Proxección do documental “Libres”

Agora pode verse o documental “Libres” en Lugo. Unha viaxe ata o interior do home que está rompendo esquemas. Os pases serán no Seminario Diocesano de Lugo (Av. Alcalde Anxo López Pérez – Lugo) do 1 ao 4 e do 9 ao 11 de xuño. Horarios

ALGÚNS COMENTARIOS

“A elección dos relixiosos é a gran virtude da película. Todos resultan atractivos e teñen un discurso que saben expresar con autenticidade. Imposible non escoitar con atención a ese monxe a quen se lle suicidaron varios parentes, ou a ese outro que de mozo coqueteou co satanismo, ou a esa señora que de súpeto sorprendeu ao seu marido e aos seus seis fillos dicíndolles que os amaba moito pero que debía facerse monxa de clausura. Ou a esa veterana trapense que leva con alegría os días que lle regala o cancro (ela é, era a renteriana Garbiñe Galdós). Mikel G. Gurpegui (El Correo)

“Non se renuncia a certo efectismo nas escenas de natureza e paisaxe que salpican a obra, subliñado cunha máis que apreciable banda sonora orixinal. Unha moi estimable película que indaga nas entretelas do feito relixioso e abre un mundo pechado sobre si mesmo á observación do espectador. Quizá peque de carrexar demasiado material de primeira categoría que dese para montar varias películas”. Javier Rubio (pastoralsj)

 

Espléndido documental que se presenta como unha película sobre a vida contemplativa, pero que do que trata en realidade é da vida cristiá. O que conta é como o encontro con Deus fai plenamente humana a vida. Non é unha película para profesionais da vida relixiosa, senón para persoas que xa non soportan o baleiro dunha vida materialista chea de promesas incumpridas.

A película percorre distintos mosteiros e conventos de España, masculinos e femininos, en busca de testemuños que axuden a entender unha vida que está nas antípodas da que propón a mentalidade dominante. A cámara de Carlos de la Rosa introdúcenos, entre outros lugares, nas comunidades benedictinas dos mosteiros de Leyre (Navarra) e do Val dos Caídos (Madrid), na comunidade das monxas cistercienses do mosteiro das Huelgas (Burgos), dos monxes cistercienses de Oseira (Ourense), no convento de oblatas de Cristo Sacerdote de Madrid ou na comunidade de trapenses de San Pedro de Cardeña, en Burgos. Tamén a película dános a coñecer a singular experiencia dos ermitáns camaldulenses do Ermo da Nosa Señora de Herrera (Burgos), cunha espiritualidade próxima aos cartuxos.

Testemuños persoais, contorna natural e arquitectura monacal forman unha unidade no documental, que tamén mostra escenas da vida comunitaria” Juan Orellana (Alfa & Omega)

 

 “Libres é unha viaxe ao interior do home, ao fondo da alma, morada de Deus, onde se alcanza a plenitude persoal e a auténtica liberdade. Non se trata dunha reportaxe sobre os mosteiros de España, senón dunha interesantísima película documental sobre o ser humano que levanta a súa vista e a súa vida cara ao alto.

“A película, dunha gran beleza, atrapa desde o principio. Cada camiño polo que se chegou á vida relixiosa, cada encontro persoal co Señor, cada liberdade alcanzada, cada verdade patente e cada vida lograda son aldrabadas que admiran e dan que pensar. Mª Angeles Almacellas (CinemaNet)

 

“É un dos cantos máis fermosos e edificantes que se poden facer da vida contemplativa. Un compendio sublime de arte, liturxias, hábitos, labores sinxelos, moita paz… e a entrega completa do ser a unha vocación. Unha das máis fermosas películas sobre a vida contemplativa feitas en España ultimamente. Esta obra está repleta de testemuños apaixonantes e escenas incribles ”. Juan Cadarso

 

“A produción déixanos entrever a humana realidade das vidas dos monxes, o sentido profundo da súa felicidade, algo que o mundo sabe que está aí, pero non comprende”. Matilde Latorre de Silva

 

“Que leva a tantos espectadores para ver un documental sobre un asunto tan contra-corrente como a vida contemplativa? O espectador non pode evitar comparar o día a día destes monxes coa vida dos que estamos fóra do convento. A maioría vivimos dentro dun carrusel de actividades e obrigacións que non nos permite concentrarnos no importante. Quen é máis libre? Os de dentro ou os de fóra? Todos os que interveñen afirman sen dubidalo que o experimentado agora énchelles moito máis ca vida laica”. Antonio Yelo

 

“A película non necesita un contrapunto crítico, confía na intelixencia do espectador. E revélase como un regueiro de perlas, así como unha poderosa ferramenta para a reflexión.” Philipp Engel (La Vanguardia)

Santuario do Corpiño: Festa da Visitación da Virxe e oración polo Sínodo

A Secretaría Xeral do Sínodo convidou aos Sínodos das Igrexas Orientais Católicas, ás Conferencias Episcopais e aos Santuarios marianos a celebrar un momento de oración o mércores 31 de maio. No día da Visitación da Virxe e final do mes mariano, confíanse a María os traballos da Asemblea Xeral Ordinaria do Sínodo dos Bispos.

Desde a Delegación de Liturxia convídase a todas as parroquias, na medida das súas posibilidades, para que ese día ofrezan o rezo do Santo Rosario por esta intención.

Na nosa Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidirá dita oración no Santuario do Corpiño ás 17,30 horas do 31 de maio.

A continuación celébrase, presidida polo Sr. Bispo, a Eucaristía da Festa da Visitación da Benaventurada Virxe María. TAmén se procederá á bendición do novo órgano de tubos do Santuario do Corpiño.

[Oración para o Sínodo – fieis]     [Oración mariana para o Sínodo]

 

Xornada de formación sobre a Eucaristía

O 23 de maio tivo lugar a última das sesións que durante este curso adicáronse a profundar na Eucaristía da man do licenciado en Teoloxía Litúrxica José Sánchez Piso.

Sánchez Piso fixo notar que a fracción do pan é un intre do rito de comuñón que pode pasar desapercibido: “Cando Xesús di “facede isto en conmemoración miña”, a Igrexa sempre entendeu que non era repetir as palabras, que era facer catro verbos: tomou, bendiciu, partiu e deu. A fracción do pan é un deses catro verbos que configuran o que é unha Misa”. É por iso polo que debe dárselle importancia: “Fracción do pan quere dicir utilidade, pois como inicialmente se empregaba un pan grande facía falta partilo para poder repartilo entre todos. Tamén significa que comungamos todos do mesmo pan, únenos, por iso é tradición. E é un Cristo entregado na cruz, roto, partido por nós na cruz”.

Sánchez Piso sinalou outro aspecto fundamental da celebración que temos moi esquecido: os silencios. “Ao principio, cando vai empezar a Misa, un pouquiño de silencio para ver que imos celebrar. No acto penitencial, un pouquiño de silencio para que nos dea tempo, non digo facer exame de conciencia, pero polo menos para recoñecernos pecadores no noso interior ante Deus. Despois da Palabra de Deus, un pouquiño de silencio para pensar o que se nos acaba de proclamar. E tras a antífona de comuñón, un pouquiño de silencio para rezar”.

Acto de presentación da revista Lvcensia

O pasado 22 de maio presentouse o número 66 da revista que publica a Biblioteca do Seminario, Lvcensia, acto presidido polo Sr. Bispo da diocese, Mons. Alfonso Carrasco e presentado polo reitor do Seminario, D. David Varela.

A primeira intervención correu a cargo do director da revista, D. Gonzalo Fraga, que presentou o novo número:

“A temática deste número abarca distintos temas de historia, arte ou patrimonio. Son temas que nos convidan a valorar a riqueza que nos legaron os nosos antepasa-dos e que disfrutamos. Para aprender a historia hai que coñecela. Por iso, ten sentido que partindo desta historia limitada e no seu ámbito xeográfico, podamos tamén contribuír a unha visión máis ampla da historia. No concepto de historia incluímos as distintas manifestacións de ciencia e da cultura nas súas diversas vertentes. Todo pasado é historia e todo pasado é unha lección para o presente”.

A continuación o graduado en Historia da arte, Adrián Flores, autor do primeiro artigo da revista, presentou o seu traballo:

“Se nos preguntásemos que icono ou imaxe representa mellor ao cristianismo, non habería dúbidas en afirmar que sería Cristo crucificado. No artigo “El crucificado jansenista del clérigo José Mª Padilla” presentamos unha destas imaxes, en especial a doada por Padilla del Águila á Catedral de Lugo no ano 1869 ao seu falecemento. Se nos paramos a mirar esta imaxe con detemento, poderemos con-amornar que as súas características o converten nunha peza especial e podémola distinguir doutros crucificados que teñamos visto. E é que as súas características o enmarcan nunha tipoloxía concreta, a dos crucificados xansenistas. A principal idea do xansenismo era a perda da graza, é dicir, que co pecado orixinal cometido por Adán e Eva no paraíso, a humanidade perdeu o privilexio de ser salvada por Deus e soamente os que actuasen coa graza eficaz, baseada nunha fe e nunha moral estrita, poderían ser salvados ao final das súas vidas”.

E pechou o acto Mons. Alfonso Carrasco Rouco, que se referiu ao feito de que haxa novos estudosos: “é unha razón para a alegría, para nós e para a cidade de Lugo”. E sobre o número de Lvcensia que se presentaba comentou que “está moi envorcado na historia e en moi boa medida nos contextos a nós máis cercanos das nosas parroquias e da nosa arte eclesiástica. A vinculación coa arte eclesiástica e coa historia eclesiástica é natural en Lvcensia, pero é natural tamén na nosa tradición. É a nosa historia real, unha historia mesturada do propio das ciencias humanas e do propio das ciencias eclesiásticas”.

Presentación do número 66 da revista Lvcensia

O luns 22 de maio, ás 18:30 terá lugar o acto de presentación do número 66 da revista Lvcensia, na aula Magna do Seminario.

O acto estará presidido polo bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, coa intervención do director da revista,  Gonzalo Fraga Vázquez e, como colaborador deste número, o autor convidado é Adrián Flores Vázquez, que falará sobre o Cristo xansenista doado polo arcediano de Dozón, José María Padilla, á Catedral en 1868.

Este Cristo é unha peza curiosa polos materiais empregados para a súa realización, así como pola tipoloxía do crucificado que segue a iconografía xansenista, deste tipo só existen dous máis no Museo da Catedral.

Atendendo á variedade que enriquece a cultura do noso ámbito local, Lvcensia aborda unha temática de ampla composición. Neste número poderá o lector aproximarse a temas que van desde a historia e arte da nosa Catedral a diversas zonas da xeografía provincial ou diocesana. Lugo, O Corgo, Silleda, Bóveda ou Antas de Ulla serán os concellos nos que se centrarán os contidos deste número. Deste último concello provén a imaxe de portada do novo número: é o cruceiro de Frádegas (Antas de Ulla), no que destaca a bóla estriada sobre a que se eleva a cruz (século XIX).

A Biblioteca do Seminario Diocesano, co apoio da Diocese, é a editora da revista comprometida co noso pasado e presente, sempre fiel aos seus principios fundacionais.

A %d blogueros les gusta esto: