Nota da Vicaría Xeral sobre a limitación de capacidade nos lugares de culto

No día de hoxe, o Diario Oficial de Galicia publica o Decreto 181/2020 que modifica o decreto 179/2020 de 4 de novembro, no relativo as “limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto”.

Esta nova redacción literalmente di:

«Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto.

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes.

A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

2. A asistencia a lugares de culto, nas condicións establecidas no número anterior, non poderá superar o terzo da súa capacidade nos concellos enumerados nos números 1 e 2 do punto primeiro deste decreto.

3. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

4. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa».

Polo que desde hoxe, o aforo dos lugares de culto queda do seguinte xeito:

  • Nos Concellos sen restricións: 50 % do aforo.

  • Nos Concellos con restricións: 33 % do aforo. (No territorio da Diocese de Lugo, os concellos afectados son: Lalín, Lugo, Monforte de Lemos e Silleda)

Esta medida segue en vigor ata as 15.00 h. do 4 de decembro, agás que sexan modificadas polas autoridades sanitarias.

Lugo, a 10 de novembro de 2020.

O Vicario Xeral

Taller de escoita

O martes 3 de novembro, de 10 a 12h (vía zoom), a psicóloga colaboradora do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo, Cristina Bandín, dirixe un taller de escoita. As claves para acceder daranse a coñecer nos días previos nas redes sociais.

A experiencia de sentirse escoitados e de escoitar é común, pero ás veces cométense erros porque non sempre é doado. Este taller é para escoitarnos e lembrarnos entre todos as claves para unha mellor comunicación interpersoal.

Colabora o Instituto da Familia de Ourense.

Encontro de pais

 Os Encontros de pais e nais, que organiza o Centro de Orientación Familiar Diocesano en colaboración do Instituto da Familia de Galicia, son en liña.

O curso está dividido en dúas partes. A primeira dedicada ás novas tecnoloxías e as dificultades para a súa educación e a segunda á resolución de conflitos en familia.

Contidos:

I.NOVAS TECNOLOXÍAS E EDUCACIÓN

  • Como afectan o coñecemento e ao comportamento

  • Mal uso, abuso e adicción ás novas tecnoloxías

  • Como educar e protexer: claves

II. FERRAMENTAS E ESTRATEXIAS EDUCATIVAS EFICACES PARA PAIS E NAIS DO SÉCULO XXI

  • Analicemos a situación

  • Que podemos facer? Estratexias básicas nos conflitos

  • Ferramentas para afrontar conflitos inadecuados

Metodoloxía

En cada curso os pais e nais terán acceso aos contidos, aos vídeos, a exercicios para realizar cos fillos ou eles mesmos (mediante fichas que se poden descargar independentemente) e test sinxelos de autoavaliación.

Abrirase un foro de debate no que se poderá intervir libremente e no que poderá contar experiencias, facer preguntas (que serán contestadas por un especialista do Instituto da Familia), facer suxestións, solicitar información complementaria, etc.

Datas

2 de novembro – 27 de decembro (I parte)

1 de febreiro – 28 de marzo (II parte)

Inscrición

A inscrición pode facerse unicamente en liña a través dunha páxina web

Domund 2020

O sábado 17, ás 19:30 h. terá lugar na parroquia San Froilán (Lugo) unha Eucaristía por todos os misioneiros da Diocese e a presentación da Xornada do Domund. A continuación haberá unha breve intervención de Ana López, Misioneira Seglar Vicenciana, sobre como se está vivindo a Covid-19 en Misión.

O Domund (DOmingo MUNDial das misións) é o día no que toda a Igrexa reza especialmente pola causa misioneira, e organiza unha colecta para colaborar con ela. No Domund lémbrase a implicación de todos os cristiáns na misión da Igrexa. O lema da xornada neste ano 2020 é “Aquí estou, envíame”.

Movémonos polo traballo decente

Igrexa polo Traballo Decente (ITD) impulsa o 7 de outubro a Xornada Mundial polo Traballo Decente. Con motivo desta Xornada, que é compartida coa Organización Internacional do Traballo (OIT), o movemento sindical mundial e o movemento mundial de traballadores cristiáns, convócanse xestos e actividades públicas para sensibilizar sobre a importancia de estender na sociedade e na Igrexa o traballo decente, algo esencial para a vida de millóns de persoas. 

As entidades convocantes, ademais de Igrexa polo Traballo Decente son Cáritas, Confer, HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica), Fundación Juan Soñador, Taller de Solidariedade, Xuventude Obreira Cristiá, Xuventude Estudante Católica e Xustiza e Paz.

Acto en Lugo

O 7 de outubro ás 19:30 h na igrexa San Antonio de Padua (Lugo) celébrase unha Eucaristía, lectura do manifesto deste ano, e tamén se inaugura unha exposición sobre o que é o traballo decente. Esta mostra será itinerante, pois nos vindeiros 12 meses estará noutras parroquias da Diocese.

[Materiais]

A %d blogueros les gusta esto: