Celebracións en Santa Baia de Losón

A vindeira fin de semana (7-8 de setembro) celébranse no Santuario do Corpiño as últimas procesións do verán de 2024, coa imaxe da Nosa Señora do Corpiño ao finalizar a Eucaristía das 6:00 da tarde do sábado e do domingo.

Todas as persoas que así o desexen poden portear aos ombreiros a imaxe da Virxe.

 

A 2 kms do Santuario do Corpiño, na capela de Montouto, está a prepararse a festa da Virxe das Dores. O sábado 7 de setembro comeza a Novena que será todos os días ás 8:30 da tarde.

O sábado 14 de setembro ás 8:30 da tarde Procesión dos Fachos e Santa Misa cantada polo Coro A Nosa Señora do Corpiño.

O domingo 15 de setembro celébranse misas desde as 9:00 da mañá. A Misa solemne será á 1:15 da tarde cantada polo coro A Nosa Señora do Corpiño.

A restauradora Uxía Aguiar explicou a rehabilitación de Santiago de Saamasas

No templo de Santiago de Saamasas, na cidade de Lugo, continúan os actos que se organizan con motivo da rehabilitación do edificio e dos retablos. O 15 de xullo a restauradora Uxía Aguiar Ballesteros explicou no propio templo o proceso, que comezou actuando sobre os lugares (teito, espadaña, chan) polos que se filtraba unha humidade que, entre outros efectos, perxudicaba aos retablos. Sobre estes, deu os seguintes datos:

Retablo maior barroco do século XVIII

– Iconografía orixinal: Santiago peregrino e grupo de Santa Ana, a Virxe e o Neno.

– Materiais: madeira policromada e elementos arquitectónicos pintados imitando mármore

xaspeado.

 

Retablos laterais, neoclásicos, da Virxe do Carme e San Antonio

– Estilo sobrio e elegante, de orde xónica.

– Columnas e entablamentos en dous planos, rompendo o marco arquitectónico.

– Materiais: madeira con policromía imitando mármores de diferentes cores.

Celebracións no Santuario do Faro

No Santuario do Faro (Chantada) teñen lugar as seguintes celebracións nas horas e días indicados.

Xuño – setembro (domingos)

Apertura do Santuario: 18:00 h

Celebracións do Perdón: 18:00 h

Rosario: 18:15 h

Misa: 18:30 h

 

15 de agosto  O FARO PEQUENO

Misa: 9:00, 10:00, 11:00, 12:00, 17:00 e 18:00 h

Misa solemne: 13:00 h

 

7 de setembro  A SUBIDA

Misa en Requeixo: 9:00 h

Misa no Faro: 12:00 h, 18:00 h

 

8 de setembro  O FARO GRANDE

Misa: 8:00, 9:00, 10:00, 11:00, 12:00, 17:00 e 18:00 h

Misa solemne: 13:00 h

 

9 de setembro  A BAIXADA

Misa no Faro: 17:00h

Misa en Requeixo: 19:30 h

O director do Museo Diocesano Catedralicio, Marcos Calles, explica a importancia do cancel de Saamasas

O 8 de xullo na igrexa de Santiago de Saamasas (pertencente á parroquia San Antonio de Padua, Lugo) houbo unha charla titulada “Os restos arqueolóxicos de Santiago de Saamasas”, a cargo do director do Museo Diocesano Catedralicio, Marcos Gerardo Calles Lombao, que comezou referíndose ao feito de que o cancel visigótico está en depósito no Museo Diocesano Catedralicio, e nun lugar privilexiado da devandita institución.

Para explicar o porqué da sona que ten a peza, Marcos Calles fixo un percorrido por varias das personalidades que se interesaron, desde que en 1920 o arqueólogo César Luis de Montalbán y Mazas visitou Saamasas e escribe sobre o que viu, igual que fan, na mesma década, Manuel Vázquez Seijas e Ángel del Castillo. Pero é Helmut Schlunk quen máis contribuíu a que moitos outros investigadores se interesasen. De entre eles, Marcos Calles recomenda a lectura de Jesús Guerra Mosquera: “Los restos visigóticos de Saamasas y Lugo” en  Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo 1967 (páxs. 134-143)

O director do Museo Diocesano Catedralicio explicou as pezas que compoñen o cancel, cal sería a súa disposición e algunha palabra como “Minei”, referida seguramente ao río Miño.

Finalmente, preguntou ao numeroso público presente a súa opinión sobre as figuras zoomórficas do cancel, porque hai bastantes interpretacións. Para Marcos Calles serían unha vaca e un oso, tal como di Isaías 11:7 “A vaca e a osa pastarán en compañía”.

Réplica do cancel, que está nun lateral da igrexa

Summa poética

Na gran semana do Corpus en Lugo e previamente á celebración das vésperas solemnes, o sábado 8 de xuño celébrase no claustro da Catedral às seis da tarde a Summa poética: arte, música e fe. Resoarán alí unha serie de poemas eucarísticos que permitirán comprender mellor a beleza que se esconde detrás dos versos, como expresión para manifestar o amor e o agradecemento a Xesús e a Eucaristía.

A %d blogueros les gusta esto: