Horario de agosto no Bispado

Durante o mes de agosto este será o horario:
– O horario de atención ao público na curia diocesana será de 10 a 13.30 h.
– O Arquivo Diocesano permanecerá pechado
– Non se tramitarán no momento expedientes matrimoniais, certificacións de bautismo para legalizar, solicitudes de cambio de titularidade de sepulturas. Recóllese a documentación e, unha vez cumprimentada e axiña que sexa posible, enviaranse por correo postal ás parroquias.

Centenario do falecemento de Inocencio Portabales Nogueira

Tal día como hoxe hai 100 anos falecía Inocencio Portabales Nogueira e no último número de Lvcensia (nº 66) Marcos G. Calles Lombao publica o artigo “Centenario do falecemento de Inocencio Portabales Nogueira (1848-1923): a man do Abecedario da Catedral de Lugo”. O autor lembra a relevancia histórica deste cóengo natural de Maside (Ourense) destacando a elaboración da súa obra Abecedario da Catedral de Lugo, referencia das principais investigacións sobre a Basílica lucense, e un documento inédito: os resumos das actas capitulares da Catedral de Lugo (1907-1913).

Inocencia Portabales fixo un estudo miúdo do Misal Lucense cunha enorme profusión de datos paleográficos e estilísticos, xunto coa indubidable competencia na materia e o dominio das técnicas da investigación dabondo coñecidas por el.

Publicacións:

Ademais de colaboracións habituais na prensa local, tamén publicou:

Crónica de la octava Peregrinación Española, primera Hispano-americana, a Tierra Santa y Roma

Lugo : [s.n.], 1915 : Tip. de “La Voz de la Verdad”

 

Historia eclesiástica: acomodada para servir de texto en los seminarios

Ourense, 1894: Imp. de Antonio Otero

 

Manual de gobierno de las monjas y religiosas en España

Lugo, 1907 : Talleres tip. de G. Castro

 

Monografía del misal incunable que existe en la sala capitular de la S.B.C. de Orense

A Coruña, 1897 : est. tipográfico El Noroeste

 

Observaciones acerca de los alimentos en tiempo de ayuno, vigilias y días de abstinencia

[Ourense : s.n., s.a.]

 

El coro de la Catedral de Lugo, La Voz de la Verdad 1915

 

Vida y pontificado del Ilmo. Sr. Doctor D. Pedro Casas y Souto, Obispo de Plasencia. Lugo, 1911. Talleres Tipográficos de Gerardo Castro

Campaña de difusión organizada pola Adoración Nocturna

O Consello Diocesano de Lugo da Adoración Nocturna elaborou un tríptico co título “Ven á cidade do Sacramento. Celebra connosco unha vixilia na Catedral de Lugo”. Envíase información aos consellos diocesanos e a todas as seccións adoradoras que hai en España. Tamén se fai isto para que sexan invitados pobos e parroquias onde non hai seccións. E a grupos que vaian facendo o Camiño Primitivo cara a Santiago, ao parar en Lugo tamén se lles dá a oportunidade de celebrar unha vixilia na Catedral de Lugo.

É unha invitación aberta, sen un prazo: calquera día do ano unha sección, un movemento, unha parroquia que queira achegarse a Lugo para facer unha vixilia, pódeo facer. Simplemente teñen que porse en contacto coa Adoración Nocturna de Lugo, avisar que día chegan e os adoradores lucenses con antelación preparan a vixilia. Facilitarase unha separata a cada persoa para o desenvolvemento da celebración. Adoradores de Lugo acompañarán no que se espera sexa unha grata vixilia nun marco tan importante como é a Catedral de Lugo e tamén acompañarán durante a estancia na capital lucense.

Presentación da Ara Votiva de Curbián (Palas de Rei)

Nun acto oficial da Diocese de Lugo, o 19 de xuño, incorporouse a Ara Votiva de Curbián á exposición permanente do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. A ara está datada no século II d. C e ten a seguinte inscrición: A Bandua Boleccus, Sulpicius Sincerus C[?] cumpriu de bo grado o voto que fixera.

A primeira intervención foi a do deán da Catedral, Mario Vázquez, quen dixo: “Ao elenco de pezas máis relucentes do valioso patrimonio que ten a diocese de Lugo únese a Ara Votiva de San Martíño de Curbián, completando un catálogo de pezas previas á Idade Media dos máis completos das entidades museísticas que ostenta Galicia”.

A continuación, Uxía Aguiar, da empresa Parteluz, relatou a historia da restauración, desde os pasos previos (“realizáronse unha serie de ensaios científicos que pasaban polo estudo dos elementos de deterioro, e tomáronse mostras para levar ao laboratorio e caracterizar a través de infravermellos que tipo de pátinas estaban traballando sobre a superficie”) ata o resultado final.

O Director do Departamento de Patrimonio Histórico Artístico, Jesús Salvador, lembrou a figuras que descubriron a Ara Votiva de Curbián (Vázquez Saco) e de investigadores que fixeron análises da peza, especialmente da súa epigrafía (Blázquez Martínez, Ares Vázquez, Gómez Vila, Arias Vilas…) e comentou que “a relevancia histórica desta peza esixía un paso máis na súa conservación e tamén na súa difusión”.

 

 

Pola súa parte, o Delegado Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico, José Antonio Ferreiro, enmarcou o acto “dentro das actividades que a Diocese organizou con motivo do Corpus e da Ofrenda de Galicia ao Santísimo, accións que abranguen espiritualidade, celebracións da fe, e tamén actividades artísticas como os concertos de música ou culturais levadas a cabo polo noso Museo Diocesano ao longo de todo o mes de xuño”.

 

 

Clausurou o acto, o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, que deu as grazas “a todos os que o fixeron posible este encontro” e sinalou que “en número de parroquias non hai ningunha diocese no mundo con tantas parroquias como Lugo. E seguramente tampouco hai ningunha que teña unha exposición permanente do Santísimo tantísimos anos, cunha prolongación no tempo comparable á nosa. Normalmente unha diocese pequena nun país europeo non é a primeira do mundo en nada. Nós temos esa peculiaridade”.

 

Uxía Aguiar Ballesteros, restauradora da empresa Parteluz

Culmina a IX edición do Festival de órgano do Corpus Christi

O venres 16 de xuño ás 21 h na Catedral conclúe a IX edición do Festival Organístico do Corpus Christi, que organizan Lucense Eucharisticum Centrum e a Diocese de Lugo.

Este concerto final desenvólvese baixo o título Tesouros do Arquivo da Catedral cos seguintes intérpretes:

Mateusz Rzewuski, organista polaco que ten actuado en 22 países europeos, EEUU, Australia, Nova Zelandia, Corea do Sur, Hong Kong. Na última década iniciou varios festivais musicais.

Solo Voces, dirixido por Fernando Gómez-Jácome, é un grupo vocal ben coñecido do Festival de órgano do Corpus Christi.

[Programa]

A %d blogueros les gusta esto: