Concerto inaugural do Festival organístico do Corpus Christi

O primeiro dos cinco concertos do Festival Internacional de Música de Órgano do Corpus Christi será na Catedral o martes 7 de xuño ás 21.00 h. Os organistas Enrico Zanovello e Giulio Mercati interpretarán o seguinte programa:

Luigi Cherubini (1760-1842) Sonata para dous órganos (1780)

Joseph Schuster (1748-1812) 7 Variacións para dous órganos

Marian Müller (1724-1780) Sonata para a Pentecoste Sonata para o Santo Nadal

Richard Wagner (1813-1883) Preludio de Os mestres cantores de Núremberg

Transcrición de August Reinhard (1831-1912) – Uxío Domínguez (1999)

Nicolas Sabas Gallardo (1805-1849) Concerto de 8º ton para vésperas clásicas

Giuseppe Verdi (1813-1901) Final a dous órganos da ópera Aida

Transcrición de Francesco Canneti (1807-1884)

Enrico Zanovello. Nado en Vicenza en 1963, dá frecuentes concertos de órgano en importantes festivais de órgano e nas principais catedrais de Italia, Francia, Alemaña, Suíza, Finlandia, Dinamarca, Polonia, Suecia, Países Baixos, España, Bélxica, República Checa, Austria, Escocia, Rusia, Exipto, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos. Gravou numerosos CD para as discográficas Brilliant, Ricordi, Discantica, Tactus, Rivo Alto e Fugatto.

Giulio Mercati. Nado en Saronno (Italia) é organista residente na igrexa de Santa María degli Angioli en Lugano e no Santuario della Beata Vergine dei Miracoli en Saronno. En 2019 gravou o disco Interrogatorio a Maria and other sacred works. Na Facultade de Teoloxía de Lugano imparte Historia da música sacra. Dirixe o Grupo Vocal San Bernardo. É cofundador e director do Curso de Música Litúrxica, organizado pola Diocese de Lugo. Prepara a súa tese doutoramento en Teoloxía. Dende agosto de 2021 está a cargo dos eventos musicais organizados pola Diocese de Lugo.

Encontro diocesano no Cebreiro

O vindeiro venres 10 de xuño no Santuario do Cebreiro haberá un encontro diocesano de clausura do curso pastoral 2021-2022. Celebrarase a Eucaristía e poñerase baixo a poderosa intercesión de Santa María tódalas actividades pastorais da Diocese de Lugo. O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

11:00 h: Acollida – Oración.

11:15 h: Reflexión: «Novas propostas educativas da Diocese de Lugo».

12:15 h: Descanso.

12:45 h: Celebración da Santa Misa (Sacerdotes levar alba e estola).

13:30 h: Súplicas a Santa María.

14:00 h: Xantar

Organízase o xantar para os que o desexen e dende Lugo ponse un autobús, que sairá da Praza Bretaña ás 9:15h da maña. O prezo aproximado da comida é de 15€ e o do autobús de 15€ igualmente. É necesario anotarse para a comida e para o desprazamento en autobús antes do 7 de xuño chamando ao teléfono 982 214 265.

Admisión de dous seminaristas como candidatos a ser ordenados

Seminaristas en camiño cara ao presbiterado: Jesús Ángel González e Salomón Andrés Nakhal Akal, o vindeiro martes 31 de maio ás 19:30 h na Parroquia da Milagrosa serán bendicidos nunha cerimonia (“admissio ad ordines”) como candidatos ás ordes sagradas. A celebración estará presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco. Salomón e Jesús Ángel son venezolanos e estudan en Lugo no Seminario Redemptoris Mater.

Jesús Ángel e Salomón contan como naceu neles a vocación, a partir do minuto 3:14 no programa da TVG Polo camiño da fe

Presentado o número 64 da revista Lvcensia

Lois Ladra, autor do primeiro dos artigos que inclúe a revista

O mércores 25 de maio presentouse no salón de actos do Seminario o número 64 da revista Lvcensia. O acto estivo presentado por Luis Varela e o director da publicación, Gonzalo Fraga encargouse de dar a coñecer os contidos.

Interveu Lois Ladra, autor no número que se presenta dun traballo titulado “O adiviñanceiro popular do Corgo”. Na súa intervención explicou que “ademais de revisar todas as fontes documentais, fontes escritas tanto inéditas como publicadas, tamén temos que contar co traballo do alumnado dos centros escolares. É un traballo libre, voluntario e extraacadémico. Quen quere apúntase e cubre uns cuestionarios. O tempo no que estivemos encerrados vímolo como unha oportunidade para facilitar o comunicación entre pais, fillos e netos e facer a recollida nos anos 2021 e 2022. O traballo realizado pode usarse como base para unha proposta didáctica para os centros de ensino primario e secundario. E tamén se trata de que o material quede rexistrado no 2022 e non se perda nun futuro”.

Pechou o acto o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez, que transmitiu unhas verbas de alento “ao Consello de Redacción de Lvcensia, aos asesores e a todos os colaboradores, para que non decaia tan inxente labor de investigación e tanto esforzo realizado durante 32 anos. Somos xa, por Lvcensia, membros dunha comunidade perseverante que non cansa de traballar e loitar pola cultura local. Isto é, sen dúbida, un dos mellores xeitos de entender a cultura universal e a pluralidade. Os lectores deste número fará gozar cos retazos da historia da cidade, da provincia, da Diocese”.

Presentación do número 64 da revista Lvcensia

O 25 de maio na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo preséntase o número 64 da revista Lvcensia. O acto estará presidido polo Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.

O colaborador convidado ao devandito acto será o antropólogo Lois Ladra que dará a coñecer unha recompilación de adiviñas tradicionais recollidas no concello do Corgo. Trátase dun rico patrimonio cultural inmaterial que se poderá utilizar como ferramenta de referencia para transmitilo, e evitar así que desapareza.

Entre os artigos publicados neste número abórdase, unha vez máis, a pervivencia da vía romana XIX na historia, pois xogou un papel importante na comunicación de Cervantes co Bierzo e o interior de Lugo. Feito que condicionou a implantación de grandes centros eclesiásticos como foron os mosteiros de Samos e Penamaior e os bispos de Lugo e León, e a conversión do mosteiro berciano de Carracedo no principal propietario da zona.

Outro artigo describe e analiza a facenda señorial da Casa de Lemos a finais da Idade Moderna apoiándose en documentos inéditos conservados no Arquivo Histórico Nacional que permiten estudar tanto a tipoloxía fiscal, como a capacidade produtiva dun dos espazos administrativos dos que o conde extraía as súas rendas en Galicia.

Preséntase ademais unha cronoloxía dos bispos lucenses do século VIII que aborda a historia de Lugo na primeira metade dese século e a figura de Odoario “o africano”. Fraga Vázquez fala neste número da historia da procesión do Corpus en Lugo con datos desde finais do s. XVI até o primeiro cuarto do s. XX. Molejón Rañón escribe a historia da Banda de Música Municipal de Lugo. O profesor Blanco Prado escribe sobre os etnorituais e ofrendas no Santuario Mariano dos Remedios no Alto do César en Sarria.

Con motivo da restauración da vidreira do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro explica a intervención levada a cabo estudando a técnica e soporte empregados, así como os elementos máis representativos, tal é o caso do escudo da Deputación e o cáliz coa Sacra Forma, lembrando o antigo privilexio da catedral lucense consistente na exposición permanente e pública do Santísimo Sacramento.

García Porral e Ramón Balado recuperan o vocabulario zoolóxico recollido por Francisco Javier Rodríguez no primeiro Dicionario Galego-Castelán.

A %d blogueros les gusta esto: