Nova edición da Biblia en galego

É motivo de ledicia dar noticia da aparición da cuarta edición da Biblia traducida á lingua galega partindo das orixinais: hebreo, arameo e grego. Esgotada a edición anterior, non podíamos permanecer indiferentes ante o baldeiro existente e as necesidades das moitas peticións que xurdían directamente do pobo galego e de diversos grupos e institucións.

Esta nova edición, presentada xa na Diocese de Lugo, non soamente é unha aportación pedagóxica e necesaria para a investigación senón que, sobre todo, ofrece unha nova revisión lingüística dos textos adaptados á normativa actual do galego. Un equipo de filólogas e filólogos convocados pola editorial SEPT, e co apoio da Xunta de Galicia, traballaron con esmero e xenerosidade. É de recoñecer tamén a valiosa aportación do biblista Xosé Fernández Lago quen supervisou esta nova edición e o profesor da Diocese lucense Xosé Antonio Salgado Agromartín, quen traduciu o Libro de Daniel.

O beneplácito dos Bispos das Dioceses da Provincia Eclesiástica Compostelá en Galicia, representados polo arcebispo emérito D. Xulián Barrio, contribuiu a significar a relevancia deste feito no campo relixioso do cristianismo e da cultura universal.

Importantes razóns xustifican esta publicación: 1) a cooperación co movemento de implantación da liturxia na nosa lingua que coa publicación do novo Misal, ano MMXXIII, (cuxa reedición actualizada foi aprobada recentemente polos bispos das dioceses de lingua galega e confirmada pola congregación do culto divino) e doutros textos axudará a restablecer a normalidade lingüística na expresión litúrxica e devocional dos católicos galegos. 2) Desde unha perspectiva estritamente cultural, con importantes repercusións no desenvolvemento e no enriquecemento da singularidade dun pobo, nunca debemos esquecer que estamos ante os libros máis fermosos e mellores da literatura e do pensamento universal.

Xa o Papa Paulo VI recordaba na Evangelii Nuntiandi que a nova evanxelización perdería moito da súa eficacia se non se tomase en consideración o pobo concreto ao que se dirixe, ou se non se utilizase a súa lingua, signos e símbolos.

Xosé Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Peregrinacións en maio

Peregrinación ao Santuario do Corpiño

Os Arciprestados de Melide e Monforte de Lemos convidan a asistir o 1 de maio á peregrinación ao Santuario do Corpiño, neste ano Santo Mariano. Os interesados poden apuntarse nas Parroquias.

 

Peregrinación a Franqueira

O xoves 1 de maio as Parroquias de Castroverde, Meira, Sarria e Lugo organizan unha peregrinación ao santuario de Franqueira. Hai dúas modalidades: 1) andaina, participación na Misa e xantar; 2) chegada en bus ao santuario, Misa e xantar.

Información  Meira (658 370 318); Sarria (625 646 558); Lugo e Castroverde (667 677 363).

 

Peregrinación a Fátima

As parroquias de Taboada organizan unha peregrinación ao santuario de Fátima os días 17, 18 e 19 de maio.

Libro dos 75 anos da Confraría do Bo Xesús

Con motivo dos 75 anos da súa existencia, a Confraría do Bo Xesús publicou un libro titulado Confraría Episcopal e Catedralicia do Bo Xesús. 75 anos de paixón (1949.2024). Reprodúcese a continuación o apartado “Camiñando con paso firme”

Paso a paso, como se se tratase dun desfile procesional, a Confraría do Bo Xesús chega a 2024. A procesión desta Confraría está asentada na Semana Santa lucense cos seus pasos, as súas ringleiras de confrades, os nazarenos con cruces ás costas, o encontro coa Virxe, a Banda de Guerra da Brigada “Galicia” VII, as escuadras de gastadores e bandeiras do Grupo Loxístico VII.

Desde hai algúns anos, no atrio da Catedral, é tamén tradición que os soldados interpreten a peza “La saeta”, o cal lle pon broche de ouro ao Martes Santo. […]

Á Confraría do Bo Xesús non cabe dúbida de que ainda lle quedan moitos anos de vida por diante, pero iso vai depender de todos, directiva, confrades, institucións… O futuro está nas mans de todos eles e o ano 2024 pode servir para tomar impulso, e con forzas renovadas, seguir traballando

Encontro de relixiosos e sacerdotes inmigrantes na Diocese

O sábado 13 de abril no salón da parroquia de San Francisco Xavier de Lugo terá lugar o segundo Encontro de relixiosos e sacerdotes inmigrantes na Diocese de Lugo. O anterior fora o 29 de abril do ano 2023. Tamén se convida a misioneiros lucenses que se atopen pola Diocese. A orde do día será o seguinte:

– 10:00  Saúdo, benvida e oración

– 10:20   Café e diálogo

– 10:45   Revisión do percorrido desde o encontro do ano pasado

– 11:30  Programación de actividades a compartir proximamente:

  • Día de excursión e convivencia con inmigrantes no mes de xullo (celebración da Eucaristía e intre de ocio)
  • Xornada Mundial do Migrante e Refuxiado (29 de setembro).
  • Realización dalgún Círculo de Silencio fóra da cidade de Lugo
  • Celebración da Virxe de Guadalupe (14 decembro) para latinoamericanos e españois

– 13.00 Final da reunión.

Ciclo de conferencias no Corpiño

O 13 de abril comeza no Santuario do Corpiño un ciclo de conferencias baixo o título “Espiritualidades alternativas?”. Serán impartidas por Luis Santamaría del Río, prestixioso experto en seitas, membro fundador da Rede Iberoamericana de Estudo das Seitas (RIES). As conferencias comezan despois da Misas das 18 h e terán os seguintes contidos:

Sábado 13 de abril:  A realidade das seitas

Que é unha seita? Como atrae e capta ás persoas? Cales son as súas técnicas de manipulación psicolóxica? Cal é a situación das seitas en España? Cales son as que máis crecen actualmente? Que di a Igrexa católica sobre o fenómeno sectario?

 

 Sábado 11 de maio:  O desafío da Nova Era

Que é a New Age? Cales son as súas correntes principais? Que imaxe ofrece do divino e do humano? Que perigo hai nalgunhas correntes psicolóxicas? Por que é unha trampa para crentes e non crentes? É certo que deriva doadamente cara ao sectario?

 

 Sábado 8 de xuño: Meditación, relaxación, terapias… coidado!

Que problema hai na busca de paz interior? O ioga e o mindfulness teñen algún tipo de risco? Por que non debería practicar reiki? É certo que as emocións provocan enfermidades? Podo ser cristián e á vez buscar a sanación espiritual?

A %d blogueros les gusta esto: