Mans Unidas Lugo procura completar a financiación dun proxecto na India

Mans Unidas-Lugo, sorteará o vindeiro día 22 de decembro, unha cesta de Nadal. O número premiado ha de coincidir cos tres últimos números do premio gordo da Lotaría Nacional, que se celebrará en Madrid o 22 de decembro do 2020.

No caso de que queda deserto o premio neste sorteo, a outra posibilidade é que coincida coas tres últimas cifras do sorteo da ONCE do 31 de decembro.

A recadación obtida irá destinada a financiar o seguinte proxecto:

Mellora da atención da insuficiencia renal causada por contaminación en Raigarth (India)

Importe do proxecto: 17.262 euros.

As rifas poden adquirirse, polo donativo de 3 euros, cada unha, na sede de Mans Unidas.

Dirección: r/ Anxo López Pérez n° 10-12 Local I Lugo (fronte á porta principal do Seminario de Lugo).

Horario de 11 a 13 de luns a venres. Teléfono: 982 25 55 67

Tamén hai rifas na libraría La Voz de la Verdad.

Vixilia Diocesana da Inmaculada

A Vixilia Diocesana da Inmaculada celebrarase o luns 7 de decembro ás 19 h na Parroquia da Nosa Señora do Rosario, en Sarria, onde se acolle a oración polas familias á Inmaculada. A Delegación de Pastoral Familiar desexa facer presentes as súas actividades noutros lugares diversos da cidade de Lugo.

A Vixilia estará presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado do Delegado de Pastoral Familiar Nicolás Susena.

Ordenacións diaconais

O vindeiro sábado 5 de decembro de 2020, ás 11 h. na Parroquia da Milagrosa, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, ordenará diáconos aos seminaristas:

– Rubén Ponce Díaz, do Seminario Diocesano Conciliar

– Guillermo Antonio Carrillo Vargas, do Seminario Diocesano e Misioneiro Redemptoris Mater

Paso decisivo para ser presbítero, o diaconado ten como posibles funcións administrar o bautismo, reservar e distribuír a Eucaristía, asistir ao matrimonio e bendicilo en nome da Igrexa, levar o viático aos moribundos, instruír e exhortar ao pobo, presidir o culto e oración dos fieis, administrar os sacramentais, presidir o rito dos funerais e sepultura. Dedícanse aos oficios da caridade e da administración.

Lémbrase que a cabida da Parroquia da Milagrosa é de 130 persoas.

Algúns datos biográficos

Rubén Ponce naceu en Ferrol en 1989. Estudou Dereito en Santiago de Compostela. Tras pasar por un período de discernimento vocacional, comezou a cursar Estudos eclesiásticos no Seminario Diocesano Conciliar de Lugo. Foi catequista en Santiago de Compostela durante o seu período de formación universitaria, despois foi tamén nalgunhas parroquias de Valdoviño, onde viviu a súa familia. Durante o tempo de Seminario realizou varias experiencias pastorais, entre elas nas Pontes, na provincia da Coruña, e nalgunhas parroquias de Melide, nas Unidades Pastorais 3 e 4 do arciprestado de Abeancos. En 5º ano de Seminario foi enviado a Madrid para unha nova experiencia pastoral parroquial e para completar os seus estudos na Universidade Eclesiástica San Dámaso, na que actualmente cursa a licenciatura en Dereito Canónico.

Guillermo Antonio Carrillo Vargas naceu en Costa Rica en 1988. É o sétimo de oito irmáns e pertence ao Camiño Neocatecumenal. Tras tres anos en proceso prevocacional en Costa Rica, foi enviado ao Seminario Redemptoris Mater de Madrid, onde realizou os catro primeiros anos de formación sacerdotal. Posteriormente foi enviado a Lugo, como parte do primeiro grupo de seminaristas do recentemente erixido Seminario Diocesano e Misioneiro Redemptoris Mater. Durante eses anos colaborou pastoralmente as fins de semana na parroquia da Milagrosa (Lugo). Concluídos os Estudos Eclesiásticos, realizou un ano de experiencia pastoral en Huelva. Actualmente desenvolve a súa etapa pastoral na Parroquia de San Froilán (Lugo).

Hoxe entramos nun mosteiro

Hoxe hai unha ocasión de entrar dentro dun mosteiro durante a formación en liña ás 19:30 h. que organiza o párroco de A Fonsagrada, Miguel Ángel Álvarez.

Miria, unha monxa dominica do mosteiro de Orihuela, compartirá o seu testemuño vocacional e falará tamén da vida monástica e da importancia que ten para a Igrexa.

Todo isto é posible grazas ás novas tecnoloxías, que durante este tempo de pandemia e de confinamento tanto nos están axudando, tamén para as cousas de Deus, xa que permiten estar un pouco máis preto, aínda que sexa de forma virtual.

O grupo de formación é habitualmente os martes, pero ás veces por problemas de axenda cambia de día.

Se alguén está interesado en participar hoxe neste encontro coa Irmá Miria só ten que escribir antes das 16 h. para recibir as claves coas que poder conectarse a través da plataforma Teams.

A %d blogueros les gusta esto: