Camiño contemplativo virtual

O venres día 27 desde as 7 da tarde na canle de Youtube da Delegación de Apostolado Segrar e en zoom, vivirase o camiño contemplativo polo barrio de A Milagrosa coa motivación de mirar as realidades do noso mundo desde os ollos de Xesús.

Desde hai uns anos a devandita Delegación ofrece estes espazos de oración, que mostren unha Igrexa aberta e en saída. Invítase a participar tanto a cristiáns practicantes como a persoas alonxadas da Igrexa. Anímase a todas as persoas con inquietudes espirituais, a compartir este espazo humanizador, para o cal deben inscribirse no correo electrónico: laicos@diocesisdelugo.org

Novo número da revista Lvcensia

A revista Lvcensia, publicación da Biblioteca do Seminario Diocesano, ofrece no número 61 temas variados, como corresponde á súa condición de miscelánea. Temática variada pero toda referente a temas ou personaxes relacionados con Lugo. Este número de Lvcensia sae puntualmente, fiel á súa cita de outono, aínda que sen a presentación oficial que soía facerse.

Con motivo do trinta aniversario da publicación, Adolfo de Abel Vilela, asiduo colaborador da revista desde os seus inicios, presenta un resumo do que foi Lvcensia estes anos. Outro artigo trata sobre a presenza de Galicia en publicacións de Madrid e Cataluña, por parte do profesor César Camoira Vega. Concepción Fernández, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, realiza un estudo pormenorizado do Acróstico de Odoario. Aurelia Balseiro lembra a figura do primeiro director do Museo Provincial de Lugo, Luís López-Martí. Outros temas de interese son as biografías de Frei Antonio Vázquez, por parte de José M. Pascual e do Padre Manuel Carreira Vérez, astrofísico falecido este ano e con raíces en Vilalba, estudo de Carlos Viscasillas. A historia da Schola Cantorum do Seminario é abordada por José Molejón, os curas e curatos do antigo arciprestado de Luaces, por Óscar G. Murado e un estudo sobre a cultura do café, por Ángeles Miranda.

Presentación do libro “Don Nicandro Ares. Bo e sabio”

A Aula Magna do Seminario Diocesano acolleu a presentación do libro Don Nicandro Ares. Bo e sabio o día 11 de novembro.

O libro ten como xerme a achega de Enrique Montenegro Rúa e Felipe Arias Vilas no referente á bibliografía de Nicandro e a Santa Eulalia de Bóveda.

O título Nicandro Ares. Bo e sabio recolle o seu quefacer intelectual e súa bondade, sen a cal o quefacer intelectual vale pouco. Co título quíxose subliñar que a realización persoal ten que acompañar á realización intelectual e iso é o que se fixo realidade en Nicandro.

A obra ten 4 partes:

Nunha primeira parte Mons. Alfonso Carrasco e Xesús Alonso Montero encárganse da presentación e introdución.

2ª parte: estudos que dan conta do fondo traballo intelectual e da riqueza humana de Nicandro.

3ª parte: testemuños de persoas que trataron a Nicandro e que deixan constancia de como era a súa personalidade e o seu quefacer

Na 4ª parte Enrique Montenegro mostra a produción bibliográfica de Nicandro Ares.

Tamén se inclúe documentación fotográfica que recolle a vida do homenaxeado.

O Bispado de Lugo asina un convenio con Sabadell Gallego

Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco (esqda) e director xeral de Sabadell Gallego, Pablo Junceda (dta.).

Sabadell Gallego asinou un convenio de colaboración co Bispado de Lugo o 11 de novembro. O acordo foi subscrito polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, e polo director xeral de Sabadell Galego, D. Pablo Junceda.

O obxectivo do convenio é establecer un marco de colaboración que permita dar resposta ás necesidades de produtos e servizos do ámbito bancario en favor das parroquias, centros escolares, empresas, organismos, fundacións, sacerdotes e empregados de todas estas vinculadas ao Bispado de Lugo.

Sabadell Gallego pon a disposición do Bispado a súa participación no “Proxecto Ético e Solidario FI”, unha iniciativa de Banco Sabadell co que a entidade bancaria presta axuda económica a proxectos solidarios.

O director xeral de Sabadell Gallego mostrou aos presentes, entre eles o ecónomo D. Rodrigo Rúa, un novo proxecto dixital -Doe- que conta con varios dispositivos (atril, alcancía, lampadario), para a recollida de donativos en efectivo, tarxeta ou con calquera dispositivo dotado da tecnoloxía NFC (contactless) de forma sinxela e en poucos segundos.

A %d blogueros les gusta esto: