Alfonso X o Sabio relata un milagre sucedido na Catedral de Lugo

Neste ano 2021 no que se celebran os 800 anos do nacemento de Alfonso X o Sabio, e ante a festividade da Virxe dos Ollos Grandes, lémbrase aquí unha das Cantigas de Santa María, a adicada precisamente a un milagre realizado pola patrona de Lugo.

 

Esta é como Santa María sãou na sa igreja en Lugo ũa mollér contreita dos pées e das mãos.

Da que Deus mamou o leite do seu peito,

non é maravilla de sãar contreito.

Desto fez Santa Maria miragre fremoso

ena sa ygrej’ en Lugo, grand’ e piadoso,

por ha moller que avia tolleito

o mais de seu corp’ e de mal encolleito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Que amba-las suas mãos assi s’ encolleran,

que ben per cabo dos onbros todas se meteran,

e os calcannares ben en seu dereito

se meteron todos no corpo maltreito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Pois viu que lle non prestava nulla meezinna,

tornou-ss’ a Santa Maria, a nobre Reynna,

rogando-lle que non catasse despeyto

se ll’ ela fezera, mais a seu proveito

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Parasse mentes en guisa que a guareçesse,

se non, que fezess’ assi per que çedo morresse;

e logo se fezo levar en un leito

ant’ a sa ygreja, pequen’ e estreito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

E ela ali jazendo fez mui bõa vida

trões que ll’ ouve merçee a Sennor conprida

eno mes d’ agosto, no dia ‘scolleito,

na sa festa grande, como vos retreito

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Será agora per min. Ca en aquele dia

se fez meter na ygreja de Santa Maria;

mais a Santa Virgen non alongou preyto,

mas tornou-ll’ o corpo todo escorreyto.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Pero avo-ll’ atal que ali u sãava,

cada un nembro per si mui de rig’ estalava,

ben come madeira mui seca de teito,

quando ss’ estendia o nervio odeito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

O bispo e toda a gente deant’ estando,

veend’ aquest’ e oynd’ e de rijo chorando,

viron que miragre foi e non trasgeito;

porende loaron a Virgen afeito.

Da que Deus mamou o leite do seu peito…

Suspendida a peregrinación a Fátima prevista para setembro

A Hospitalidade Diocesana de Nosa Señora de Lourdes de Lugo informa que, debido á actual realidade sanitaria e aos informes recibidos do Santuario portugués de Fátima, vese obrigada a suspender a anual peregrinación diocesana a Fátima, na data en que estaba programada, do 3 ao 6 de setembro.

Así mesmo, a Xunta Directiva comunica que acordou enviar ao Santuario francés de Lourdes, a primeiros do mes de agosto, un primeiro donativo de todas as esmolas e ofrendas que os socios e peregrinos entregaron para este santuario até o momento. No vindeiro mes de decembro farase outro envío do recibido ata entón.

“Madre ven” na Diocese de Lugo

Un grupo de laicos e sacerdotes propúxose levar á Virxe aos fieis españois para pedirlle consolo e esperanza en Cristo. Tras facer unha peregrinación que comezou en Zaragoza no mes de maio, unha imaxe da Inmaculada procedente de Éfeso chegaba a Santiago o 25 de xullo. E ao día seguinte inicia na Diocese de Lugo a segunda parte do periplo que ata outubro levará a imaxe da Virxe polo resto de España.

Poucos minutos despois das 11h do 26 de xullo a imaxe da Inmacula subía pola rúa do Carme para estar na Capela do Carme, desde alí foi en procesión ata a Catedral, onde se celebrou unha Misa solemne na honra da Inmaculada.

Pola tarde está no Santuario da Nosa Señora do Corpiño (Lalín, Pontevedra) onde será recibida polo reitor e os fieis e levada en procesión.

Ás 18:00 h. celébrase unha Misa Solemne no Santuario.

Ás 20:00 h hai unha Vixilia coa Virxe: adoración ao Santísimo Sacramento, rezo do Santo Rosario e de vésperas.

A imaxe da Inmaculada permanece no Santuario até o día 27 de xullo pola mañá.

Nacho López Perea, un dos coordinadores da peregrinación “Madre ven”, dicía o seguinte á súa chegada a Lugo:

“Cando comezamos a pensar que tiñamos que facer unha homenaxe á Virxe nestes tempos tan difíciles nunca imaxinamos que puidese ser tan bonito e que a xente estivese tan entregada. Si sabiamos que ía mover moitos corazóns pero está superando calquera expectativa. Estamos chegando a todos os pobos e mesmo a xente sae ao encontro da imaxe polos camiños. Levamos 3 meses peregrinando e quédannos outros tres. Aínda que ultimamente se fale doutras cousas, nótase que esta é unha Terra de María, e ogallá que o siga sendo”

[Fotos]

“Madre ven” na Diocese de Lugo os días 26 e 27 de xullo

Tras rememorar a visita da Virxe ao Apóstolo Santiago, unha escultura da Inmaculada peregrina desde Zaragoza ata Compostela, e despois a imaxe estará en Lugo e O Corpiño os días 26 e 27 de xullo.

Un grupo de laicos e sacerdotes propúxose levar á Virxe aos fieis españois para pedirlle consolo e esperanza en Cristo. E tamén a renovación de España como Terra de María.

A peregrinación ten dúas partes:

– Nun primeiro momento, de Zaragoza a Compostela, pasando por Loyola. É un camiño dacabalo e a pé. Comezou en Zaragoza en maio e chega a Santiago para a Festa do Apóstolo o 25 de xullo.

– A segunda parte durará até o 12 de outubro e nese tempo a imaxe irá visitando outras dioceses españolas, comezando pola de Lugo, onde estará os días 26 e 27 de xullo.

O luns 26 subirá pola rúa do Carme para estar ás 11 h na Capela do Carme, desde onde irá en procesión ata a Catedral, celebrándose aí unha Misa solemne ás 12 h na honra da Inmaculada.

Pola tarde partirá para o Santuario da Nosa Señora do Corpiño (Lalín, Pontevedra) onde será recibida polo reitor e os fieis para logo ser levada en procesión.

Ás 18:00 h. celébrase unha Misa Solemne no Santuario do Corpiño.

Ás 20:00 h. hai unha Vixilia coa Virxe: adoración ao Santísimo Sacramento, rezo do Santo Rosario e rezo de vésperas.

A imaxe da Inmaculada permanecerá no Santuario até o día 27 de xullo pola mañá.

Educación e saída laboral: nova oferta de Ciclos Formativos en Lugo

Fronte á demanda laboral, o Colexio Diocesano San Lorenzo incorpora para o vindeiro curso 2021-2022 catro Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior: Guía no Medio Natural e Tempo Libre, Técnico Superior en Acondicionamento Físico, Técnico de Emerxencias Sanitarias e Técnico Superior en Hixiene Bucodental.

A Educación Profesional é un punto de encontro entre a demanda do mercado laboral e aqueles alumnos que desexan iniciar o seu camiño profesional. Segundo o Ministerio de Educación e Formación Profesional de España as matrículas destes ciclos creceron un 20% no últimos seis anos. Con todo, moitos interesados quedan nas listas de espera debido á escaseza de prazas existentes. Atendendo a esta necesidade, o Colexio Diocesano San Lorenzo (Seminario Menor de Lugo) acaba de incorporar catro Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior. Dous deles son de formación deportiva (Técnico en Guía no Medio Natural e Tempo Libre e Técnico Superior en Acondicionamento Físico) e outros dous están relacionados ao actualmente demandado campo do traballo sociosanitario (Técnico de Emerxencias Sanitarias e Técnico Superior en Hixiene Bucodental).

Oportunidades profesionais para mozos e para todo o mundo

A metodoloxía de aprendizaxe dos ciclos formativos dota de coñecemento e habilidades aos estudantes para habilitalos a unha pronta inserción no mundo profesional. Os módulos combinan materias teórico-prácticas coa Formación en Centros de Traballo (FCT). Os catro programas constan de 2.000 horas repartidas en dous cursos académicos integrais. Á formación de Grao Medio pódese acceder cun título ESO e para os Ciclos Formativos de Grao Superior é necesario contar co título de Bacharel. Os Ciclos Superiores facilitan o posterior acceso á universidade e permiten convalidar créditos.

O título de Técnico en Guía no Medio Natural e Tempo Libre forma aos mozos para planificar e dirixir actividades lúdico-deportivas en diferentes contornas naturais. Algunhas das saídas profesionais que ofrece son: socorrista no medio natural, monitor/a de tempo libre, guía ou instrutor/a de grupos de diversas actividades, coordinador/a en empresas de actividades de tempo libre.

O Ciclo Superior en Acondicionamento Físico é ideal para quen estean interesados en desenvolver unha carreira profesional vinculada ao adestramento físico para todo tipo de persoas e en diferentes espazos de práctica (ximnasios, salas de adestramento funcional, piscinas, aire libre), xa sexa como adestrador/a, instrutor/a, promotor/a, coordinador/a, ou roles afíns.

Para os ciclos de formación deportiva, ademais das instalacións coas que conta o Colexio Diocesano, asináronse varios convenios de colaboración: co Centro Deportivo FORUS Lugo, onde se realizarán algúns dos módulos (e todos os alumnos dos ciclos deportivos serán socios do Centro durante o curso) e co Club Hípico da Cruz, ademais de futuras colaboracións con outras realidades presentes na cidade.

O título de Técnico de Emerxencias Sanitarias habilita aos mozos a levar adiante tarefas sanitarias de nivel básico en situacións de emerxencia individuais, colectivas ou de catástrofe. A formación permite asistir ao persoal médico en operacións de evacuación e traslado de pacientes ou vítimas a centros sanitarios, aplicando técnicas de soporte vital e de atención básica inicial en situacións de emerxencia, prestar apoio psicolóxico básico, verificar o funcionamento básico dos equipos médicos e medios auxiliares de vehículos sanitarios, entre outras cousas.

O Colexio Diocesano San Lorenzo asinou un convenio con Salutrans (Sanitaria Lucense de Transportes S.L.) para o desenvolvemento de parte da formación deste ciclo co seu apoio, e todos os seus alumnos realizarán tamén froito desta colaboración o Curso de Desfibrilador Semiautomático (DESA).

O Ciclo Superior en Hixiene Bucodental capacita en prevención e asistencia técnica dentro dun equipo de saúde bucodental, xa sexa no ámbito público ou no privado. Estas inclúen a exploración, a avaliación, a promoción e a realización de técnicas odontolóxicas en colaboración con odontólogos ou médicos.

Educación Superior integral e de alta calidade

O Colexio Diocesano San Lorenzo conta con varios laboratorios, aulas-taller, un polideportivo cuberto, pistas en exteriores, unha biblioteca con máis de 100 mil volumes, e outros espazos e instalacións que están ao servizo da Formación Superior. É unha das poucas alternativas privadas para realizar esta formación. Segundo o reitor do Colexio, David Varela Vázquez, “a iniciativa quere adherirse ao Pacto Educativo Global proposto polo Papa Francisco, comprometéndose ‘con valentía para dar vida, nos nosos países de orixe, a un proxecto educativo, investindo as nosas mellores enerxías e iniciando procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil’.”

Para todos os interesados nesta oferta, o Colexio Diocesano San Lorenzo xa ten aberta a matrícula para os Ciclos Formativos 2021-2022. A inscrición pode realizarse en 

www.colegiodiocesanosanlorenzo.org

A %d blogueros les gusta esto: