Vixilias de Oración con motivo do Domund

Con motivo da Xornada do Domund (domingo 22 de outubro), celébranse na Diocese dúas Vixilias de Oración nas que se rezará polos misioneiros e misioneiras e pola Igrexa en territorios de Misión. Están organizadas pola Delegación de Misións e Obras Misionais Pontificias – Lugo nos seguintes días e lugares:

  • venres 20 de outubro ás 20:00 h. na parroquia San Pedro, Lugo.
  • sábado 21 ás 19:00 h. na parroquia Santa Mariña, Chantada.

Un traballo decente é un traballo saudable

O traballo decente é máis que un simple medio de subsistencia, é un dereito fundamental de cada ser humano. Todas as persoas temos o dereito non só a procurar un emprego, senón tamén de acceder ás condicións laborais dignas e xustas que garantan a nosa saúde e benestar.

Neste senso, o obxectivo nº 8 da Axenda 2030 da ONU enfócase en promover o crecemento económico inclusivo, o emprego pleno e produtivo, e o traballo decente para todos.

Para compender plenamente á importancia do traballo decente podemos recurrir ás palabras do Papa Francisco cando afirma que non hai peor forma de pobreza material que aquela que impide a unha persoa gañarse o pan e lle priva da dignidade derivada do propio feito de traballar. Isto plantéxanos unha reflexión profunda arredor da relación entre traballo, dignidade e pobreza.

O traballo decente vai alén dun simple ingreso económico; é a oportunidade de sentírmonos valorados e realizados a través das nosas ocupacións diarias. Cando temos un traballo decente podemos satisfacer as nosas necesidades básicas, atender os gastos da nosa vida e manter as nosas familias. Pero ademais, o traballo decente bríndanos unha sensación de propósito e contribución á sociedade.

Non é abondo con ter un emprego, xa que un traballo decente tamén implica condicións laborais saudables. Estas condicións inclúen un entorno seguro, libre de riscos e a promoción da saúde física e mental das persoas traballadoras. É fundamental en todas as profesións, pero con énfase naquelas que están máis feminizadas. As profesións con maior presenza feminina adoitan estar relacionadas co coidado doutras persoas coma a enfermaría, o ensino, a atención ás persoas maiores, dependentes ou con algunha discapacidade, entre outras. É importante destacar a importancia de garantir un entorno laboral saudable e seguro independentemente do xénero da persoa.

En moitas ocasións, as mulleres enfrentamos desafíos adicionais debido a que adoitan ser elas as que principalmente asumen a carga de combinar a vida laboral coas tarefas domésticas e o coidado da familia. Isto pode xerar un maior estrés  e desgaste emocional, os cales afectan negativamente á saúde física e mental.

É fundamental para promover ambientes laborais saudables que se fomente a adopción de medidas de conciliación persoal, familiar e laboral, igualdade salarial efectiva e promoción de oportunidades para todas as persoas traballadoras, independentemente do seu xénero. Ademais é importante contar con políticas de prevención e atención da violencia de xénero no entorno laboral.

O traballo saudable conleva garantir tamén condicións de traballo seguras e respectuosas, así como promover a ergonomía e a prevención de riscos laborais.

Ademais, o traballo decente implica acceso aos servizos médicos e a unha protección social adecuada, así como a garantía de salarios xustos e oportunidades de crecemento persoal e profesional.

Lamentablemente, en pleno século XXI o traballo decente está lonxe de ser unha realidade para moitas persoas, e non só nos países menos desenvolvidos. Millóns de persoas sofren a falta de emprego e traballan baixo condicións de explotación.

Acadar que todas as persoas poidan acceder a un traballo decente é un desafío global que require a colaboración e o compromiso dos gobernos, das empresas e da sociedade no seu conxunto. É necesario seguir implementando políticas e medidas que promovan a xeración de emprego, protexan os dereitos laborais, fomenten a igualdade de oportunidades e aborden de maneira efectiva as desigualdades existentes.

É a nosa responsabilidade como sociedade traballar xuntos para garantir a implementación de políticas e accións que promovan o traballo saudable.

Amparo González Méndez

Directora de Caritas Diocesana de Lugo

Asemblea da Adoración Nocturna e Festa da Familia Adoradora

O venres 15 de setembro Adoración Nocturna de Lugo celebra a Asemblea Anual no salón de actos do Seminario. Previamente (19 h), na Capela do Seminario celébrase unha Eucaristía e a continuación será cando se presenten á Asemblea os informes de secretaría, tesourería e presidencia. Pechará o acto o Director Espiritual Diocesano e deseguido compártese un viño español.

O día da Asemblea (o vindeiro venres) é o último para apuntarse á Festa da Familia Adoradora, que se celebrará o domingo 24 de setembro.

O Consello Diocesano da Adoración Nocturna de Lugo, reinicia a tradicional Festa da Familia Adoradora, que chega á súa edición número 15. Esta vez será na Fonsagrada, onde funciona unha nova sección adoradora promovida polo actual párroco Miguel Ángel Álvarez Pérez. O programa é o seguinte:

10 h  saída desde a praza de Bretaña

11:45 h recepción de adoradores na Plazuela da igrexa parroquial

12 h  Santa Misa

14:30 h  Comida de confraternidade

17 h  Saída cara á igrexa de Santiago de A Fontaneira, onde se celebrará o acto mariano e regrésase a Lugo.

Os interesados en asistir reservarán praza chamando ao te. 636 693 208 (Ginel). Están invitados a participar adoradores de toda a Diocese (seccións de Lugo, Sarria, Chantada, Lalín, O Corpiño, Monforte).

Peregrinación ao Santuario de Covadonga

A saída de Lugo será o sábado 9 ás 7 h da praza de Bretaña. Ás 12 h celebrarase unha Eucaristía en Covadonga ofrecida pola Unión Eucarística Reparadora de Lugo. Despois de xantar pártese para Oviedo, onde se visita a súa Catedral e a basílica de San Juan. Finalmente o primeiro día asístese a unha conferencia do cóengo da catedral ovetense Andrés Pérez Díaz, que falará da Virxe María como modelo da relación con Xesús. O domingo 10 comeza coa oración de laudes, e o resto da mañá visítase o Monte Naranco. Pola tarde regrésase a Lugo, con visita ao faro de Luarca.

O prezo (120 €) inclúe viaxe, entrada a museos e aloxamento na Casa de Espiri-tualidad Santa María do Aramo en réxime de pensión completa (salvo o xantar do primeiro día). Contactos: Unión Eucarística Reparadora 619 985 881   643 882 169

Uns 100 mozos da Diocese de Lugo participarán na Xornada Mundial da Mocidade de Lisboa

O venres 21 de xullo ás 20 h. na Catedral, o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, presidirá a Eucaristía de Envío de todos os peregrinos da Diocese que acudirán á Xornada Mundial da Mocidade.

O grupo da Diocese de Lugo, acompañado polo Bispo da diocese, Mons. Alfonso Carrasco, está formado por peregrinos con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos, procedentes do Colexio Diocesano San Lorenzo-Seminario Menor de Lugo, Parroquias de Chantada e Taboada, Parroquia Nosa Señora das Dores de Lalín, Parroquia A Nosa Señora do Rosario de Sarria, Parroquia Santa Baia de Losón, Parroquias de Castroverde, Parroquia de Santiago A Nova e San Antonio de Padua de Lugo e Camiño Neocatecumenal. Acompáñaos, tamén, un grupo de 18 peregrinos do Colexio Divina Pastora-Salesianos de Lugo.

A centena de mozos estará acompañada de 14 responsables, dos cales 7 son sacerdotes, que se encargarán da organización e do desenvolvemento da peregrinación.

A Xornada Mundial da Mocidade, que se celebra do 31 de xullo ao 6 de agosto, é un encontro de mozos de todo o mundo que se reúnen co papa Francisco para celebrar a súa fe en Xesucristo. É ademais unha peregrinación, unha festa da mocidade, unha expresión da Igrexa universal e un momento forte de evanxelización do mundo xuvenil.

A %d blogueros les gusta esto: