125 aniversario do II Congreso Eucarístico Español

Por iniciativa da “Fundación Luís de Trelles” e a colaboración do Consello Diocesano da Adoración Nocturna lucense, celebraranse varios actos o sábado 16 de outubro con dous obxectivos: conmemorar o 125 ANIVERSARIO DO II CONGRESO EUCARÍSTICO ESPAÑOL, celebrado en Lugo, e, á vez, “espertar” á Adoración Nocturna da zona de Galicia, tras o parón sufrido con motivo da pandemia.

SÁBADO 16 DE OUTUBRO

Ás 18,30 horas

CONFERENCIA sobre o venerable Luis de Trelles (fundador da Adoración Nocturna) no Salón de Actos do Seminario, a cargo de D. José de Cora Paradela, escritor, xornalista e Director Xeral de El Progreso.

Ás 21,00 horas

“VIXILIA DE ESPIGAS” na Santa Igrexa Catedral Basílica, presidida polo Bispo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco.

Aos citados actos espérase acudan adoradores de toda Galicia.

Mesa redonda sobre “Familia e misión”

Organizada pola Delegación de Misións e a Delegación de Laicos, familia e vida, o 2 de outubro tivo lugar no salón de actos do Seminario de Lugo unha mesa redonda sobre a familia e a misión:

O primeiro en intervir foi o director nacional de Obras Misionais Pontificias, José María Calderón:

A misión é unha plena manifestación da sinodalidade, onde todos os homes: sacerdotes, mulleres, consagrados, casados, solteiros… xuntos saímos ao mundo a evanxelizar, coa conciencia clara de que o Señor necesita brazos e persoas para levar a súa mensaxe de salvación a todos os homes. Todo iso foi pouco a pouco formalizándose e tomando corpo e grazas a Deus todo está moi normalizado. Dos 9.000 misioneiros españois que están polo mundo, 556 son sacerdotes diocesanos e laicos 651 (deles 230 son matrimonios). Hai máis segrares que van a evanxelizar, que sacerdotes diocesanos. As relixiosas, a vida consagrada feminina, supera a todos: están sempre na avanzada, tiran para adiante, móllanse”.

A continuación interveu unha familia do Camiño Neocatecumenal, Raquel Puig e Virgilio Martínez:

Na Diocese de Túnez o Bispo pediu unha familia con fillos pequenos e que o pai fose enfermeiro. Pen-samos que tal vez era vontade de Deus, e ofrecímonos. No ano 2011 fomos enviados, xunto con outras familias, á misión polo papa Bieito XVI. Estivemos en Túnez case 2 anos. O tipo de misión alí tivo que acabar e volvimos a España sempre agradecidos a Deus polo que fixo por nós, o que Deus nos deu gratis. E pensamos: como non imos compartilo?

Nunha convivencia onde se buscaba o que o Señor quería de nós, soubemos que os bispos galegos pedían aos catequistas do Camiño Neocatecumenal unha axuda que se materializou en forma de 17 familias, 4 en Lugo. Desde hai 7 anos estamos ao servizo da Diocese, axudando na iniciación cristiá de adultos en parroquias: A Milagrosa, A Nova – Nosa Señora de Fontiñas, San Froilán, Albeiros”.

Por Misioneiros Segrares Vicencianos (MIsevi) interveu primeiro o matrimonio formado por Manuel Gamallo e Mª Jesús Cuena, que, entre outras cousas, dixo:

Con 23 anos fun a Mozambique, onde estiven varios anos como misioneira segrar formando parte dunha comunidade de misioneiras. Traballei nun hospital onde aprendín case todo o que sei. Pasei a malaria, o cólera e houbo un momento na miña vida no que estivera traballan-do máis en África que en España.

Cando estivemos en Etiopía, tivemos moitas circunstancias xunto a outras familias, con persoas que non teñen nada que ver contigo, nin o idioma, nin a forma de vivir, nin a cultura… e o único que une é a fe.

De novo en España, para ter un medio de vida, fun a unha oposición a enfermeira de prisións. Cando tiña uns meses libres, volvía á misión. Neses momentos impliqueime en Misevi Internacional, sendo moi consciente de que misión laica ten que sosterse por si mesma e desde España as familias temos que buscar a forma de soster a misión.

E finalmente deron o seu testemuño Emilio Estévez e Mónica Villar, do Equipo coordinador de Misevi. Mónica contou, entre outras cousas, o seguinte:

O meu marido Emilio e mais eu estamos na parte de atrás, na retagarda. Vou poñer o exemplo do quirófano: nunha operación cirúrxica, o cirurxián extirpa o tumor ou repara o que estea roto, pero previo a iso hai moitísimas persoas que teñen que preparar a sala de quirófanos, preparan ao paciente, acompañan ás familias. Tamén hai unha parte que non se ve do que supón un envío, cando unha persoa chega á misión. Pois ben, os dous estamos traballando nesa área.

Estar nun equipo internacional conseguiu en min vencer medos como o ter que enfrontarse a unhas contas, ter que ir soa a moitos sitios, ter que xestionar moitas veces emocións como a culpa cando non se pode axudar a alguén en tempo e forma.

Temos que poñernos ante Deus e dicir: que queres que faga con respecto ao labor misioneiro da Igrexa?”

Retiros con temática misioneira para sacerdotes

 A Delegación Diocesana de Misións informa dos  retiros para sacerdotes que organiza durante este mes de outubro, mes misioneiro.

Esta semana dirixe os retiros Daniel Cerezo, misioneiro Comboniano que pasou boa parte da súa vida en China e África. O día 7 foi en Lalín e o día 8 en Sarria. 

 Os seguintes retiros estarán dirixidos polo misioneiro Comboniano Héctor Manuel Pena e o Delegado Diocesano de Misións Jesús Manuel Santiago.

  • Día 13, en Monforte con Héctor Manuel Pena.
  • Día 14, en Fonsagrada con Jesús Manuel Santiago.
  • Día 20, en Chantada con Héctor Manuel Pena.
  • Día 21, en Lugo con Héctor Manuel Pena e en Cotos Esquerda con Jesús Manuel Santiago.
  • Día 27, en Baralla con Jesús Manuel Santiago.
  • Día 28, en Monterroso con Héctor Manuel Pena.

Xornada mundial polo traballo decente

Con motivo da celebración da Xornada mundial polo traballo decente, o 7 de outubro prográmanse os seguintes actos:

Na igrexa conventual das MM. Agustinas (pza. Santo Domingo, Lugo), vixilia ás 19 h

Ao final Xulio Xiz lerá o manifesto “Agora máis que nunca, Traballo Decente”.

Convocan as seguintes entidades: Cáritas Diocesana, Confer, Fundación Juan Soñador, Irmandade Obreira de Acción Católica, Taller de Solidariedade.

[Manifesto]

Primeiros actos sobre a misión no mes de outubro

O vindeiro sábado, día 2 de outubro terán lugar varios actos para ir ambientando o comezo do mes que a Igrexa adica en especial ás misións.

Na Parroquia de Lalín ás 11 h o director nacional de Obras Misionais Pontificias José María Calderón, impartirá o relatorio titulado “Como ser misioneiros nas nosas familias”.

No salón de actos do Seminario de Lugo ás 17 horas, intervirán nunha mesa redonda sobre a familia e a misión:

  • José María Calderón, director nacional de Obras Misionais Pontificias,

  • unha familia do Camiño neocatecumenal e

  • unha familia de Misevi (Misioneiros seglares vicencianos).

A continuación, ás 20 horas, celébrase a Eucaristía na Catedral, presidida por José María Calderón.

Son actos organizados conxuntamente pola Delegación de Misións e a Delegación de Laicos, familia e vida.

A %d blogueros les gusta esto: