A Diocese de Lugo únese á celebración do Ano da Familia

O ano adicado á familia comeza o 19 de marzo, con ocasión da festa de san Xosé. O acto de apertura terá lugar en Lalín, onde o Delegado de Familia de Lugo, Nicolás Susena, presidirá a Santa Misa (12 h) na que se bendicirá un cadro da Sagrada Familia que percorrerá toda a Diocese (parroquias, conventos, colexios…) co obxectivo de que a Familia de Nazaret sexa unha verdadeira imaxe das familias diocesanas, promovendo para iso momentos de oración, unha Eucaristía polas familias, unha exposición sobre o documento papal da familia Amoris Laetitia e unha serie de charlas sobre educación e matrimonio.

Congreso sobre a familia

Ademais das actividades que se organizarán durante este ano (conferencias, encontros con noivos, unha xornada para os avós e anciáns, actividades caritativas que axuden ás familias máis desfavorecidas), está prevista a realización dun Congreso sobre a familia promovido pola Delegación diocesana coa colaboración da Subcomisión de familia da Conferencia Episcopal Española. Pretende ser un momento de encontro para as familias e lugar de reflexión sobre os distintos retos da pastoral familiar.

A clausura deste ano adicado á familia terá lugar o 26 de xuño de 2022 coa celebración en Roma dun Encontro Mundial das familias no que participará a Diocese de Lugo.

Conclusión das Xornadas Abertas de Teoloxía 2021

As XXXV Xornadas Abertas de Teoloxía concluíron o 10 de marzo co relatorio do bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, titulado “Cremos na resurrección da carne”

 Mons. Alfonso Carrasco sinalou que “do testemuño da resurrección de Cristo pende a nosa esperanza e en realidade toda a nosa fe en Deus, do que comprendemos así que non nos abandona. Porque Xesucristo, pasando da morte á vida, non nos deixou atrás a nós e a este mundo que poderiamos dicir traidor, que o traizoara, para ir a terras e ceos máis felices. Non resucitou para quedar só senón para ben de todos como o primoxénito…. A resurrección da nosa carne será froito da incorporación ao Corpo de Cristo, dunha participación, dunha unidade con El que ten a súa expresión histórica nos sacramentos”.

Mons. Alfonso Carrasco repasou algunhas perspectivas non cristiás da morte:

– Están os que identifican glorificación da humanidade cunha conclusión do progreso humano

– A perspectiva helenística (hoxe representada por quen fala de mitos gnósticos) ve a alma nunha prisión corporal

– Os desinteresados polo destino da alma trala morte consideran como único importante o mundo terreal

– Os crentes na reencarnación, algo nada esperanzador, pois nin unha nin mil reencarnacións abondarían para alcanzar a salvación.

– Outra perspectiva non cristiá é a de quen ve a morte como aniquilamento de alma e corpo

Tamén advertiu Mons. Alfonso Carrasco tanto sobre as ideoloxías para as cales este mundo non vale nada como aqueloutras que, divinizando o mundo, convérteno no único horizonte da vida humana.

Intervención de Mons. Enrique Benavent nas Xornadas Abertas de Teoloxía

O 9 marzo o Bispo de Tortosa, Mons. Enrique Benavent, interveu a través de videoconferencia na segunda sesión das Xornadas Abertas de Teoloxía

 Comezou sinalando Mons. Enrique Benavent que no trasfondo dos números 15-18 da instrucción pastoral Un Dios de vivos está o debate sobre o tema da resurrección. Mentres que a cristoloxía clásica fixaba a súa mirada na encarnación, na redención por medio da cruz, a cristoloxía das últimas décadas puxo no centro do debate a resurrección e ao mesmo tempo houbo unha eséxese crítica. Mons. Enrique Benavent referiuse a dúas obras –Ser cristiano de Hans Küng e Jesús, la Historia de un Viviente de Edward Schillebeeckx- e comentou que as explicacións de ambos non axudan a superar todas as cuestións que suscitan os textos bíblicos. No fondo queren explicar a resurrección de Xesucristo reconstruíndo o proceso que vivirían os apóstolos (conversión, vocación) para chegar á convicción de que Cristo estaba vivo. Küng e Schillebeeckx pregúntanse pola orixe da fe pascual, pero unha teoloxía que explique plenamente o contido da fe na resurrección de Xesucristo non pode conformarse so coa pregunta sobre o proceso vivido polos discípulos, hai que preguntarse polo fundamento da fe. A vida dos discípulos cambiou totalmente ata o punto de que estaban dispostos a dar a súa vida por testemuñar a verdade do acontecemento da resurrección.

Tamén sinalou Mons. Enrique Benavent que hai fundamentalmente dúas manifestacións comprobadas sobre a resurrección de Xesucristo: o achado do sepulcro baleiro, que é un signo esencial, e a aparición de Cristo aos discípulos trala súa resurrección.

Primeira sesión das Xornadas Abertas de Teoloxía

O Vicario Xeral da Arquidiocese de Oviedo, Jorge Juan Fernández Sangrador, inaugurou o 8 de marzo no Círculo das Artes de Lugo as XXXV Xornadas Abertas de Teoloxía tratando sobre a percepción da morte no noso tempo.

Comezou falando de 6 tendencias emerxentes que teñen a súa particular visión da morte: transhumanismo, animalismo, neurocientismo, ideoloxía de xénero, pensamento débil e emerxentismo. Unha das diferencias coa escatoloxía cristiá é que nesta non haberá resurrección da carne ata que esteamos todos, mentres que nas outras escatoloxías pesa máis o individualismo.

Tamén se referiu Jorge Juan Fernández Sangrador ás crenzas que subxacen na contorna da alta tecnoloxía (Palo Alto, Silicon Valley): “todo o que se pensa, pode facerse” é o seu mantra, sen pararse a pensar nos porqués. Pero a grandeza do ser humano reside no feito de dar sentido ao que fai.

Outro tema tratado foi o da ética e a intelixencia artificial, poñendo como casos os de robots que atenden a anciáns nas súas casas, ou mesmo robots usados no ámbito relixioso (Mindar, Bless U-2).

Finalmente presentáronse experiencias de persoas transformadas no terreo espiritual a partir da audición de certos temas musicais: Erik Varden, García Morente, Paul Claudel.

Xornadas Abertas de Teoloxía

Entre os días 8 e 10 de marzo ás 20:00h h terán lugar no Círculo das Artes as Xornadas Abertas de Teoloxía, que este ano terán como base «Un Deus de vivos», a instrución pastoral sobre a fe na resurrección, a esperanza cristiá ante a morte

Luns 8 marzo. 20:00 h.: Situación actual e retos pastorais ante a morte.

Relator: D. Jorge Juan Fernández Sangrador

Doutor en Teoloxía, licenciado en Ciencias Bíblicas e en Filoloxía. Vigairo xeral da Arquidiocese de Oviedo.

Tendo en conta a Instrución no seu primeiro capítulo, nn. 4-14, abordarase a cuestión do drama e a percepción da morte no noso tempo.

Martes 9 marzo. 20:00 h. Cremos que Cristo resucitou verdadeiramente

Relator: Mons. D. Enrique Benavent

Bispo de Tortosa e Presidente da Comisión Episcopal para a Doutrina da fe.

A partir dos números 15-18 da mencionada instrucción pastoral, para propor de novo o corazón da fe cristiá: a resurrección de Cristo.

Mércores 10 marzo. 20:00h: Cremos na resurrección da carne

Relator: Mons. D. Alfonso Carrasco Rouco

Reflexionará a partir do segundo apartado do capítulo 2º da instrucción “Un Dios de vivos”, a resurrección.

Todos os actos serán transmitidos por internet.

A %d blogueros les gusta esto: