queren recoñecer proxectos pedagóxicos que promovan abordaxes innovadoras que favorezan a aprendizaxe, a integración, o emprendemento.

Charla-taller sobre o acompañamento a nenos na experiencia de perda

O luns 2 de marzo ás 18:30 h. no Colexio María Auxiliadora (Lugo) Cristina Bandín impartirá unha charla-taller aberta a todo o público baixo o título “Dó e escola. Acompañar aos nenos na experiencia de perda”. Cristina Bandín é psicóloga, traballadora social e terapeuta familiar. Colabora co Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo.

Cando un neno está en dó vense afectadas a súa atención, a súa concentración, a súa motivación pola aprendizaxe, porque as súas emocións están disparadas. Por todo isto é de gran interese para facilitar o desenvolvemento integral dos nenos, que os que están ao seu redor coñezan o que lles ocorre cando están en dó. Que poden facer os pais e os profesores? Que se debe evitar?

A %d blogueros les gusta esto: