Celebración da Virxe do Carme na cidade de Lugo

A Confraría da Santísima Virxe do Carme de Lugo organizou un ano máis entre os días 8 ao 16 de xullo de 2011 na Capela do Carme, a Novena á Santísima Virxe do Carme. Nesta ocasión contouse como orador sagrado co P. D. David Varela Vázquez, Formador do Seminario e Profesor do Instituto Teolóxico Lucense.

O día 16 celebráronse misas cada media hora até as 11 da mañá. Unha hora despois foi a Misa Solemne, quedando exposto o Santísimo.

Ás 7:30 da tarde: Eucaristía, novena e procesión coa imaxe da Santísima Virxe do Carme portada aos ombreiros por devotos confrades. Ao termo da mesma, imposición do escapulario a novos confrades.

Campamento urbano de Cáritas

O Departamento de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo organiza un campamento para nenos e nenas con ganas de xogar e de imaxinar, de coñecer novos amigos e amigas e pasar uns días inesquecibles. Este XVII Campamento Urbano será do 18 ó 29 de xullo

Unha actividade en Lugo e para Lugo, co fin de coñecer a cidade.

É unha proposta aberta á participación de tódolos cidadans que así o desexen.

Totalmente gratuito.

Destinatarios: Nenos e nenas entre 8 e 12 anos.

Horario: é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00

Localización: Colexio María Auxiliadora

Carácter educativo das actividades. Xogos, obradoiros, excursións, deporte, acampada, festa…

Centro de interese: “Aventura musical”

Peregrinación a Lourdes

O luns 27 saen 738 persoas en autobuses desde Silleda-Lalín, Chantada, Escairón, Pobra de Brollón, Sarria, Rábade, Viveiro, Terra Cha, Meira, Monterroso e Lugo.

Este ano é especial por celebrárense as Vodas de prata da Hospitalidade (1986-2011). Non hai dúas peregrinacións, senón que este ano organízase unha conxuntamente.

ACTOS EN LOURDES: Misa de presentación; Vía Crucis no Monte; Vía Lucis; Eucaristía internacional; na Gruta e de Despedida; procesións; excursións ás famosas covas de Lourdes e aos Pireneos; convivencia-festa, etc.

Rezar o Painoso en Lourdes con Bernardita e aos pés da Virxe, pode e debe, dar luz e forza, no peregrinar da humanidade. E peregrinar é viaxar coa vista posta nunha meta… e dá sentido á vida.

O regreso a Lugo é o venres 1 de xuño.

Todos os participantes na peregrinación son socios da Hospitalidade, polo menos durante o ano 2011.

Pregón da Caridade

Este ano, o Pregón da Caridade deuno o Ministro Fomento, José Blanco, que, no Círculo das Artes de Lugo, pronunciou unha conferencia: “O valor de compartir”.

José Blanco comezou referíndose a Antonio Gandoy, cura lucense próximo á realidade das xentes máis humildes. E algo que sempre lembra é unha frase de san Agostiño que o sacerdote lle deu a coñecer: “Reza como se todo dependese de Deus, traballa como se todo dependese de ti”.

O ministro recoñeceu que así como durante decenios o futuro foi esperanza, agora vívese nunha gran incerteza de cara ao futuro. O progreso non garante o benestar económico de todos. E o que se necesita para que haxa futuro é solidariedade, compromiso e valores.

A solidariedade é reivindicada permanentemente por Cáritas, que leva a cabo un compromiso interpersoal, feito de acompañamento a rostros concretos e procurando a dignidade.  O compromiso co outro e coa sociedade é unha elección vital.

Os valores deben reforzarse para lograr que no centro da economía se poña ás persoas. Grazas ao Evanxeo poden vivirse valores que a sociedade necesita.

José Blanco lembrou un dos puntos da Doutrina Social da Igrexa relativo a como a caridade desprégase na comunidade social e política e intervén sobre esta.

 

FRASES:

“Non cansarei de dicir que son cristián”.

“Cando se trata do tema da crise, non hai que falar tanto dos bancos, como dos que teñen que durmir neles”.

“Unidos, podemos facer máis polos que teñen menos”.

Quedada para compartir experiencias no terreo musical

  É unha convocatoria a mozos e mozas que traballan nas cinco dioceses galegas dentro do ámbito musical. O 18 de xuño no Seminario Menor de Santiago (Belvís)

PROGRAMA:

10:30 – Acollida.

11:00 – Oración (dirixe Bea Pérez)

11:30 – O PEDAL… desde os seus inicios até a PEJ. O PEDAL (Potente Equipo Diocesano de Animación Litúrxica) promove e suscita animación litúrxica nos diferentes ámbitos da arquidiocese galega. (Expón Rafa Sánchez-Agostiño)

12:15 – Posta en común de diferentes proxectos musicais: Festival de Canción Vocacional de Mondoñedo, o GALPÓN de Lugo, o Musical Juanitatxo en Vigo, Canción Mariana en Ourense, Grupo Koinonía, Grupo Allegro, Concerto na Pobra do Caramiñal, URCA, Pascua Xove, Canción Misioneira, etc.

13:00 – O futuro da música cristiá en Galicia. Compartiranse inquietudes e necesidades: ideas e suxestións para o curso 2011-2012 (modera Óscar Valado)

13:30 – O PEDAL na animación dos Dias na Diocese e na Xornada Mundial da Mocidade (Informa Marita González Sayáns)

A %d blogueros les gusta esto: