Xornada da Sagrada Familia

Polo día da Sagrada Familia o venres 30 de decembro ás 8 da tarde o Departamento de Familia e Vida da Delegación Episcopal de Laicos, Familia e Vida prepara unha Eucaristía que se celebrará na Catedral de Lugo e acompañará o Orfeón Lucense.

Ata o día 6 de xaneiro na Catedral hai unha exposición sobre Amoris Laetitia, último documento papal sobre a familia. Esta exposición foi elaborada polas 5 dioceses galegas a raíz do Ano da Familia.

Mª Carmen Rodríguez, misioneira segrar en Angola

Desde esta semana, Mª Carmen Rodríguez Esperante, está como misioneira segrar en Lobito, Angola. No mes de xullo xa fora a cerimonia de envío, pero os requisitos de entrada no país son longos e complexos. Finalmente concedéuselle un visado de permanencia temporal (estará tres meses e medio) por responsabilizarse da súa estancia no país a congregación das Fillas da Caridade. Esta congregación e Misioneiros Segrares Vicencianos (Misevi) levan a cabo plans de desenvolvemento enfocados na infancia e xuventude. E Mª Carmen Rodríguez vai colaborar coas Escolinhas Omõla Wasandjuka, que son un programa de intervención familiar baseado principalmente na pre-escolarización de nenos de entre 3 e 5 anos. O obxectivo principal é que os menores adquiran competencias e habilidades mínimas tanto na escritura e cálculo como en hábitos de saúde e culturais. Preténdese potenciar o desenvolvemento psicomotor, cognitivo e emocional propio desta idade e, por tanto, preparalos para a entrada na etapa escolar. En Angola a escolarización pública é a partir dos seis anos. A axuda tamén chega ás nais destes nenos, buscando a súa alfabetización. Trátase de establecer unha relación coa familia que permita provocar cambios nos hábitos e organización familiar contribuíndo para a mellora da calidade de vida e a adaptación á escola dos nenos cando accedan a ela con 5-6 anos. Tamén a través de campañas e actividades socioculturais incídese na contorna comunitaria a nivel de barrio para traballar a saúde, e a seguridade.

María Carmen Rodríguez é profesora de Lingua Galega no IES Río Cabe. Hai anos xa contactara co mundo das misións: no ano 1992 colaborou co misioneiro Ramón Jacobo na República Dominicana, no municipio de Enriquillo (fronteira con Haití). E tamén acudiu a unha zona da selva hondureña (Barra Patuca), onde hai misioneiros segrares vicencianos.

Na xornada de formación permanente tratouse o tema do patrimonio

O mércores 28 de decembro tivo lugar a xornada de formación permanente baixo o título “O patrimonio eclesiástico: ferramentas para a súa protección e intervención”. O Delegado Episcopal de Patrimonio da Diocese de Ourense, Luis Manuel Cuña Ramos, foi o encargado da primeira comunicación, baseada na carta circular publicada en 1999 pola Pontificia Comisión para os Bens Culturais da Igrexa co título “Necesidad y urgencia del inventario y catalogación de los bienes culturales de la Iglesia”. Luis Manuel falou precisamente da diferencia entre inventario e catálogo. Inventario é a primeira actividade de coñecemento do que hai nunha parroquia, convento… e incluirá unha lista (sen detallar cuestións estilísticas…) e fotografías. Sobre a lexislación actual, mencionou o canon 1283 do Código de Dereito Canónico.

E houbo unha segunda comunicación, a cargo da Subdirectora Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, Beatriz González Loroño, que explicou o réxime xurídico das intervencións en bens de interese cultural e catalogados: os trámites que se deben realizar cando se vaia facer unha intervención e que se presentarán ante a Xefatura Territorial da Xunta. Finalmente falou das sancións que se impoñen cando as intervencións non se realizan conforme ao prescrito.

 A xornada concluíu cunha visita ao depósito de bens culturais da Diocese de Lugo.

Campaña solidaria de Mans Unidas Lugo

Mans Unidas Lugo leva a cabo este mes unha campaña solidaria mediante a rifa dunha cesta de Nadal. O 20 de decembro fíxose o sorteo ante notario, entregándose a cesta á persoa afortunada -Teresa Holguín Orduña- o venres 23 de decembro ás 13 h na libraría La Voz de la Verdad.

O recadado destínase á escola de Secundaria da poboación de Pouytenga. Está situada ao sueste de Burkina Faso, preto da fronteira de Togo, en África Occidental. A diocese de Koupela abriu no ano 2010 unha escola de Secundaria, e encomendou a súa xestión á congregación de Irmás da Inmaculada Concepción de Castres, de orixe francesa. O ensino católico é o máis demandado pola poboación, por ofrecer máis calidade, e cada ano cóbrense todas as prazas. As Irmás da Inmaculada Concepción de Castres realizan unha discriminación positiva a favor das mozas que queren estudar porque saben as dificultades ás que se enfrontan e apóianas para que reciban educación e así poidan aspirar a un futuro mellor.

Festa da aprendizaxe no Colexio A Milagrosa

O venres 16 de decembro, a partir das 9.30 h o Colexio Diocesano A Milagrosa presenta a finalización do seu segundo proxecto educativo. Acto ao que se convida tanto aos pais do alumnado como a todos aqueles que desexen coñecer o centro. Asistirán, ademais, o bispo de Lugo, e autoridades civís.

O colexio, situado na praza do Ferrol, conta coas etapas educativas de educación infantil e primaria, e ten uns 230 alumnos.

Desde este curso a titularidade do centro é da Diocese de Lugo, que potenciou o modelo pedagóxico baseado en proxectos de ámbito, cos que xa conta o Colexio San Lorenzo e que permite unha continuidade entre os dous centros. Con esta metodoloxía o alumnado traballa os 5 bloques de contidos propostos no currículo dun xeito moito máis activo, sentíndose protagonista, conxugando a memorización coa capacidade expositiva e a reflexión propia.

Con esta celebración da aprendizaxe e a xornada de portas abertas, o Colexio pretende mostrar o proceso de aprendizaxe do alumnado e os beneficios múltiples desta pedagoxía implantada recentemente no centro.

A %d blogueros les gusta esto: