Celebración na honra de San José María Díaz Sanjurjo

Un 25 de outubro de 1818 nacía San José Mª Díaz Sanjurjo na aldea de Vigo, pertencente á parroquia de Santa Eulalia de Suegos (concello de Pol). Na fin de semana máis próxima, o sábado 23 de outubro, organízase unha peregrinación a Suegos co lema “Con San José María Díaz Sanjurjo camiñamos en familia”. O programa é o seguinte:

– Acollida ás 10:30 h na igrexa de Montecubeiro (Castroverde). Oración e motivación

– Camiñada dende Sarceda ata Suegos (4 quilómetros)

– Celebración da Santa Misa no exterior da Capela das Neves

– Comida

A inscrición para participar nestes actos é gratuíta e está aberta para toda a Diocese de Lugo.

Inicio de sesións formativas sobre acompañamento na etapa final da vida

O mércores día 20 terá lugar a primeira xornada de formación que organiza a Diocese para este curso sobre a etapa final da vida das persoas. O encontro será de 10: 30 a 13: 15 h, no salón de actos do Seminario de forma presencial e poderá seguirse por YouTube de forma persoal ou nos puntos de conexión habilitados nas distintas zonas pastorais.

Neste primeiro encontro, o sacerdote da arquidiocese de Toledo D. Alfonso Fernández Benito terá varias intervencións co tema: “O Evanxeo da Vida”. D. Alfonso centrarase na atención ás persoas nas fases críticas e terminais da vida que aparecen na Carta Samaritanus bonus (carta da Congregación para a Doutrina da Fe sobre a eutanasia, publicada no ano 2020).

Durante este curso hai varias sesións formativas baixo o lema: “Sementadores de esperanza. Acoller, protexer e acompañar na etapa final da vida”. A seguintes sesións serán o 28 de decembro, o 19 de xaneiro e o 30 de marzo.

Apertura do camiño sinodal diocesano e do Curso Pastoral

O domingo día 17 de outubro abriuse o camiño sinodal na Diocese de Lugo: SÍNODO 2021 – 2023. POR UNHA IGREXA SINODAL: COMUÑÓN, PARTICIPACIÓN E MISIÓN. Ao mesmo tempo inaugurábase o Curso Pastoral da Diocese. Foi coa celebración dunha Eucaristía presidida por Mons. Alfonso Carrasco, que na parte final da súa homilía, dixo:

“Camiñar xuntos quere dicir que ninguén é todo, que non temos que pensar en como mando eu sobre o veciño. O sacerdote non pode ser a parroquia enteira, o mesmo o Bispo e a Diocese, somos un pobo. A vida consagrada forma parte intrinsecamente da comunidade, foi enviada á Igrexa, á comunidade concreta para dar testemuño dunha vida chea de valor para todos. Os que son catequistas, os que asumen responsabilidades, as moitísimas persoas que traballan e axudan nas parroquias, o mesmo sucede: tampouco é por mandar máis, por gobernar máis, é por un ben propio e de todos os irmáns para que poidamos camiñar xuntos. As familias, os matrimonios, os nenos… todas as nosas actividades deben estar habitadas por este mesmo espírito, por este mesmo xesto de caridade que temos que renovar sempre, unidos no medio da Igrexa.

Imos celebrar a inauguración do Sínodo Diocesano, a tarefa está por diante: haberá preguntas para responder, haberá necesidade de facer algunha reunión, haberá necesidade de verse… tomádeo de corazón, como unha invitación do Papa a que prestemos atención ao máis esencial da nosa vida como cristiáns, que é formar parte deste pobo e camiñamos xuntos. Aceptemos esta invitación a dicir o que é importante, que volvamos a mirada a estes fundamentos do noso ser cristiáns para poder vivilo ben. E fagamos o traballo na medida en que poidamos. Pediremos para iso a graza do Espírito Santo, que o Señor nos bendiga”

125 aniversario do Congreso Eucarístico Español en Lugo

O sábado 16 de outubro conmemorouse o 125 aniversario do II Congreso Eucarístico Español, celebrado en Lugo.

O Bispo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco, presidiu a “Vixilia de espigas” na Catedral Basílica.

Previamente houbo unha conferencia sobre o venerable Luis de Trelles no Salón de Actos do Seminario, a cargo de D. José de Cora Paradela, escritor, xornalista e Director Xeral de El Progreso.

“É unha persoa excepcional, é unha personalidade dentro da historia de España estupenda, polimorfa e polifacética en infinidade de asuntos. Non podemos quedar co Luis de Trelles fundador da Adoración Nocturna, porque sería reducilo; non podemos quedar co Luis de Trelles avogado porque sería reducilo ou co Luis de Trelles mediador entre os bandos isabelino e carlista naquela terceira guerra carlista, na que fixo un papel fundamental. Tanto que foi destacado por adiantarse 50 anos ao espírito da Convención de Xenebra de 1930, naquilo que se refire ao bo trato que, aínda nas circunstancias calamitosas dunha guerra, debe darse aos prisioneiros. Dá parte da súa vida e dos seus bens, e consigue a liberación de miles de prisioneiros carlistas a cambio de miles de prisioneiros isabelinos”.

O corpo da conferencia de José de Cora tratou do caso xudicial que en 1876, levou Luis de Trelles: o caso Baldomera Larra (filla de Mariano José de Larra), fundadora tres anos antes dunha banca popular que ofrecía a obtención dun altísimo rendemento.

 Estes actos foron celebrados por iniciativa da “Fundación Luís de Trelles” e contaron coa colaboración do Consello Diocesano da Adoración Nocturna lucense.

Apertura do Curso Pastoral e do Sínodo convocado polo Papa Francisco

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, convoca a todos os diocesanos a participar este domingo 17 de outubro ás 18 h na solemne Eucaristía de apertura do Curso Pastoral diocesano e na que, ademais, quedará aberta a fase diocesana de preparación para o Sínodo convocado polo Papa Francisco e que culminará en 2023.

O camiño sinodal, co lema Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión, iniciouse solemnemente en Roma hai unha semana cunha Eucaristía presidida polo papa Francisco. Este sínodo, no que participará a Igrexa Universal, conta cunha fase diocesana.

Na nosa Diocese, despois da apertura este domingo, celebraranse reunións sinodais ao longo dos vindeiros meses para reflexionar sobre os temas propostos pola Santa Sé.

A %d blogueros les gusta esto: