Pascua do Enfermo

O lema da Campaña deste ano é: «Acompañar na soidade», co tema «Vide a min todos os que estades cansos e angustiados, e eu aliviareivos» (Mt 11, 28).

Quen experimenta o consolo do Señor e levarlles ese alivio de Cristo aos quen está cansos e angustiados pola enfermidade. O lema propón fixarse nunha das causas dese cansazo: a soidade. Con só botar unha vista aos datos da soidade compróbase que ten as dimensións dunha epidemia.

O domingo 17 de maio Televisión de Galicia retransmite a Eucaristía das 10 h desde a Catedral de Lugo.

Protocolo de prevención do contaxio nos lugares de culto da diocese de Lugo

Tras decretar o 14 de marzo pasado o estado de alarma, para evitar a expansión do covid-19, o Goberno de España anunciou agora o levantamento paulatino das medidas restritivas.

Dada a grave responsabilidade que supón previr o contaxio da enfermidade, lembramos a todos a necesidade de seguir as normas ditadas a este respecto polas nosas autoridades lexítimas.

E establecemos as seguintes disposicións para a celebración do culto público nas nosas parroquias, encomendándoas á prudencia dos sacerdotes responsables e dos membros das súas comunidades.

I. Disposicións de carácter xeral

1. Segue vixente a dispensa do precepto dominical, concedida o pasado 13 de marzo. Recoméndase ás persoas que presenten síntomas ou sexan poboación de risco que sigan absténdose de acudir ao templo.

2. De maneira semellante, os sacerdotes pertencentes ao grupo de risco están eximidos das obrigacións de celebración do culto público nas súas parroquias.

3. Poderá congregarse ao Pobo de Deus para a celebración do culto público a partir do día 11 de maio, inicio da fase 1, respectando as seguintes condicións:

3.1. Garantirase que os espazos estean desinfectados conforme ás normas sanitarias antes de cada celebración.

3.2. Para a desinfección, utilícense produtos que non danen o mobiliario das igrexas. O Ministerio de Cultura recomendou recentemente o etanol, disolto ao 70%. En caso de utilizar outros produtos, compróbese antes a súa ficha técnica.

3.3. Ofrecerase á entrada do templo xel hidroalcohólico ou algún desinfectante similar para as mans.

4. Nos horarios en que se ofrece acceso libre aos fieis para a oración, a porta do templo deberá estar aberta. Os espazos afectados serán desinfectados antes de cada apertura.

5. Para determinar o aforamento e a distancia de seguridade, tomarase como referencia o indicado polas autoridades civís para cada fase (até agora 1/3 na primeira fase e 1/2 na segunda).

6. Pídese que, en xeral, os fieis fagan uso de máscara nas igrexas.

7. As pías de auga bendita continuarán baleiras.

8. Recoméndase aos fieis non tocar retablos, imaxes ou outros obxectos artísticos.

II. Disposicións ao redor da celebración da Santa Misa

1. Persoas responsables ocuparanse de:

1.1. A entrada ordenada dos fieis no templo, respectando a distancia de seguridade.

1.2. O peche da porta de entrada, ao completar o aforamento permitido.

1.3. A distribución dos fieis no templo.

1.4. A orde á hora de comulgar.

1.5. A apertura da porta ao terminar a celebración e a saída ordenada dos fieis respectando a distancia de seguridade.

2. As portas das igrexas manteranse abertas á entrada e saída das celebracións.

3. Evitaranse os coros nas celebracións; recoméndase manter un só cantor ou algunhas voces individuais e algún instrumento.

Non se distribuirán follas de cantos, coas lecturas ou calquera outro obxecto de papel.

4. Non se pasará a cesta da colecta, senón que se advertirá aos fieis da súa colocación nun lugar determinado e facilmente accesible.

5. O cáliz, a patena e os copones estarán cubertos coa palia durante a pregaria eucarística. Manteranse por separado a forma que sumirá o sacerdote e as formas para a comuñón dos fieis.

6. O sacerdote celebrante desinfectará as súas mans ao empezar o canon da misa e, xunto cos demais ministros da comuñón, antes de distribuíla.

7. Mantense a indicación de evitar dar a man e outras formas de contacto físico no rito da paz. Lémbrase que, segundo o previsto nas normas, é posible prescindir deste rito nas actuais circunstancias.

8. O diálogo individual da comuñón (“O Corpo de Cristo. Amén”), será substituído pola oración que fará publicamente o sacerdote antes de comulgar (“O Corpo de Cristo gárdenos para a vida eterna”) ao que o pobo responderá en voz alta (“Amén”). A Eucaristía distribuirase logo en silencio.

III. Disposicións relativas a outras celebracións sacramentais

1. A celebración do Sacramento da reconciliación e os momentos de escoita dos fieis: ademais das medidas xerais, escollerase un espazo que permita manter a distancia social asegurando a confidencialidade. Tanto o fiel como o confesor deberán levar máscara. Ao acabar, aconséllase reiterar a hixiene de mans e a limpeza das superficies.

2. Bautismo: Rito breve. Nas unciones pódese utilizar un algodón ou bastonciño dun só uso, incinerándose ao terminar a celebración.

3. Matrimonio: Os aneis, arras, etc., deberán ser manipulados exclusivamente polos contraentes. Mantéñanse a debida prudencia na firma dos contraentes e as testemuñas, así como na entrega da documentación correspondente.

4. Unción de enfermos: Unción de enfermos: Rito breve. Na administración dos óleos pode utilizarse un algodón ou bastonciño como se indicou anteriormente. Os sacerdotes moi maiores ou enfermos non deberían administrar este sacramento a persoas que están infectadas por coronavirus. En todo caso, obsérvense as indicacións de protección indicadas polas autoridades sanitarias correspondentes. En todo caso, obsérvense as indicacións de protección indicadas polas autoridades sanitarias correspondentes.

5. Exequias de defuntos: Os funerais e as exequias seguirán os mesmos criterios da misa dominical. Aínda que sexa difícil neses momentos de dor, convén lembrar a importancia de manter a distancia de seguridade. Deberán cumprirse as limitacións que establezan as autoridades sanitarias nos velorios e cemiterios.

6. Na celebración de bautismos, primeiras comuñóns, vodas ou funerais recoméndase ao párroco acordar en diálogo cos interesados a organización do servizo de orde, así como o aforamento e as oportunas medidas de precaución.

IV. Utilización de dependencias parroquiais para reunións ou sesións formativas

De acordo coas pautas indicadas na Previsión orientativa do Ministerio de Sanidade:

1. Na primeira fase, poderán ter lugar reunións de menos de 30 persoas, en espazos pechados nos que non se supere 1/3 do aforamento, e respectando a distancia de seguridade e a utilización de máscaras.

2. Na segunda fase, poderán ter lugar reunións de menos de 50 persoas, en espazos pechados nos que non se supere 1/3 do aforamento, e respectando a distancia de seguridade e a utilización de máscaras.

3. Na terceira fase, poderán ter lugar reunións de menos de 80 persoas, en espazos pechados nos que non se supere 1/3 do aforamento, e respectando a distancia de seguridade e a utilización de máscaras.

Todas estas medidas comezarán a aplicarse a partir do día 11 de maio, coincidindo co inicio da Fase 1. Serán revisadas puntualmente segundo a normativa emanada polas autoridades competentes.

Lugo, Cidade do Sacramento, a 6 de maio de 2020

A peregrinación diocesana a Lourdes, posposta a outono

A Hospitalidade Diocesana da nosa Señora de Lourdes de Lugo, informa que, debido á actual realidade sanitaria e os informes recibidos do Santuario francés de Lourdes, vese obrigada a suspender a Peregrinación anual de enfermos a Lourdes, na data en que estaba programada, do 29 de xuño ao 3 de xullo. Trasládase dita peregrinación á última semana do vindeiro mes de setembro ou á semana despois das festas de San Froilán, sempre que o permita o desenvolvemento da crise sanitaria. A finais do mes de xuño ou primeiros de xullo, farase unha comunicación persoal a cada socio e peregrino, do decidido nese momento pola Xunta Directiva, sobre todo o relacionado con este tema.

As persoas que até a data entregaron algunha cantidade de diñeiro como inscrición, poden esperar, se o desexan, ao próximo mes de xullo cando se comunique a data dispoñible para peregrinar, ou recuperar inmediatamente todo o seu diñeiro, ben persoalmente, cando sexa posible verse, ben facilitando á Xunta Directiva o número da súa conta bancaria para realizar ao momento o seu abono, ou ben contactando co responsable da súa zona.

Infórmase tamén que todas as demais actividades e reunións de zona programadas para este curso social, quedan aprazadas até novo aviso.

Por último, a Hospitalidade de Lourdes recomenda vivamente aos socios e peregrinos, a maior relación posible entre todos, e dun xeito especial con aquelas persoas que vivan soas ou teñan algún problema que as faga depender dos demais.

Actividades asistenciais de parroquias da Diocese de Lugo durante o estado de alarma

1. Parroquia da Estación de Monforte de Lemos

– Un grupo de voluntarias da Parroquia xunto coas Irmás Clarisas cosen máscaras para doalas a persoas e grupos que o necesiten.

Retransmisión da Santa Misa todos os días.

2. Parroquia de Santa Mariña de Chantada

Retransmisión da Santa Misa todos os días.

3. Parroquia de Santa María de Meira

– Axudas especiais a familias en risco a través de Cáritas Parroquial.

4. Parroquia de Santa María da Fonsagrada

Retransmisión diaria da Santa Misa

– Axudas para o aluguer de vivenda e compra de alimentos a familias inmigrantes.

5. Parroquias dos concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón e O Saviñao

– Misa dominical e mensaxes en youtube

6. Parroquia das Dores de Lalín

Retransmisión da Santa Misa.

7. Sacerdotes en xeral

– Contacto telefónico e por mensaxería instantánea con fregueses.

8. Diocese de Lugo

– Cesión de instalacións do Seminario para aloxamento de persoal sanitario

– Supresión dos alugueres durante os meses que dure o estado de alarma aos negocios instalados en locais da Diocese e que se viron obrigados a pechar como consecuencia desta situación

– Comedor San Froilán. Repartición diaria de comida a transeúntes e familias. Actualmente sérvense unhas 150 comidas diarias (un 50% máis das que distribuía antes desta crise), todas elas para levar.

Retransmisión da Santa Misa desde o Bispado

– Campaña especial dos sacerdotes para Cáritas Diocesana

O Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo atende por chamada ou por Skype durante a corentena

A atención realízana a psicóloga e terapeuta familiar, Cristina Bandín, e o sacerdote e orientador familiar, Nicolás Susena.
O coronavirus provocou un gran cambio na vida de moitas familias. Algunhas teñen que enfrontarse estes días ante situacións non só inesperadas, senón verdadeiramente dramáticas.
Son días complicados, onde moitas persoas atravesan situacións difíciles agravadas por esta pandemia. Non todo o mundo conta co mesmo apoio nin recursos, nin están acompañados como para poder compartir aquilo que lles sucede.
A iso súmase a dor que provoca saber que tantos familiares ou amigos están contaxiados, e a impotencia de non poder acompañalos. E a dor de quen teñen que chorar a morte dos seus seres queridos no silencio da corentena.
Por ese motivo, o Centro de Orientación Familiar (COF) Diocesano de Lugo únese a quen se atopan nesta situación. Combater a ansiedade, a desesperanza, acompañar na dor ou na soidade, e xerar un espazo de escoita é agora clave para quen viven na Diocese de Lugo.
Para facilitar a atención é necesario que previamente se chame ao teléfono 673 223 393 ou ao correo electrónico do COF (info@cofdiocesano.org). Todas as consultas fanse por teléfono ou por Skype. E nesta ocasión a atención será gratuíta.

Desde 2013 prestando servizo
O COF Diocesano leva preto dunha década acompañando a familias e a persoas con situacións moi diversas. Tamén ofrece sempre unha dimensión formativa a través de conferencias, talleres ou cursos onde teñen especial importancia o crecemento integral da persoa e o seu desenvolvemento ante as dificultades.

A %d blogueros les gusta esto: