III Noite Coral Lucense: As Voces da Cidade

O sábado día 10 de xullo, terá lugar a “III Noite Coral Lucense: As Voces da Cidade”, iniciativa novidosa e orixinal (tanto no ámbito local como nacional) na que a música coral e a beleza arquitectónica dos lugares nos que se desenvolve son protagonistas absolutos.

A Noite Coral está organizada polo Centro Eucarístico Lucense (institución da Diocese de Lugo para a promoción do culto eucarístico) e desexa poñer en valor as singularidades artísticas e culturais da nosa cidade: os monumentos declarados Patrimonio da Humanidade (Catedral de Lugo, Camiño de Santiago e Muralla Romana) e o forte arraigo da música coral na nosa cidade, sen perder de vista a realidade do Camiño de Santiago.

A Noite Coral consiste nun circuíto nocturno de concertos de música coral por algún dos templos máis senlleiros da cidade de Lugo. Os coros participantes realizarán tres concertos breves (duns 20 minutos cada un) mais un concerto final, a cargo de Concentus Lucensis, no Claustro da Catedral de Lugo.

21.00 h. Orfeón Lucense.  Igrexa Parroquial de San Froilán

21.40 h. Coral Solo Voces. Igrexa Parroquia de Santiago “A Nova”

22.20 h. Coral do Hospital de Lugo. Igrexa dos PP. Franciscanos

23.00 h Concentus Lucensis. Catedral de Santa María

Novena na honra da Virxe do Carme

A Capela do Carme (Lugo) acolle a Novena na honra da Virxe do Carme desde o xoves día 8 até o día 16 de xullo. Este ano será oficiada polo párroco de San Lázaro da Ponte Abraham Sánchez Pujante.

Horarios: Todos os días celébrase Misa ás 9 da mañá e ás 20 horas. Ás sete e media haberá rosario.

Día 16: haberá misas ás 9, 10, 11 e 12 da mañá; a esa hora será a Misa solemne e a partir de entón quedará exposto o Santísimo até as sete da tarde. Ás 20h celébrase a Misa e ao final, no canto de procesión, sacarase a imaxe da Virxe até a porta da capela e cantaráselle unha salve.

Haberá cadeiras fronte ao templo e dúas pantallas para poder seguir os actos.

Ordenacións sacerdotais de Guillermo Carrillo e Rubén Ponce

Guillermo Carrillo (esqda.) e Rubén Ponce (dta). Foto de María Nogueira

O sábado 3 de xullo de 2021, ás 17 h. na Catedral, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, ordenou presbíteros aos seminaristas:

– Rubén Ponce Díaz, do Seminario Diocesano Conciliar

– Guillermo Antonio Carrillo Vargas, do Seminario Diocesano e Misioneiro Redemptoris Mater

Algúns datos biográficos

Rubén Ponce naceu en Ferrol en 1989. Estudou Dereito en Santiago de Compostela. Tras pasar por un período de discernimento vocacional, comezou a cursar Estudos eclesiásticos no Seminario Diocesano Conciliar de Lugo. Foi catequista en Santiago de Compostela durante o seu período de formación universitaria, despois foi tamén nalgunhas parroquias de Valdoviño, onde viviu a súa familia. Durante o tempo de Seminario realizou varias experiencias pastorais, entre elas nas Pontes, na provincia da Coruña, e nalgunhas parroquias de Melide, nas Unidades Pastorais 3 e 4 do arciprestado de Abeancos. En 5º ano de Seminario foi enviado a Madrid para unha nova experiencia pastoral parroquial e para completar os seus estudos na Universidade Eclesiástica San Dámaso, na que actualmente cursa a licenciatura en Dereito Canónico.

Guillermo Antonio Carrillo Vargas naceu en Costa Rica en 1988. É o sétimo de oito irmáns e pertence ao Camiño Neocatecumenal. Tras tres anos en proceso prevocacional en Costa Rica, foi enviado ao Seminario Redemptoris Mater de Madrid, onde realizou os catro primeiros anos de formación sacerdotal. Posteriormente foi enviado a Lugo, como parte do primeiro grupo de seminaristas do recentemente erixido Seminario Diocesano e Misioneiro Redemptoris Mater. Durante eses anos colaborou pastoralmente as fins de semana na parroquia da Milagrosa (Lugo). Concluídos os Estudos Eclesiásticos, realizou un ano de experiencia pastoral en Huelva. Actualmente desenvolve a súa etapa pastoral na Parroquia de San Froilán (Lugo).

Guillermo Carrillo e Rubén Ponce no intre da súplica litánica. Foto de María Nogueira

Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo

O vindeiro xoves 1 de xullo dá inicio a VII edición do Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo. Un ano máis este ciclo está organizado pola Diocese de Lugo a través do Centro Eucarístico Lucense, organismo para a promoción do culto eucarístico. Así mesmo conta co patrocinio da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

O Festival propón a estrutura habitual de pasadas edicións, coa novidade da celebración do concerto inaugural o primeiro de xullo ás 20.00 h no Círculo das Artes. Esta primeira cita consistirá nun concerto pouco habitual, no que a expresividade do piano únese ao órgano, algo de grande interese musical e sonoro. O concerto será a cargo de Corrado Greco e Giulio Mercati, e interpretaranse arranxos de Beethoven, Listz, Wagner e Samuel Barber para piano e órgano.

O segundo concerto terá lugar na Catedral de Santa María, o sábado 3 de xullo as 20.45 h. Dado que a Catedral permite o uso simultáneo dos dous órganos cos que está dotada, os organistas Enrico Viccardi e Giulio Mercati interpretarán conxuntamente, no órgano da Epístola e do Evanxeo, obras de Bach, Francisco Olivares, Piazza e Krebs.

O terceiro concerto terá lugar o domingo 4 de xullo as 20.45 h. na igrexa de Santiago a Nova. O pequeno pero fermoso e expresivo órgano Alberdi, servirá de acompañamento, a mans de Stanislav Surin, da delicada voz da soprano Zuzana Sebestova. Ambos músicos son de orixe eslovaca, e Surin visita o Festival por segunda vez. Interpretarán obras de Vivaldi, Händel, Mozart, Bossi, Vierne, obras de compositores eslovacos e do propio Surin que estreará un O salutaris hostia composto a propósito para este concerto.

O cuarto concerto, o 6 de xullo ás 20.45 h. na Catedral de Santa María, ten carácter solístico. O organista alemán Joannes Skudlik, xa habitual do Festival, interpretará nos órganos catedralicios obras clásicas do repertorio organístico de autores como J. S. Bach e tamén de autores menos relacionados co órgano coma Beethoven, Haydn e Mozart.

No último concerto, que terá lugar o 8 de xullo ás 21.00 h. na Catedral de Santa María, un coro de Lugo, Solo Voces, dirixido por Fernando Gómez Jácome, recupera obras do arquivo da catedral de Lugo, neste caso dun dos máis importantes mestres de capela do s. XX: Juan Antonio Moreno Fuentes. A formación coral estará acompañada polo organista italiano Gabrielle Giacomelli, que tamén interpretará pezas solísticas de Zipoli, Vivaldi, Respighi e Bach.

A entrada aos concertos é libre e de balde ata completar a cabida (reducida o 75%). Para asistir o concerto é preciso efectuar rexistro á entrada, co que as portas abriranse 30 min antes do concerto.

Romaría na honra da Benaventurada Virxe María do Corpiño

No santuario do Corpiño ten lugar a romaría na honra da Benaventurada Virxe María.

Mércores 23 de xuño

PRIMEIRO DÍA DA ROMARÍA

Último día da Novena (ás 12 e ás 18 h): Dedicado aos peregrinos, devotos e seguidores das redes sociais. Rézase polos devotos en xeral e en especial polos que están lonxe e manteñen contacto co santuario por internet e as redes sociais.

– Misas desde as 8 da mañá

– Santa Misa Solemne ás 12 da mañá

– Pola tarde Misa ás 6h

– Rodearase o Santuario con velas acesas e rezarase o Santo Rosario ás 10,30h da tarde.

– Ao terminar o Rosario, Santa Misa.

Xoves 24 de xuño

ROMARÍA DA BENAVENTURADA VIRXE MARIA DO CORPIÑO COROADA

– Misas desde as 8 da mañá

– Santa Misa de Enfermos ás 11:00 da mañá

– Santa Misa Solemne ás 12 da mañá

– Pola tarde Misas a partir das 5 da tarde

Domingo 27 de xuño

CONSAGRACIÓN á Virxe do Corpiño

– Misa ás 10:00 da mañá

– Misa ás 11:00 da mañá

– Ás 12:00 Misa e Consagración dos seus devotos á Virxe do Corpiño

A %d blogueros les gusta esto: