Celebración da Xornada da Vida Consagrada

Con motivo da Xornada Mundial da Vida Consagrada, representantes de congregacións e comunidades da Diocese celebraron unha Eucaristía o xoves 2 de febreiro ás 17 h na Catedral.

O Delegado Episcopal para a Vida Consagrada, o relixioso comboniano Ramón Pascual Garrido, presidiu a Eucaristía. E na homilía glosou o lema da xornada: “para camiñar en esperanza hai que estar atentos á escoita da Palabra, aos signos dos tempos, ao que estamos a vivir nas nosas congregacións, nas nosas comunidades… Fíxose moito fincapé no facer, hai que facer fincapé no ser. E todo isto desde a gratuidade”.

P. Ramón Pascual Garrido MMCCJ

Xornada da Vida Consagrada

As comunidades de vida consagrada da Diocese celebran unha Eucaristía o xoves 2 de febreiro ás 17 h na Catedral.

A Xornada Mundial da Vida Consagrada deste ano 2023 celébrase baixo o lema «Camiñando en esperanza». O xerundio camiñando fai referencia a unha acción continua e persistente, que non cansa nin se detén, que leva paciencia e tesón. En esperanza indica un xeito moi concreto de levar adiante dita acción a través da virtude cristiá máis necesaria para quen desexa vivir en marcha e coa vista posta nun futuro que construirán todos os membros da Igrexa unidos.

O camiño cotián de obediencia das persoas consagradas comeza e remata na casa do Pai. Deus é o seu desde, en e cara a onde.

O seu camiño de castidade comeza e termina na casa da comunidade. Os irmáns son o seu con quen.

O seu camiño de pobreza comeza e termina na casa dos esquecidos. Os empobrecidos son o seu para que.

[Materiais]

Peregrinación ao santuario do Corpiño

O sábado 4 de febreiro organízase unha peregrinación ao santuario do Corpiño, en Lalín. Os interesados teñen dúas modalidades para participar: facendo unha andaina previa á celebración da Misa e o posterior xantar, ou chegar ao Santuario en autobús.

O último día para inscribirse é o 1 de febreiro e para facelo é preciso contactar coas parroquias organizadoras da peregrinación: Meira (658 370 318), Sarria (625 646 558) e Castroverde (667 677 363).

Xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese

O sábado 28 de xaneiro de 10 h a 13 h a Delegación para a Educación na Fe organizou unha xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese.

O Delegado episcopal para a educación na fe, Alberte Leiva, saudou aos presentes, “sempre dispostos a colaborar na misión de contaxiar no medio das familias, parroquias e colexios o bo ambiente do Evanxeo de Xesús. Coñecer e actualizarse en pedagoxía, estar ao tanto do que nos di a Igrexa será como unha vara na que apoiarnos para levar adiante e con éxito a encomenda que o Señor Xesús pon nas nosas mans”

E o delegado de Catequese de Santiago, Miguel López Varela, presentou o Directorio para a catequese. Comezou sinalando que “se non facemos catequese, a Igrexa deixa de ser Igrexa… A catequese está en diálogo co que está a acontecer no mundo”.

Desde o Vaticano II houbo 3 actualizacións do Misal Romano; a Eucaristía é importante, polo que cómpre actualizarse. Como a Igrexa tamén considera que a catequese é importante, preocupouse de ir actualizándose e foi elaborando sucesivamente tres directorios. O actual tamén tivo 3 etapas no seu proceso de redacción e o texto final estrutúrase en 3 partes. As claves de lectura son máis: cristocéntrica e eclesiolóxica, pneumatolóxica, misioneira e kerigmática, teleolóxica, catecumenal, comunitaria, dialóxica, cultural e da inculturación.

Segunda sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía

O 24 de xaneiro tivo lugar a segunda sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía. O licenciado en Teoloxía Litúrxica José Sánchez Piso deu unha explicación sobre a liturxia da Palabra relatando algúns intres da súa historia: os primeiros cristiáns lían o Antigo Testamento, pero todo o referido a Xesús. Tras uns anos de estudo, en 1969 establécese a distribución das lecturas tal como se fai hoxe nas eucaristías. Simplificando moito, indicou Sánchez Piso que a 1ª lectura, do Antigo Testamento, é teolóxica (fala de Deus), mentres que a 2ª lectura é exemplificante, moral. Finalmente, falou do acto de incensación, que non só ten como finalidade honrar senón tamén purificar.

O acto estivo organizado pola Delegación de laicos, familia e vida, que programa a seguinte sesión para o 7 de marzo, día no que se tratará sobre o ofertorio e a pregaria eucarística.

A %d blogueros les gusta esto: