Mons. Luis Argüello clausura as Xornadas Abertas de Teoloxía

Mons. D. Luis Argüello clausurou o día 16 as Xornadas Abertas de Teoloxía. D. Luis Argüello é Bispo Auxiliar de Valladolid e Secretario Xeral da Conferencia Episcopal Española. A súa conferencia titulábase “Corrección política e evanxelización” e o seu o núcleo central foi o seguinte: 

“Unha das características do novo sentido común moral é que está marcado polo sentimento, pola emoción. Porque iso é o que se pode xerar, se vemos a capacidade dos modernos métodos de comunicación, de influencia na nosa maneira de dicir, pensar, sentir e desexar, teñen tanto que ver coas emocións. Quebrou o sentido común moral e a outra gran afirmación é que desde o punto de vista teórico da filosofía está en forte crise a reflexión sobre o ser, a comprensión da realidade como un don. E substitúese esta acollida da realidade como un don por múltiples interpretacións, moitas delas marcadas por sesgos ideolóxicos. Así, quebrouse o sentido común moral e o sentido do real aparece como extraordinariamente modificado. Cales son os desafíos grandes na evanxelización? Sacar do armario á graza, contar máis coa graza, falar de Deus, vivir en Deus, ofrecer a vida de Deus, a capacidade de vivir en Cristo, de vivir segundo o Espírito (categorías que están nas cartas de Paulo). Contar coa realidade, para poder pinchar a burbulla do políticamente correcto, poñer diante feitos, en canto ao testemuño do real e en canto á realidade que sangra, á realidade daqueles que están sufrindo dun xeito singular as consecuencias desta maneira de organizar o mundo”

Xornadas Abertas de Teoloxía: segunda sesión

A segunda das Xornadas Abertas de Teoloxía foi o martes 15, cunha conferencia titulada “Os desafíos da corrección política para a persoa e a familia” que foi impartida pola Vicerreitora da Universidade Francisco de Vitoria (Madrid) María Lacalle. Comezou sinalando a distorsión que sofren dous principios: o de igualdade e o de liberdade. Seguíu indicando como iso afecta a cuestións como o aborto, a eutanasia, a identidade sexual. Tamén advertiu dos cambios na lexislación e na ensinanza. Ademais, o pensamento dominante contribúe a poñer baixo sospeita as relacións home-muller, a debilitar a autoridade parental. Finalmente, María Lacalle viu posible unha espiral virtuosa: 

“Unha sociedade constituída por familias fortes xera persoas seguras capaces de oporse ao pensamento dominante. Para constituír esas familias necesitamos recuperar ás persoas e lograr que sexan conscientes da beleza de ser home ou muller, de ser pai ou nai, e de ser capaces de comprometerse. Non debe basearse o compromiso só nun sentimento, porque é imposible que ese sentimento dure toda a vida; si debe basearse na vontade de querer, de querer querer e de querer até o final. Así poderemos construír un mundo mellor”.

Concerto espiritual “In tempore Quadragesimae”

O xoves 17 de marzo ás 20 h na Capela do Carme (Lugo) o grupo Concentus Lucensis dará o concerto espiritual In tempore Quadragesimae. O acto está organizado pola Delegación episcopal de Liturxia, Relixiosidade popular e Patrimonio histórico artístico en colaboración co Concello de Lugo.

Concentus Lucensis está integrado por:

Esperanza Iglesias, soprano

Carmen Prendes, alto

Fernando G. Jácome, tenor

Giulio Mercati, tenor/órgano positivo

Antón Castro, baixo

Marcos F. Mosquera, baixo

Cristina Nogueira, violoncello

Margarita López Blanco e Silvia Alonso, lecturas

No concerto interpretaránse obras musicais de compositores dos séculos XVI – XVIII: Jacob Handl, Nicola Porpora, Palestrina, Jean-Baptiste Barrière, Tomas Luis de Victoria, Cristóbal de Morales e Marc-Antoine Charpentier.

Inauguradas as XXXVI Xornadas Abertas de Teoloxía

O 14 de marzo comezaron as Xornadas Abertas de Teoloxía coa conferencia “Os desafíos da corrección política para a liberdade” a cargo do profesor da Universidade CEU Cardenal Herrera (Elxe – Alacante) Higinio Marín Pedreño. Tras ofrecer unha perspectica histórica para ver o que é novo e o que non, explicou que na actualidade a corrección política vai máis alá dunhas restriccións sociais sobre o que se pode facer e o que se pode dicir. Dixo Higino Marín que alcanza “unhas dimensións sociais que implican un status informal pero efectivo de confesionalismo e polo tanto a asunción dun punto de vista particular que informa o ordenamento legal e institucional dun país e o contido do aceptable e do non aceptable na conducta dos seus cidadáns que moi singularmente está promovido por unha nova élite que ten unhas características moi particulares: forma parte dun cosmopolitismo globalizado, hipertecnolóxico, promovido por persoas con posicións económicas moi influentes que se capilarizan en cada un dos países. E esas restriccións teñen un alcance capilar que afecta á conducta cotiá de persoas no desempeño profesional, nos seus círculos sociais”

Xornadas Abertas de Teoloxia

Entre os días 14 e 16 de marzo, o Seminario, o Instituto Teolóxico Lucense e o Instituto Superior de Ciencias Relixiosas organizan as Xornadas Abertas de Teoloxía. Esta 36ª edición desenvólvese no Salón Rexio do Círculo das Artes ás 20 h co título “Os desafíos da corrección política”.

Luns 14

Conferencia: “Os desafíos da corrección política para a liberdade”

Relator: D. Higinio Marín Pedreño.

Doutor en Filosofía, profesor da Universidade CEU Cardenal Herrera (Elxe – Alacante). É autor, entre outros, dos seguintes libros: Civismo y ciudadanía, Mundus: una arqueología filosófica de la existencia, Entre dichos: ensayos sobre la ciudadanía, El hombre y sus alrededores: estudios de filosofía del hombre y de la cultura, Teoría de la cordura.

Martes 15

Conferencia: “Os desafíos da corrección política para a persoa e a familia”

Relatora: Dna. María Lacalle. Vicerreitora da Universidade Francisco de Vitoria (Madrid). Algúns dos seus libros: En defensa de la vida humana, La persona como sujeto del derecho, Introducción a la teología, En busca de la unidad del saber, Mujeres en la encrucijada de la fe.

Mércores 16

Conferencia: “Corrección política e evanxelización”

Relator: Mons. D. Luis Argüello. Bispo Auxiliar de Valladolid e Secretario Xeral da Conferencia Episcopal Española. Participou nos seguintes libros: Derecho y literatura en la novela de Miguel Delibes, La Ley Orgánica de Libertad Religiosa (1980-2020), Lux aeterna, Actas del VI Congreso Nacional de Cofradías, Hospitales.

A %d blogueros les gusta esto: