Presentación do libro María de Nazaret

O 8 de xuño no Vello Cárcere de Lugo tivo lugar a presentación do libro María de Nazaret, datos del Nuevo Testamento sobre la madre de Jesús, do que é autora Teresa Vilariño Pardinas.

O acto foi aberto pola presidenta do grupo El Progreso Blanca García Montenegro, que destacou o carácter de loitadora de Teresa Vilariño.

A continuación, o director do Movemento Bíblico Diocesano, Jesús Fernández Aira, referiuse á metodoloxía da autora: achegamento á Biblia desde a propia vida (incluíndo a fraxilidade e a dor), uso da eséxese e da antropoloxía cultural.

Tamén foi sinalando Jesús Fernández Aira as realidades das que parte a autora: catequese, mística de ollos abertos, feminidade de María, empoderamento, María como crente que vive as súas dificultades e supéraas, identificación de María cos pobres de Iavé (Magnificat); María, nai da Igrexa.

A autora, Teresa Vilariño, contou a motivación para escribir o libro: o feito de que os segrares non sempre chegan a coñecer as marabillas que hai na Biblia e ela proponse proporcionar chaves de lectura.

Celebración do Corpus Christi

O domingo 6 de xuño, ás 11 h, na praza de Santa María de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.

Acompañaron a celebración un grupo de cantores do Orfeón Lucense e da coral Hospital de Lugo, que estrearon parte dunha obra inédita de José Castiñeira Pardo, Misa Solemne, con arranxo de Uxío Darriba. Despois da Misa actuou o grupo “Os Xílgaros de Lugo”.

Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, comezou lembrando que “a nosa cidade hónrase desde moi antigo co privilexio da Eucaristía, que responde a unha fe, que puxo ao Santísimo no centro do Altar Maior da súa catedral. É pór no centro das miradas, no centro da devoción, aquilo no que confiamos e cremos”.

Na homilía tamén dixo o Bispo de Lugo o seguinte:

“Confiamos nas palabras de Xesús, nas súas ensinanzas, pero tamén nel e no que fixo: morrer e resucitar por nós. É así a Eucaristía o sacramento da verdade e das obras.

“A Eucaristía, é o sacramento do corpo e o sangue, pero o é porque detrás estaba alma e corazón, o espírito e a persoa. É o sacramento do Señor Xesús realmente. E apreciamos non só a palabra, senón o corpo e o sangue, non só os seus ensinos senón a alguén que entrega a súa vida até o final, sufrindo por nós, que non temeu sufrir por quen amaba; que non se deixou enganar ou disuadir dese amor e afirmación profunda nin polos sufrimentos ou as tentacións, nin polo drama máis grande foi disuadido dese amor que levaba no corazón, e iso é o que celebramos hoxe: o amor que demostrou Divos enviando ao seu fillo, celebramos a grandeza do corazón do Señor, que encheu ao home do esplendor divino. (…) Cremos nun Deus que non quixo só axudarnos, senón que quixo vir El e quedar connosco.

“Xesús amou a Deus Pai, e amándoo a El, coñecendo a súa vontade, o que quería, cal era a razón do mundo… Xesús amouna e con ela amou o que o Pai fixera: o mundo e o home. Amar ao Pai é amar a súa vontade e as súas obras. O Pai fíxonos a todos e amar a obra do Pai é amarnos a nós. É un si a Deus, á súa obra, ao mundo e, sobre todo, aos fillos de Deus.

“Na Eucaristía aprendemos a amar ao próximo, a realidade amada por Deus, a amar ao irmán e á irmá que temos ao noso carón, aprendemos a amalo máis aló do seu pecado. Aprender a amar ao próximo, a respectar a obra de Deus, cambiaría o mundo. Se non deixamos entrar a novidade de Deus no corazón, é difícil que o mundo cambie.

“Cremos no Señor Xesús, que desvelou o misterio da vida, levouno a cumprimento e trouxo a resurrección para sempre. Confiamos nel, no seu amor e, mirando a Eucaristía, vemos o signo, o sacramento dun amor real por nós, por cada un de nós.

“Estamos chamados a imitar o amor de Deus, non só con palabras, senón con obras, non só nun momento, senón con perseveranza, paciencia, no tempo, en toda a vida.

“Nós seguiremos loando ao Santísimo, confiando nel, aprendendo e esperando no seu inmenso amor para nós, para as nosas familias e casas e para o ben da nosa cidade”.

[Fotos]

Corpus Christi

O domingo 6 de xuño, solemnidade do Santísimo Corpo e Sangue de Cristo, celebrarase a Eucaristía na praza de Santa María ás 11h presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco.

Colocaranse cadeiras na praza gardando a debida separación.

Como novidade deste ano, durante todo o día, convídase aos fieis de Lugo a realizar unha ofrenda floral ao Santísimo Sacramento. Esta ofrenda rodearía o exterior da Catedral de flores desde a porta da sancristía até a fachada principal. Así mesmo, pídese aos fieis que, ao mesmo tempo que levan flores como recoñecemento de Xesús-Eucaristía, entren na Catedral e eleven unha oración ao Santísimo exposto no Altar Maior.

Pola tarde está previsto un momento especial de adoración de 17 h a 19 h. Durante estas dúas horas convídase a parroquias, grupos, asociacións a dirixir un acto de adoración ao Santísimo.

Celebración de San Juan de Ávila

Clero lucense que cumpre as vodas de ouro e prata sacerdotais

O luns 10 de maio, festa do patrono do clero San Juan de Ávila, celebráronse varios actos. No Salón Rexio do Círculo das Artes ás 11h houbo unha charla informativa sobre o novo Colexio Diocesano San Lorenzo a cargo do reitor do Seminario David Varela. E a continuación na Catedral celebrouse unha Eucaristía, que presidíu o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco.

Neste ano 2021 celebran as súas vodas de ouro sacerdotais:

D. Ángel Eiriz Mouriz,

D. Mauro Negro Fernández,

D. Manuel Fernández Fernández,

D. Juan Peña González e

D. José Gómez Vázquez.

Celebra as súas vodas de prata sacerdotais D. Ramón Álvarez Varela.

O reitor do Seminario David Varela explica a implantación do Colexio Diocesano San Lorenzo

Celebración do centenario das Misioneiras Eucarísticas de Nazaret

A comunidade de Misioneiras Eucarísticas de Nazaret de Lugo organizou varios actos de acción de grazas polos 100 anos de existencia da Congregación. O mesmo día no que se cumpría o centenario, o 3 de maio, na igrexa de San Froilán o Sr. Bispo  Mons. Alfonso Carrasco presidiu unha Eucaristía. Estiveron presentes sacerdotes da Diocese de Lugo e doutras dioceses veciñas, membros de distintas ramas da Familia Eucarística Reparadora, doutras congregacións, fregueses, amigos…

Na homilía, Mons. Alfonso Carrasco considerou “un inmenso privilexio que poidamos participar neste momento histórico do centenario da fundación por San Manuel González desta congregación adicada á presenza eucarística do Señor. Seguíase o modelo daquelas persoas que estiveron ao pé da Cruz, que dalgún xeito salvaron a nosa dignidade como xénero humano. San Manuel contemplaba o misterio da Eucaristía cando o seu corazón quedou conmovido definitivamente”.

Desde hai tres anos están en Lugo as Misioneiras Eucarísticas de Nazaret, irmás Esther Herrero e Mónica Maldonado, que promoven a lectio divina na Catedral, a formación de grupos eucarísticos, a motivación para a oración, colaboran na Delegación de Catequese.

A %d blogueros les gusta esto: