18 de maio, Día de Educación Católica

O 18 de maio é o Día Mundial da Educación Católica e aquí lembramos que hai 5 días celebrábase en Lugo o XI Congreso de Educadores Católicos, que concluía cunha mesa redonda na que participaron a presidenta da Fundación Trilema, Carmen Pellicer, a directora de proxectos da devandita Fundación, Beatriz Álvarez e o presidente de Escolas Católicas de Galicia, Frei Juan Manuel Buján.

Para Beatriz Álvarez “a escola católica ten que ser pioneira en todo, principalmente en ensinar, porque ao final a escola ten que ser un espazo de aprendizaxe, e por tanto, temos que ser os mellores niso. É unha maneira de lexitimar a nosa acción educadora. E dentro dese contexto hai que explorar novas posibilidades para traballar a pastoral e o anuncio explícito dentro da escola católica. Entón, temos grandes desafíos neste momento que temos que construír xuntos”.

 

 

E para Juan Manuel Buján “a misión de Escolas Católicas de Galicia é tratar de acercar a xente, a través da educación, algo tan importante como é o Evanxeo do noso señor Xesucristo. É o que marca a pauta e a sintonía entre a Igrexa e os colexios, porque os colexios forman parte da Igrexa e é unha das actividades máis importantes que neste mundo de hoxe necesitamos para estar presentes na nosa sociedade”.

San Pascual Bailón

O 17 de maio faise memoria de San Pascual Bailón e a Adoración Nocturna invita a participar o devandito día ás 12 h no altar maior da Catedral na Eucaristía celebrada na honra de San Pascual. Ademais da Adoración Nocturna, asociacións eucarísticas presentes na cidade de Lugo son: Marías de los Sagrarios, Confraría Sacramental, ARPU (Adoración Real, Perpetua e Universal), Apostolado da Oración.

Carmen Pellicer: trazos fundamentais dun educador católico

O 13 de maio tivo lugar o XI Congreso de Educadores Católicos baixo o título “Identidade do educador católico”. A relatora foi a Presidenta da Fundación Trilema Carmen Pellicer, que na primeira das súas dúas intervencións partiu do Evanxeo e identificou 4 trazos que están na esencia de ser ensinante católico:

Discernimento

“Unha das cousas máis importantes que ten un mestre é ser capaz de mirar ao neno e entender e anticipar que é o que está a pasar no seu ser. E como o podo adiantar para axudalo e acompañalo a crecer até o máis do seu desenvolvemento, como podo empeñar a miña vida”.

Xenerosidade

“Non necesariamente hai que identificar o compromiso coas horas e as actividades que fago. Hai algo moito máis profundo. A xenerosidade é unha actitude vital que fai que non tires a toalla por ninguén. A xenerosidade ten moito de implicación persoal e hoxe esixe de nós vivir sen segredos e facer unha referencia explícita á nosa fe como motivación das accións que levamos a cabo”.

Agarimo

“Non se aprende nos cursos, apréndese na oración. Se non rezas polos alumnos, non serves. Sinto ser tan tallante, pero hai clases impecables, que non teñen alma, que non teñen vida. O agarimo ten un compoñente emocional, evidentemente, de apego, pero ten un compoñente ético de compromiso e un compoñente comportamental de paciencia na estancia, de permanecer”.

Humildade e mansedume

“Entendo por mansedume a capacidade de pensar que o meu embigo non é a medida de todas as cousas. É dicir, eu non son a medida de todas as cousas. Teño que aceptar e teño que ser e vivir o ser necesitado dos outros. E iso lévanos tamén a que non temos todas as respostas. Eu creo que hai que ser moi humilde na escola porque cada vez as cousas son moito máis complexas e necesitas dos demais”.

Memorial Luis de Trelles

O sepulcro de Luis de Trelles, en Zamora, é frecuente meta de adoradores, simpatizantes e amigos da Causa de beatificación do fundador da Adoración Nocturna. Peregrínase ante a súa tumba en procura do seu carisma, para que contaxie o seu espírito apostólico e o seu ideal eucarístico.

Para asistir ao Memorial Luis de Trelles desde Lugo, pártese o día 14 de maio ás 8 h desde a praza de Bretaña. O Memorial Luis de Trelles estaba prevista realizala o 7 de maio, pero adiouse ao domingo 14.

Congreso de Educadores Católicos

O sábado 13 de maio a partir das 10 mañá no Salón de Actos do Colexio FEC San Xosé (Lugo) ten lugar o XI Congreso de Educadores Católicos co título de “Identidade do educador católico”. Pola mañá haberá dous relatorios a cargo da Presidenta da Fundación Trilema Carmen Pellicer e a directora de proxectos da devandita Fundación, Beatriz Álvarez. Os títulos dos relatorios son “O educador católico” e “Como será a escola católica do futuro”

A programación da tarde comezará con tres obradoiros – 1) O espertar relixioso e o ERE, 2) Como estimular o pensamento crítico na aula e 3) Experiencias de aprendizaxe baseadas en proxectos. E a conclusión do Congreso de Educadores Católicos faise cunha mesa redonda sobre os desafíos da LOMLOE para a Escola Católica e na que intervirán Carmen Pellicer, Beatriz Álvarez e o presidente de Escolas Católicas de Galicia José Manuel Buján, OFM.

A %d blogueros les gusta esto: