Actos con motivo da Xornada polo Traballo Decente

O 7 outubro na igrexa de San Froilán (Lugo) celebrouse unha vixilia polo traballo decente e a continuación a Directora do centro asociado UNED Lugo, Ana Belén Traseira Pena, deu lectura ao Manifesto polo Traballo Decente 2024.

O 8 de outubro ás 18:30 h no local de Cáritas da Avda. das Américas, 93-97 (Lugo) poderá seguirse a retransmisión de mesas redondas conmemorativas dos dez anos de Igrexa polo Traballo Decente (ITD).

Mesa “Presente e futuro de ITD”:

Natalia Peiro, secretaria xeral de Cáritas Española

Jesús Miguel Zamora, secretario xeral de CONFER

María Dolores Megina, presidenta xeral da HOAC

Rubén Serrano, presidente xeral da JEC

Francho Gracia, presidente xeral da JOC

Javier Alonso, presidente xeral de Xustiza e Paz. Comisión Xeral

 

Mesa “Traballando para crecer”:

Moderación: lrene Pozo Hernández, directora de contidos sociorrelixiosos de Abside Media

Unai Sordo, secretario xeral de CCOO.

Félix Peinado, director da OIT en España.

Antonio Javier Aranda López, director do Departamento de Pastoral do Traballo da Conferencia Episcopal

Lectura do Manifesto polo Traballo Decente 2024 a cargo de Ana Belén Traseira Pena

San Francisco de Asís

Imaxe de S. Francisco de Asís na igrexa dos PP Franciscanos (Lugo), onde Mons. Alfonso Carrasco preside a Eucaristía o día 4 ás 19.30h

 

O 4 de outubro é a data elixida pola Igrexa para celebrar a memoria dun santo singular, home de paz, home de amor, cun concepto de vida místico baseado fundamentalmente na tenrura, na misericordia de Deus. Chamábase Francisco e era de Asís.

Faleceu o 3 de outubro do ano 1226, na véspera xa do día catro, por iso celebramos a súa festa o día catro. Din que morreu como viviu, cantando, buscando sempre esa esencia do divino en todo o creado, até o punto de compor o fermoso Cántico das criaturas, onde dá grazas a Deus por todo o creado, chamando irmán ao sol, irmá á lúa, irmáns e irmás a todas as criaturas, un concepto de fraternidade universal.

Na diocese de Lugo houbo presenza franciscana multisecular, desde hai séculos, aínda que é certo que nestes tempos viuse reducida a dúas presenzas, unha pequena fraternidade na mesma capital lucense, atendendo a igrexa homónima de San Francisco e o colexio dos Franciscanos e unha presenza tamén na beira do Camiño de Santiago, no Santuario de Santa María Real de O Cebreiro, atendendo tamén diversas parroquias do ámbito rural nesa contorna da montaña de Lugo.

“Paz e ben” é o saúdo franciscano, esa paz que tanto necesita o mundo, esa paz que se constrúe precisamente na medida en que nos comprometemos en facer o ben que non deixa de ser, senón unha expresión mesma do amor de Deus en quen cremos.

Frei Francisco Castro Miramontes

[Escoitar texto en castelán na voz do autor]

Presenza en Lugo do misioneiro Antonio Fernández

Durante a primeira semana de outubro o misioneiro Antonio Fernández (IEME) está en Lugo dirixindo retiros para sacerdotes, celebrando o Xoves Eucarístico na Catedral e pronunciando unha conferencia. Isto último foi o 2 de outubro e transcríbense a continuación algúns momentos da súa intervención.

Sobre o seu labor na República Dominicana (Paraíso, Pedernales e Barahona), entre outras moitas cuestións, dixo Antonio Fernández:

“Eu pasei 8 anos indo á montaña, a algún lugar tardábase tres horas en subir, e a outro lugar unha hora e pico. Fixen un traballo que eu chamaba pre-evanxelización. Era achegarse, coñecer, organizar, formar, pór a alguén responsable de unir á xente, darlles polo menos dous anos seguidos de catequese antes de empezar a celebrar Misa e antes de bautizar a ninguén. Cando xa empezamos coa Misa, a xente, sobre todo os inmigrantes haitianos, querían o bautismo. Así que estiven 8 anos sen bautizar a ninguén na montaña, e o último ano bauticei 200 nenos”.

E sobre a maneira de organizar o traballo pastoral, explicou:

“Cada arciprestado reúnese mensualmente, pero non só os curas senón tamén as relixiosas e os laicos, responsables das áreas de pastoral. E a nivel diocesano, cada dous meses tamén hai reunións co Bispo organizando os plans de pastoral. Trabállase moito cos laicos e iso moi interesante, moi bonito. Aquí estamos un pouquiño atrasados niso, non vexo que aos laicos se lles dea tanta cancha”.

Antonio deu a noticia de que o 9 de novembro ordénase sacerdote un colaborador seu que estivo dous anos impartindo formación:

“El ía á montaña os luns e volvía os venres. E ás veces quedaba tamén seguido. Preparou a xente para o bautismo, a comuñón, a confirmación, fixo un coro cos rapaces. Eran totalmente analfabetos. Dous deses mozos están nun seminario e tamén hai dúas mozas relixiosas. Incrible! Van saíndo cousas bonitas dunha comunidade perdida da montaña grazas a inventar estas escolas a base de visitalas, buscar axudas e mantelas”.

Concertos de Rubén de Lis en Sarria, Quiroga e a prisión de Monterroso

O cantante Rubén de Lis está a realizar polo norte de España a súa xira co título “Transformando vidas con propósito”. Este ano faise referencia á bula do Papa Francisco Spes non confundit, que traballa coa esperanza e Rubén de Lis súmase á difusión desa mensaxe no ámbito musical cos seus concertos-testemuño.

Ademais de actuacións na Rioxa, Bilbao e Vitoria, o venres 20 de setembro estará en Sarria (20:30 h na igrexa do Rosario), o sábado 21 en Quiroga (19 h na igrexa) e o domingo 22 no Centro Penal de Monterroso (17 h)

Homenaxe a D. Francisco García Campo e a D. José Patao Diéguez

D. Francisco García Campo (esqda.) e D. José Patao Diéguez (dta.)

O domingo 15 de setembro terá lugar unha homenaxe ao sacerdote D. Francisco García Campo, que nos últimos anos, ata a súa xubilación, foi párroco de San Vicenzo de Rábade, San Martiño de Caboi, Santiago de Francos, e Santiago de Gaioso. Na pasada celebración de San Xoán de Ávila, no mes de maio, xa fora homenaxeado, ao cumprir 60 anos da súa ordenación sacerdotal. O dia 15 ás 12 h celébrase a Eucaristía.

O domingo 22 de setembro, as parroquias Agustín e Páramo, de Castroverde, e Arroxo, Guimarei e Vilachambre, de Baralla, nas que D. José Patao Diéguez estuvo servindo, renden homenaxe a quen foi o seu sacerdote nas últimas décadas. Ás 14 h celébrase a Eucaristía en San Miguel de Páramo. Previamente descubrirase unha placa conmemorativa.

A %d blogueros les gusta esto: