Corpus Christi

O domingo 2 de xuño celébrase a solemnidade de Corpus Christi. Na praza de Santa María, en Lugo, ás 11 h  ten lugar a Eucaristía de Corpus, presidida polo bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco.

Acompañarán a celebración o Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo e o Coro do Hospital.

Ao finalizar terá lugar a procesión polas rúas da cidade.

Actuará antes, durante e ao finalizar a procesión o grupo de música tradicional Os Xílgaros de Lugo, dirixido por Óscar Pérez.

Sesión de formación na Ermida (Quiroga)

O sábado 25 de maio ás 20 h no Santuario Nosa Señora da Ermida (Quiroga) continúan as sesións de formación con motivo da coroación canónica da imaxe da Virxe dos Remedios. Tratará sobre a dignidade da persoa, a dimensión moral da vida humana, o pecado e a graza, temas sobre os que disertará o Vicario de Coordinación Pastoral, Luis Manuel Rodríguez Pérez:

  • A dignidade da persoa (Gaudium et Spes 12, 17)
  • Dimensión moral da vida humana
  • A conciencia (voz, eco, luz, xuíz, testemuño, corazón)
  • O pecado (Catecismo da Igrexa Católica; Gaudium et Spes 13; Gál 5, 19-21; Mt 15, 19-20)
  • A graza (Antigo e Novo Testamento, Catecismo da Igrexa Católica)

Encontro de movementos e confrarías da Diocese

O luns 20 de maio no salón de actos do Seminario presentáronse os movementos e confrarías da Diocese para unha toma de contacto para levar a cabo un traballo conxunto de cara ao vindeiro curso e baixo a coordinación de Miguel Asorey Otero, que presidiu o acto. Ao final do mesmo interviu Miguel Ángel Mouriz Lamas, que participou no Encontro de Laicos sobre o Primeiro Anuncio o mes de febreiro en Madrid. Comentou os obxectivos do Encontro para que os movementos da Diocese os faga propios e que se reflexione sobre eles sabendo que se está en comuñón coa Igrexa:

Eses obxectivos son:

  • subliñar a comuñón das distintas vocacións do Pobo de Deus;
  • insistir na vocación bautismal, que nos fai evanxelizadores;
  • tomar conciencia de que todos os ámbitos sociais son espazos privilexiados para o anuncio do Evanxeo;
  • e concretar e impulsar procesos e proxectos para os vindeiros anos que axuden na tarefa do Primeiro anuncio e faciliten, a través da formación e mediante camiños de discernimento comunitario, a creación de espazos de acollida, escoita, diálogo e acompañamento nos distintos ámbitos, así como a construción de estruturas que favorezan a evanxelización.

Miguel Ángel Mouriz tamén lembrou os conceptos que máis soaron no Encontro: anuncio, acompañamento, formación, vivencia da fe, comuñón, testemuño, compromiso.

Asemblea de Catequistas

O sábado 18 de maio no Colexio FEC San Xosé de Lugo (Rúa Santiago, 2) terá lugar a Asemblea de Catequistas, co lema do curso catequético 2023-24, “Catequistas para servir”. O programa é o seguinte:

  • 10.00 h  Acollida.
  • 10.30 h  “A creación fonte da catequese” por Francisco J. Castro Miramontes
  • 11.30 h  “A espiritualidade infantil. O método Godly Play”, por Anaís Ferreiro e responsables de Godly Play Galicia.
  • 13.00 h  Percorrido orante pola Catedral. Equipo do Departamento de Catequese de Lugo.
  • 13.30 h Clausura.

Peregrinos a Lourdes

“Eu recomendo que a única expectativa sexa ver á Virxe, convivir cos demais e deixarse levar. Poñerse nas mans de María e dicirlle “aquí estou”; a partir de aquí sácase unha experiencia interesante”

“Estiven moi a gusto desde o primeiro momento. E o que máis me gustou foi, cando ía a Lourdes, esa sensación de ir visitar á Virxe á súa casa, porque eu creo que Santuario de Lourdes é unha das moitas casas que ten a Virxe polo mundo.

Marien Pérez Casanova

 

 

“Desde que teño 16 anos, peregrino con moita frecuencia ao santuario de Nosa Señora de Lourdes. É precioso poder ver como a mocidade coida dos enfermos, como estes acoden á Virxe vendo que nela teñen un socorro, un amparo. É unha experiencia singular.

“Considero que a experiencia en Lourdes cambia a calquera persoa. Por iso, neste ano especial no que se lembran as palabras da Virxe de ir “en procesión”, quero invitar a todos os fregueses e diocesanos de Lugo a experimentar os coidados da nosa Nai do ceo”.

Carlos Presas

 

 

 

“A peregrinación a Lourdes paréceme unha oportunidade para desconectar e pedirlle axuda á nosa Nai con todo aquilo que nos preocupa. Ela ten gardada para cada un de nós unha sorpresa que non podemos deixar polo que, se aínda dubidas, esta é a túa oportunidade.

“O tema que se nos presenta este ano reflicte o camiño que facemos todos xuntos en comunidade cara ao ceo, ao carón de María”.

Uxía (Chantada)

A Hospitalidade de Lourdes peregrina ao santuario francés do 1 ao 5 de xullo. Os interesados acudirán á Parroquia ou ao responsable de zona.

[Testemuños completos e outros máis]
A %d blogueros les gusta esto: