Ofrenda do Antiguo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento 2020

Ás 12 da mañá do 21 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que vén celebrando desde 1669. Este ano correspondíalle á cidade de Lugo a presentación desta Ofrenda.

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidiu a Eucaristía na que concelebraron o resto dos bispos galegos, e o bispo electo de Astorga. Acompañaron á oferente, a alcaldesa da cidade de Lugo, Lara Méndez, os alcaldes e representantes das sete cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.

Na contestación á Ofrenda, o bispo de Lugo, Mons. Carrasco Rouco comezou a súa homilía manifestando o seu agradecemento á alcaldesa oferente a presentación da ofrenda “que asumiu esta responsabilidade nun ano tan extraordinario como este 2020, en que o mundo e tamén Galicia sofre esta pandemia provocada polo covid-19 (…) na orixe deste singular privilexio eucarístico, segundo unha vella tradición, houbo outra opción, un xesto de liberdade tamén en tempos difíciles (…) a opción que levou aos nosos pais a pór un signo eucarístico no centro do Altar maior da súa Igrexa principal, foi recoñecer outro camiño: O do fillo de Deus que se fixo carne, e na súa carne realizou a salvación, levouna á gloria e á resurrección. Entenderon que non se bastaban a si mesmos, que non era suficiente organizar ben as súas forzas, que a resposta ao enigma da vida viña dun don, dun amor”.

Continuou dicindo que “o Señor no Altar maior, é a afirmación do valor da nosa humanidade, da carne e do sangue en que se realizará a salvación. É a defensa do humilde, do que chora, do que busca a paz, do que é misericordioso e manso, do que non nega a fe do corazón, do que confía en Deus Pai. É a vitoria do humilde, do que recoñece que non pode darse a vida, que as súas forzas non abondan para asegurarlle o ben que desexa para si mesmo, para a súa familia e para a súa terra. É a vitoria dos sinxelos de corazón, que recoñecen a verdade manifesta tan humanamente en Xesús. (…) “Así se irá conformando moito mellor o pobo galego. Que pode afirmar sen medo a vida e a dignidade da propia existencia. Que non teme ao traballo e vive no medio da natureza con realismo. Que sabe compartir as penas e as alegrías, que sabe pór a mesa e abrirlle a casa aos seus, aos veciños, aos invitados. Que non pecha a porta ao necesitado, senón que o atende e recolle. Que coida de pais e avós, que non abandona aos seus nas dificultades ou na enfermidade. Que se alegra polo esplendor da humanidade dos propios santos patróns, en quen ve a certeza das promesas cumpridas e axuda constantemente no camiño; que celebra as súas festas sen medos, lixeiros de corazón, compartindo a fe e a caridade, o agradecemento e a alegría de vivir”.

Finalizou resaltando que neste tempo difícil “recollamos de novo o desafío que expresan as palabras coas que os nosos antepasados acompañaron este signo eucarístico: aquí profesamos con firmeza este misterio da nosa fe (…) Todos os esforzos son benvidos, todos os traballos necesarios. Todas as colaboracións son causa de alegría e alixeiran o camiño. Cada xesto conta, cada palabra de consolo, cada momento de compañía. Nestes días aprendamos de novo, ás veces con dor, que é decisivo dicir sempre: cada un importa”.

Funeral por todos os falecidos no tempo da pandemia

O xoves 18 de xuño ás 19 h na Catedral tivo lugar un solemne funeral polo eterno descanso de todos os falecidos durante o tempo da pandemia.

Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco comezou saudando aos sacerdotes chegados de distintos puntos da Diocese, a autoridades civís, representantes dos corpos e forzas de seguridade e a todos os presentes. Dixo que poderiamos chorar aos defuntos cada un na súa casa, pero o que nos convocaba era unha fe e unha esperanza inmensas. Tamén sinalou que por un instante durante a pandemia puido pensarse que a morte era quen gobernaba o mundo, pero xa polo comezo da oración do nosopai decatámonos de que realmente non estamos gobernados pola morte. Seguiu o bispo de Lugo glosando o nosopai e ao final solicitou a salvación para os falecidos. Tamén pediu a bendición para aquelas persoas ás que debemos estar agradecidos e para os dirixentes que toman decisións que afectan a todos.

Novena na honra da Virxe do Corpiño

O Santuario da Virxe do Corpiño acolle a partir do luns 15 de xuño a Novena á Benaventurada Virxe María, que se desenvolverá cada día ás 12 h e ás 18 h:

Luns 15 Novena día 1 dedicado a Cáritas e aos máis necesitados. “Operación quilo”. Cada un achega un quilo de alimentos non perecedoiros e entregaranse a Cáritas.

Martes 16. Novena día 2 dedicado á familia, matrimonios e à vida. Bendición das familias, embarazadas e as persoas que desexan ter fillos e non o logran.

Mércores 17. Novena día 3 dedicado ao canto. Bendición dos instrumentos musicais do coro Nosa Señora do Corpiño e dos se dedican ao canto e á música.

Xoves 18. Novena día 4 dedicado a Cáritas e aos máis necesitados. Operacion quilo. Cada un achega un quilo de alimentos non perecedoiros e entregaranse a Cáritas.

Venres 19. Novena día 5 dedicado ao traballo e traballadores. Bendición das mans, ferramentas de traballo e ás persoas que non teñen traballo.

Sábado 20. Novena día 6 dedicado á oracion. Exposición do Santísimo en oración polas vocacións e a vida consagrada.

Domingo 21. Novena día 7 dedicado aos defuntos. Pídese polos reitores, confrades e devotos da Virxe do Corpiño que faleceron.

Luns 22. Novena día 8 dedicado ás persoas maiores e enfermos. Bendición dos enfermos, medicamentos e auga para tomalas.

Martes 23. Novena día 9 dedicado aos peregrinos, devotos e seguidores das redes sociais. Rézase polos devotos en xeral e en especial polos que están lonxe e seguen por internet e redes sociais.

A Novena retransmítise a través das redes sociais.

Corpus Christi, Día da Caridade

Con motivo de celebrarse esta segunda semana de xuño a solemnidade do Corpus Christi, Cáritas leva a cabo a campaña do Día da Caridade co lema “O poder de cada persoa”. Refírese Cáritas ao poder de cambiar e transformar o estilo de vida de forma que reflicta o ser e o facer de Xesús. E diríxese non só ás persoas vinculadas à organización, senón tamén ás que ven con bos ollos o seu labor e a todas as que se consideran convidadas a reconstruír a sociedade dun xeito novo.

Desta forma, celebrar o Día da Caridade adquire unha nova dimensión. Xesús convida a percorrer o seu camiño, sen aforrar a cruz, pero si dándolle sentido. Cáritas propón tecer comunidades de esperanza onde se acolle e escoita, onde se ora e celebra, comunidades nas que hai encontro e perdón, onde é posible sanar e facerse cargo dos máis fráxiles, comunidades proféticas que toman partido e denuncian as inxustizas.

[Mensaxe dos bispos da Subcomisión Episcopal de Acción Caritativa e Social]

[Vídeo]

Xornada Pro orantibus

O día da solemnidade da Santísima Trindade, o domingo 7 de xuño, é a Xornada Pro orantibus. Nela órase por quen oran continuamente polos demais: homes e mulleres consagrados á vida de contemplación, que é ao mesmo tempo unha vida oculta e fecunda para o mundo e móstranos a luz de Deus, sobre todo cando a humanidade vive intres escuros.

Con este motivo, agradécese a Deus esta necesaria forma de consagración. Igualmente, faise patente o compromiso para coñecer mellor a vocación contemplativa.

O lema deste ano é «Con María no corazón da Igrexa».

Presenza na Diocese de Lugo de homes e mulleres consagrados á vida de contemplación

Mosteiros de vida contemplativa

  • carmelitas descalzas (Lugo),
  • salesas (Lugo),
  • agustinas (Lugo);
  • clarisas (Monforte de Lemos).
  • bernardas (Ferreira de Pantón)
  • benedictinos (Samos)

[Materiais]

A %d blogueros les gusta esto: