Campaña sobre o testamento vital

Ante aprobación da Lei da eutanasia, a Delegación de Pastoral Familiar de Lugo anima a seguir a súa campaña #TestamentoVital. en defensa da vida e os coidados dos enfermos.

O testamento vital é a expresión escrita da vontade dun paciente sobre os tratamentos médicos que desexa recibir na fase final da súa vida. Tamén especifica que se administren os tratamentos para paliar os sufrimentos, sen aplicar a eutanasia.

Esta campaña realízase en toda a Diocese entre os días 19 e 20 de xuño.

Hai un rexistro galego de instrucións previas:

  • Na provincia de A Coruña:
    – Centro de saúde de Melide. Servizo de traballo social
  • Na provincia de Lugo:
    – Xefatura territorial de Sanidade en Lugo, r/Montevideo, 9, 1
  • Na provincia de Pontevedra:
    – Centro de saúde de Lalín. Servizo de traballo social
    – Xefatura territorial de Sanidade en Pontevedra, Avda. Mª Victoria Moreno, 4 3, 1

[Folleto explicativo]   [Texto do testamento vital]

Clausura do Curso Pastoral

O encontro diocesano de clausura do Curso Pastoral 2020-2021 será o vindeiro 18 de xuño – venres – no Santuario do Cebreiro.

A pandemia condiciona a vida de todos; non obstante, a vida pastoral nas comunidades continúa. Xuntos daránselle grazas a Deus e suplicarase pola fin da pandemia. Celebrarase a Eucaristía e poñeranse baixo a intercesión de Santa María tódalas actividades pastorais da Diocese.

O encontro desenvolverase así:

  • 11:00 h: Acollida – Oración.

  • 11:15 h: Reflexión: «La Iglesia, Pueblo de Dios en esta historia».

  • 12:00 h: Descanso.

  • 12:30 h: Celebración da Santa Misa

  • 13:15 h: Súplica a Santa María.

  • 13:30 h: Remate do encontro.

Este ano non se organiza o xantar nin transporte colectivo.

Novena á Benaventurada Virxe do Corpiño

No santuario do Corpiño comeza a Novena á Benaventurada Virxe María o 15 de xuño, en horario de 12 da mañá e 6 da tarde. Cada día dedícase a un tema:

Martes 15 de xuño: Dedicado ao traballo e aos traballadores. Bendición das mans, ferramentas de traballo e ás persoas que non teñen traballo.

Mércores 16: Dedicado ao canto. Bendición dos instrumentos musicais, do Coro “Nosa Señora do Corpiño” e das persoas que se dedican ao canto e á música.

Xoves 17: Dedicado a Cáritas e aos máis necesitados. “Operación quilo”. Cada asistente achega un quilo de alimentos non perecedoiros e serán entregados a Cáritas.

Venres 18: Dedicado á oración. Exposición do Santísimo en oración polas vocacións e a vida consagrada.

Sábado 19: Dedicado aos defuntos. Pedirase polos reitores, confrades e devotos da Virxe do Corpiño que faleceron. Especialmente polos falecidos a causa do COVID-19.

Domingo 20: Dedicado aos nenos e mozos. Bendición dos nenos e mozos.

Luns 21. Horario de Misas: 10, 11, 12 da mañá e 6 da tarde. Dedicado á familia, matrimonios e á vida. Bendición das familias, embarazadas e as persoas que desexan ter fillos e non o logran.

Martes 22: Dedicado ás persoas maiores e enfermos. Bendición dos enfermos, medicamentos e auga para tomalas.

Mércores 23. Primeiro día da romaría. Novena dedicada aos peregrinos, devotos e seguidores das redes sociais. Rézase polos devotos en xeral e en especial polos que están lonxe.

Xoves 24. Romaría da Benaventurada Virxe Maria do Corpiño Coroada.

O Corpo de Xesucristo constrúe pobo

No comezo do Evanxeo de Xoán hai un magnífico himno dedicado á PALABRA. O eixo desa pasaxe é a afirmación seguinte: “A palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda”. A Palabra era Luz, Vida, Salvadora, Creadora, Deus, Verdade, Graza e constitúenos fillos de Deus.

Esa Palabra feita carne, Xesús de Nazaret, viviu e matárono nos tempos en que gobernaba en Xudea un tal Poncio Pilatos, un Delegado do Emperador Romano. Xesús abaixouse e pasou por un de tantos (Flp. 2,7) para moitos dos seus contemporáneos. Mais celebrou a Pascua dos xudeus e aí creou unha presenza entre nós no que en xeral se chama comuñón, COMÚN UNIÓN, alimento de fraternidade e de vida que non remata, senón que continúa despois desta vida.

Participando da Cea de quen é a Palabra feita carne unímonos con El e somos Corpo de Cristo en palabras de Paulo de Tarso (1 Cor. 12, 27; Rm. 4, 5; etc.). Ás veces, para diferenciar a época actual da histórica de Xesús fai 2000 anos, dicimos Corpo Místico de Cristo, pero non esquezamos que El afirma estar realmente presente agora e sempre nos máis necesitados, que para un cristián son Corpo de Cristo.

Calquera pode comprobar que a vida humana é de condición social, tanto no momento do nacemento e infancia, como xa na vida adulta. Ao nacer precisamos que nos dean de comer, nos ensinen a falar e nos dean unha cultura, unhas ferramentas para poder desenvolvernos na vida. Necesitamos ser enxendrados socialmente, e seguimos precisando durante toda a vida da colaboración do próximo. Esa condición social leva a que constituamos institucións que son amparos e axudas para a vida das persoas. A función de toda institución, por tanto, non é aprisionar á persoa, senón ser un amparo e axuda que a capacite para desenvolver ao máximo as capacidades que cadaquén ten, e esa función débena cumprir desde a institución máis próxima á persoa, a familia, ata as máis afastadas como o Estado e as Organizacións Internacionais.

Pola súa propia condición o Alimento Eucarístico, o Corpo de Cristo, crea grupos e comunidades de diverso tipo nesa gran amplitude de movementos eclesiais e comunidades cristiás polo mundo enteiro, de aí que vexamos moitas veces esta afirmación: “a Eucaristía fai a Igrexa”. Así vemos a implicación entre o Corpo de Cristo e os diversos acontecementos e festas da vida das persoas e dos pobos. Estamos tan acostumados a ver nos carteis das festas das poboacións galegas que apareza MISA SOLEMNE, e mesmo novena, xunto ao pasarrúas, sesión vermut, verbena… que non nos paramos a pensar no senso antropolóxico, social e relixioso que manifesta, e o que iso significa.

Que “as persoas sexan o Corpo de Cristo” forma parte tanto das nosas raíces como das aspiracións máis profundas, o que leva a considerar coherentes as referencias a Xesucristo presentes en tantas bandeiras e escudos de cidades e nacións de España e de Europa enteira. Sen ir máis lonxe atopamos no escudo da cidade de Lugo e no de Galicia a figura dese cáliz románico, patrimonio europeo e propiedade dunha ben pequena parroquia da diocese e provincia de Lugo.

A corporeidade de Cristo, da que formamos parte, fai a todos e a cada un importantes tal como lles dicía Paulo de Tarso aos irmáns de Corinto na súa misiva (1 Cor 12, 12-31). Nela chama a que todos sexamos corresponsables desde as diferentes capacidades e funcións desempeñadas. Destas conviccións fai máis de 350 anos xurdiu a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Corpo Eucarístico de Cristo na Catedral de Lugo, realizada cada ano por un dos alcaldes das sete cidades capitais de provincia do Reino.

A Ofrenda, para non caer en mentira e falsidade, debe levar consigo comportamentos axeitados. Esixe a mutua colaboración en igualdade das persoas e tamén das institucións. Hai que asumir cada un as propias responsabilidades e promover ou permitir que outros asuman as súas. Débese vivir a solidariedade e facilitala entre os diversos membros do Corpo de Cristo, o cal nos envía a construír unha humanidade que estea unida nunha verdadeira familia.

Xesucristo en moitas pasaxes do Evanxeo afirma que está especialmente presente nos pequenos e máis necesitados. Aí está o chamado por moitos “Evanxeo dos Ateos” cando en Mateo 25, 31-46 atopamos: “Vinde, benditos do meu Pai… porque tiven fame e déstesme de comer, tiven sede…” e ante a pregunta destes sorprendidos: “Cando te vimos famento… sedento…forasteiro…?”. Respóndelles: “canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo”.

A aspiración a unha unión solidaria entre todas as persoas está no corazón de toda persoa de boa vontade, á vez que tamén é unha esixencia para todo cristián, e porque une a ambas as dúas enténdese que esta Ofrenda se leve celebrando xa 350 anos. Renovemos o compromiso de colaboración e apoio mutuo!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

[Artículo en castellano]

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

 

Ás 12 da mañá do 13 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que vén celebrando desde 1669. Este ano correspondíalle á cidade da Coruña a presentación desta Ofrenda.

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidiu a Eucaristía na que concelebraron os bispos galegos (excepto o Arcebispo de Santiago, Mons. Barrio, que está en Roma con motivo da audiencia co Papa Francisco). Acompañaron ao oferente, primeiro tenente de Alcalde da cidade da Coruña, Juan Ignacio Borrego, os alcaldes e representantes do sete cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.

Na resposta á Ofrenda, o bispo de Lugo, Mons. Carrasco Rouco comezou manifestando o seu agradecemento ao oferente pola presentación da ofrenda: “Na luz que brilla día e noite ante o Santísimo, motivo primeiro desta nobre tradición –como Vostede recordaba–, represéntase a luz do corazón e a dos ollos de cada un de nós, que permanece viva ao reflectir a gloria que recoñecemos en Xesús Sacramentado, escondida aos soberbios e resplandecente para os humildes. Aquí profesamos con firmeza as certezas do noso corazón, sobre as que construímos a vida e nas que fundamos a esperanza: Ti estás con nós, Señor

Continuou dicindo que “lle pedimos hoxe ao Señor que esta paz reine nos nosos corazóns, e que a luz e a ledicia da súa presenza acompañe os nosos pasos neste tempo de pandemia, de enfermidade e inquietude. Que ninguén de nós, pequeno ou grande, novo ou vello, caia na tentación de darse por perdido pola dificultade das circunstancias e nin sequera ante a perspectiva da morte. Porque, como dicía Paulo, estou seguro de que nin a morte nin a vida … nin criatura algunha nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor (Rm 8,38-39). Esta seguridade grande confórtanos nas loitas de cada día e permítenos pensar con esperanza en aqueles que nos deixaron.”

O pobo de Galicia quixo gardar o contrario no seu corazón, ter a Eucaristía sempre diante dos ollos. Propúxose alimentarse deste outro pan de vida, que a propia humanidade fose movida por outros afectos, capaz doutras virtudes, fose boa e xenerosa. Neste tempo de crise puidemos ver en moitos exemplos a grandeza de quen se sabe sacrificar, de quen ama, de quen entrega tempo e ata a saúde –paga co propio corpo. E puidemos recordar que isto sempre foi así, que estas foron as grandezas verdadeiras que fixeron dignas as nosas casas e cidades, que iluminaron a vida das nosas familias, e que desexamos poder experimentar de novo con todos os que queremos de verdade. Estas son as bases do noso futuro, os recordos luminosos da nosa memoria, a nosa alegría e o noso desexo cada día.”

Finalizou Mons. Alfonso Carrasco resaltando que “O sacrificio do Señor, presente na Santísima Eucaristía, atravesa os séculos, segue a confortar o noso corazón dolorido, continúa a encher de agradecemento e humildade a nosa alma, non deixa de atender e coidar a cada un, para cambiarnos, enriquecernos e chamarnos á obra da caridade. Ninguén é pouca cousa, se é amado do Señor. Ninguén pode ser descartado como pouco útil.”

A %d blogueros les gusta esto: