Conectando xeracións: libro homenaxe aos maiores

O Instituto da Familia de Ourense e o Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo presentan un libro escrito por alumnos da ESO no que recollen a biografía de persoas maiores.

A presentación do libro será o luns 30 de setembro no salón de actos Seminario Diocesano de Lugo ás 19 h. Este acto pode seguirse en directo pola canle de youtube do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo.

Un dos obxectivos da obra é dar a coñecer aspectos da vida de persoas maiores para homenaxear publicamente unhas vidas cargadas de experiencia.

As persoas maiores foron escoitadas e valoradas a través da narración da súa biografía ao mesmo tempo que os mozos fixeron voluntariado. Os mozos son autores do libro e desenvolven unha tarefa literaria publicando a vida dunha persoa maior.

Os mozos participantes estudan en centros concertados de Lugo. En febreiro tiveron encontros no Asilo de San Roque (Lugo), cunha festa inicial á que seguiron talleres de escoita e de literatura e as entrevistas propiamente ditas dos mozos aos maiores.

Rogativas a Nosa Señora da Soidade (Lugo) polas pestes de séculos anteriores

Rogativa de 1698. Feita pola peste que afectaba a Lugo. A acta do visitador D. Juan Morillo (12/1/1904) narra con gran profusión de datos as circunstancias que rodearon esta petición, e a intervención milagrosa da venerada imaxe da Soidade, á que acababa de consagrarse a súa capela:

“… con fondos propios da Congregación e á expensas das caridades, con que os veciños de Lugo demostraron o seu agradecemento á Stma. Virxe baixo a advocación da Soidade por verse libres, mediante a súa poderosa intersecesión, do azoute da peste de tabardillo que arrasaba a cidade desde mediados de xullo de 1698, facendo vítimas á moitos dos seus habitantes e ao máis selecto dela, entre estes ao mesmo Fr. Miguel de Fuentes, Bispo e Señor de Lugo, foi atacado da peste, moitos dos seus familiares, o Sr. Deán e moitos do Cabido. Esta mesma imaxe que temos a dita e consolo de venerar neste altar maior da Terceira Orde, antes de ser colocada nel, levada en procesión pública de penitencia polos seus devotos fillos os Irmáns Terceiros os días 14 e 21 de setembro do mesmo ano de 1698, alcanzou do Deus das misericordias o perdón para os seus fillos e cesou a peste …”

Unha das consecuencias da curación da poboación, e da desaparición da epidemia foi que a Orde Franciscana Segrar vise neses días, aumentar o número de Terciarios.

Foi nesa rogativa, a primeira pedra sobre a que se apoiaría a gran devoción que os terceiros e o pobo de Lugo manifestaron sempre a esta Virxe, acudíndose desde esta data a buscar remedio á Nosa Señora da Soidade, en todas as calamidades públicas.

Rogativa de 1800. De novo a peste ameaza á cidade. Por iso acoden, a Virxe da Soidade e San Roque, xuntos en procesión, á Capela Maior da Catedral, onde estiveron 9 días.

Rogativa de 1865. Houbo peste en outubro dese ano. Como é costume na cidade, acódese á Virxe da Soidade e San Roque, levándose ambas as imaxes en procesión polas rúas.

Rogativa de 1918. Con ocasión da famosa epidemia que arrasou a Europa nestas datas.

Ademais das anteriores houbo outras rogativas populares por cuestións climatolóxicas e tamén había rogativas particulares.

Non foron só a Corporación Municipal e os cidadáns de Lugo en xeral quen pediron a acción da Virxe; en ocasións sinaladas permitiuse a particulares trasladar a imaxe da Soidade á súa casa por algún motivo grave. Ata o 27 de xullo de 1710, cando a xunta da Orde Terceira decidiu que xa ningunha persoa podería levar a venerada Virxe ao seu domicilio.

 O luns 14 de setembro de 2020 ás 20:15 h na Capela da Soidade (Lugo) celébrase a Exaltación da Santa Cruz. Ademais de estar exposto o relicario que contén a Cruz de Cristo, pídese a intercesión da Virxe da Soidade, protectora contra as pestes.

I Festival Musical da Asunción

O 10 de agosto ás 20.45 h. na Catedral de Lugo comeza o I Festival Musical da Asunción

Participarán dúas notables voces solistas femininas – Marina Malvasi e Lidia Basterretxea- e o acompañamento ao órgano de Giulio Mercati. O programa dedícase en boa parte á liederística sacra romántica, con amplas referencias marianas:

Camille Saint-Saéns (1835-1921) • Ave Maria Para dúas sopranos e órgano

Gabriel Fauré (1845-1924) • Ave verum corpus Para dúas sopranos e órgano

Alessandro Scarlatti (1660-1725) • Partite sull’aria della Follia Para órgano

Gabriel Fauré (1845-1924) • Ave Maria Para dúas sopranos e órgano

Marco Enrico Bossi (1861-1925) • Ave Maria, op.104 n. 2 Para órgano

Jean-Baptiste Fauré (1830-1914) • Crucifix  Para dúas sopranos e órgano

Gabriel Fauré (1845-1924) • Maria, mater gratiae Para dúas sopranos e órgano

Johann Sebastian Bach (1685-1750)• Preludio y fuga en si menor, BWV 544  Para órgano

Gioachino Rossini (1792-1868) De la Petite Messe Solennelle: • Qui tollis  Para dúas sopranos e órgano

O Festival continúa os días 11 e 12 de agosto ás 20.45 h., na capela do Seminario Diocesano coa actuación de Concentus Lucensis.

As peregrinacións diocesanas a Lourdes e Fátima serán no 2021

A Hospitalidade Diocesana da Nosa Señora de Lourdes de Lugo, informa a todos os seus socios e colaboradores que, debido á actual realidade sanitaria e aos informes recibidos do Santuario portugués de Fátima, vese obrigada a cancelar a anual Peregrinación diocesana a Fátima, na data en que estaba programada, do 4 ao 7 de setembro.

Anteriormente, por idénticos motivos, o pasado mes de xullo, mediante carta persoal, a Xunta Directiva da Hospitalidade comunicara a cada socio e peregrino a supresión definitiva da Peregrinación diocesana a Lourdes do presente ano 2020, que se estaba valorando atrasar ao mes de outubro.

Infórmase tamén que se empezaron a facer todos os preparativos das peregrinacións diocesanas a Lourdes e Fátima do vindeiro ano 2021, se se dan as circunstancias normais, que serían:

– Peregrinación diocesana a Lourdes 2021: do luns 28 de xuño ao venres 2 de xullo.

– Peregrinación diocesana a Fátima 2021: do venres 3 ao luns 6 de setembro.

Xornada polos afectados pola pandemia

A Comisión Executiva da Conferencia Episcopal vén de propoñer, ás dioceses de España, a celebración dunha Xornada polos afectados pola pandemia. Na nosa diocese de Lugo será o día 26 de xullo, domingo XVII do tempo ordinario.

QUE PRETENDEMOS CON ESTA XORNADA?

Os cristiáns esforzámonos por vivir con fe todas as situacións da vida, unidos como irmáns no Señor; por iso levamos á oración o que vivimos, poñendo todo nas mans do noso Pai.

  • Ofrecer a Santa Misa polo eterno descanso de todos os defuntos, e pedir a Deus consolo e esperanza para os seus familiares.

  • Rezar por todos os contaxiados e as súas familias.

  • Rezar polos maiores, en especial, polos que están sós ou en residencias.

  • Rezar para pedir ao Señor luz, comuñón e entrega fraterna ante a crise social e económica provocada pola pandemia e o confinamento.

  • Dar grazas a Deus polo traballo, sacrificio e esforzo de tantas persoas, tanto no ámbito civil, como nas nosas comunidades eclesiais.

  • E como o 26 de xullo celébrase o día dos avós, dar grazas a Deus e pedir unha bendición especial para eles, recoñecendo o gran papel que exercen na vida familiar.

Convídase a todos a que estas intencións non só estean presentes na celebración da Eucaristía senón na oración persoal do domingo.

O bispo, Mons. Alfonso Carrasco, presidirá a Eucaristía na Catedral ás 12 h. A celebración poderá seguirse tamén a través da canle da diocese de Lugo en YouTube.

[PROPOSTA PARA A CELEBRACIÓN DA EUCARISTÍA]

A %d blogueros les gusta esto: