Xornada de portas abertas do Colexio Diocesano San Lorenzo

O Colexio Diocesano San Lorenzo abre as súas portas a todas as familias, para que valoren esta opción formativa para os seus fillos, e poidan unirse á aventura educativa que o Centro desexa continuar despois da boa experiencia que está resultando o actual curso académico 2021-2022.

Neste primeiro trimestre do ano o Colexio Diocesano San Lorenzo organiza varias xornadas de portas abertas para informar sobre o seu modelo educativo. Todas as persoas interesadas en coñecer os estudos de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato teñen unha última oportunidade de achegarse o 7 de marzo ás 16:30 h até o edificio do Seminario de Lugo despois de cubrir un formulario .

[Programa da TVG do 6 de marzo sobre o Colexio San Lorenzo]

Axuda a Ucraína

O Santo Padre fixo un chamamento a toda a Igrexa para que o Mércores de Cinza se ofreza o xaxún e a oración pola paz en Ucraína. Como Diocese de Lugo acollemos de corazón este desexo do Papa.
Xunto ao xaxún e a oración, que ofrecemos pola paz, o tempo de Coresma lémbranos a chamada á esmola que nos fai o Evanxeo (Cfr. Mt. 6, 1-6.16 -18).
Dada a situación que viven as xentes a consecuencia da guerra, queremos ofrecerlles a nosa axuda a través de Caritas en Ucraína. É un signo de apertura ao próximo e ás súas necesidades, pero tamén de conversión de todas as cobizas e os odios, que impiden a paz.
Para realizar a nosa achega solidaria, convidamos a todos os fieis da nosa Diocese de Lugo e a todas as persoas que desexen colaborar a usar as contas que abriu Caritas España.

Caixabank ES31 2100 5731 7502 0026 6218

Santander ES88 0049 6791 7121 1600 9428

Retiro de Coresma para segrares

O sábado 5 de marzo a Delegación de Laicos, Familia e Vida organiza un retiro de Coresma predicado polo párroco de San Antonio de Padua e Delegado de Educación na fe, Alberte Leiva. Ás 9:30 h celébrase a Eucaristía; ás 10 h unha primeira meditación; ás 10:45 h haberá tempo para a oración e o sacramento da reconciliación. Finalmente, ás 11:45 h será a segunda meditación e ás 12:30 h exposición do Santísimo ata as 13:30 h. Acompañará nas celebracións o párroco de Castroverde e Delegado de Laicos, Familia e Vida, Nicolás Susena.

Obradoiro para mellorar a comunicación na parella

O obradoiro “Dando os mellores pasos” ten como obxectivo a complementación na parella partindo dunha evidencia: cando eliximos alguén para compartir a nosa vida, haberá intres moi diferentes: bos e malos, en soidade e con outros… Ser capaces de compasarse como parella, escoitarse, avanzar xuntos, complementarse… é decisivo á hora de construír relacións de parella onde podamos compartir todos eses momentos e fagamos que a relación saia fortalecida.

“O amor é un baile onde nos atopamos, despedímonos e volvémonos a atopar. Minuto a minuto. Día a día.” Sue Johnson,

No obradoiro adéstrase nese camiño cunha axuda: a música e o movemento. Utilizaranse eses dous elementos para aprender a escoitarse o un ao outro, para escoitar o ritmo da música e moverse xuntos. Tamén haberá dinámicas para profundar nas experiencias que se van tendo como parella para coñecerse mellor mutuamente. A actividade está chea de intres divertidos e entrañables.

É unha actividade gratuíta que se desenvolveu en Madrid, Burgos, Santander… O obradoiro impárteno de xeito conxunto Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, da escola de tango “SanTango”, xunto con Cristina Bandín Potel, psicóloga do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo e Familiae Psicoterapia.

O obradoiro enmárcase na Semana do Matrimonio que celebra a Igrexa Española. Será o sábado 19 de febreiro, desde as 10 até as 14 horas, no local de Cáritas Diocesana, Avda. das Américas 93-95, en Lugo.

Celebración da aprendizaxe no Colexio Diocesano San Lorenzo

O 15 de febreiro o Colexio Diocesano San Lorenzo organizou a celebración da aprendizaxe, coincidindo coa segunda das xornadas de portas abertas. Nisto último participaron tanto pais e rapaces interesados en coñecer o centro como medios informativos e autoridades locais. Ademais de visitar as instalacións, asistiron á celebración da aprendizaxe, consistente en que o alumnado de varios cursos de Secundaria presentou o resultado dos seus traballos por proxectos (a célula, Alfonso X o Sabio, cuadratura do círculo). Neste caso tamén estaban presentes os pais dos alumnos. Desde principios deste ano vén desenvolvéndose este método didáctico que implica a varias materias ao mesmo tempo e que continuará ata final de curso con cinco proxectos máis.

A %d blogueros les gusta esto: