Encontro de familias, ensino e catequese

 

 O día 4 de xuño, no Colexio San Xosé de Lugo celébrase un encontro de familias, ensino e catequistas, organizado pola Vicaría de Ensino, a Delegación de Familia e a Delegación de Catequese. O encontro estará presidido polo Bispo, Alfonso Carrasco Rouco.

 

O programa de actos é o que vén a continuación:

10:30 Acollida

 

11:00 Oración

 

11:15 Mesa redonda: “Familia, ensino e catequese: tarefa común”

 

Interveñen:

 

– Rodrigo Rúa Iglesias, Delegado de Familia

 

– Mario Vázquez Carballo, Vicario de Ensino

 

– José Pérez Barreiro, Delegado de Catequese

 

12:00 Diálogo

 

12:30 Eucaristía

 

13:30 Comida

 

15:00 Maxia para todos

 

16:00 Información

 

16:30 Oración e clausura

 

Haberá actividades especiais para os nenos que participen.

Charlas formativas organizadas polo Secretariado de Pastoral Penitenciaria

 O Secretariado de Pastoral Penitenciaria organiza unha charla formativa sobre o voluntariado de prisións. É o xoves 2 de xuño ás 20 horas no local parroquial de San Antonio de Padua de Lugo. Un funcionario fala do que pode facer un voluntario e como facelo.

O venres 3 de xuño, no Colexio Divino Mestre unha charla para mostrarlles aos mozos a realidade da prisión. A charla, a partir das 10:15 horas, será impartida por unha traballadora do centro Penitenciario de Bonxe.

A finalidade destas actividades é informar, dialogar e debater sobre esta realidade, achegando experiencias e buscando xuntos posibles saídas e alternativas.

O Secretariado Diocesano de Pastoral Penitenciaria ten, entre os seus obxectivos e actividades, a prevención, a evanxelización e a reinserción. Fixándose sobre todo na mocidade, que representea unha alta porcentaxe da poboación reclusa e a idade de cometer o primeiro delito oscila entre o tempo da adolescencia e a mocidade. Pero tamén é onde cabe poñer maior esperanza, xa que a personalidade do mozo está aínda en período de formación.

Desde o Secretariado de Pastoral Penitenciaria está a traballarse nesta tarefa todos os días: cos presos, cos familiares, coas vítimas, cos que cumpriron condena e incorpóranse á sociedade. E a idea é seguir traballando e profundando no campo da prevención, poñer un grao de area para crear consciencia desta dura realidade e facer o posible para previr males maiores.

 

Concerto da Coral do Hospital de Lugo

 

O coro actuará o día 26 ás 20:30 horas no HULA. O concerto durará unha hora.

Na Residencia Sanitaria de Lugo nacía hai 20 anos a Coral do Hospital. Durante todos estes anos deixou en moi bo lugar o centro sanitario lucense por tódolos lugares onde levou a súa música. Lugares como Austria, Portugal, Sudamérica e, naturalmente, varias localidades de España.

O próximo día 26 celebrarase esa homenaxe musical ao persoal do Hospital con motivo deses vinte anos que leva o Coro cantando. Trátase pois, dun obsequio a todo o persoal do Hospital, traballadores do Sergas, familiares e amigos. 

Presentación da obra de José Pena Mouriz La metáfora en la obra de Paul Ricoeur

  O libro La metáfora en la obra de Paul Ricoeur de José Pena Mouriz preséntase o 24 de maio na aula Magna do Seminario Diocesano lucense ás oito da tarde. A obra recolle a tese que leu José Pena Mouriz o ano 2008 na facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. A tese fíxose baixo a dirección do profesor Marcelino Agís Villaverde.

O filósofo Paul Ricoeur quixo comprender mellor o discurso humano. E para iso analizou as figuras literarias en xeral e a metáfora en particular. O obxectivo da tese é presentar o tema da metáfora no campo da filosofía. E para iso, o autor toma como referente a obra de Paul Ricoeur, autor, por exemplo, do libro A metáfora viva.

Segundo Pena Mouriz, a obra de Ricoeur vai dando pasos nun longo percorrido e un construtivo diálogo coas correntes e unha gran nómina de filósofos que se dedicaron a reflexionar sobre este tema, ata chegar á conclusión de que metáfora filosófica é un elemento clave para a comprensión do discurso filosófico. A investigación desenvolvida por Pena Mouriz comeza na retórica clásica, pasa pola semiótica e a semántica e remata na hermenéutica, definindo unha serie de pasos que se corresponden, respectivamente, coas distintas entidades lingüísticas: a palabra, a frase e o discurso. A metáfora vai cobrando maior importancia. Considerada a metáfora como un discurso, correspóndelle, pois, o ámbito da hermenéutica.

Peregrinación ao Monte Faro

A Delegacion da Mocidade da Diocese de Lugo organiza un ano máis a tradicional peregrinaxe ao Monte Faro de Mozos e Mozas das distintas parroquais de Lugo. Esta peregrinación estará presidida polo Bispo, Mons Alfonso Carrasco Rouco. Será o sábado 21 de maio.

Ese día desenvolverase o seguinte programa:

10:30 – Chegada á explanada (estrada) Acollida e primeira benvida. Peregrinación (durante a peregrinación, os sacerdotes estarán dispoñibles para impartir o Sacramento do Perdón).

12:00 – Chegada á Ermida. Benvida. Testemuños.

12:30 – Eucaristía presidida polo Sr. Bispo.

14:00 – Comida.

15:00 – Tempo de lecer (música, etc.)

16:30 – Informacións varias (Xornada Mundial da Mocidade, web, etc.)

17:00 – 17:30 – Entrega das cruces medicinais. Bendición do Bispo. Saída.

A %d blogueros les gusta esto: