Centenario da morte de Avelino González López

Avelino González López naceu en 1871 na parroquia de San Cristovo de Martín, no concello de Bóveda. En 1895 foi ordenado sacerdote e o seu primeiro destino foi San Vicente do Pino, en Monforte. No ano 1901 foi destinado a San Pedro, en Lugo, onde pasaría xa toda a súa vida sacerdotal ata o seu falecemento en 1924, aos 52 anos.

Foi un dos fundadores do periódico La Voz de la Verdad. Creou a Asociación de las Hijas de María, a Congregación de la Doctrina Cristiana, a Asociación de la Sagrada Familia e o Sindicato Católico Obrero. Os pobres e os enfermos tamén foron colectivos aos que axudou.

Jesús Guerra Mosquera recolleu testemuños sobre Avelino e asegura que “todos os que o coñeceron falaban da súa fe (expresada en todas as súas actitudes), da súa caridade (dábao todo), da súa humildade (era, en verdade, un home humilde de corazón), da súa obediencia (“xamais oimos dos seus labios unha protesta”) e do seu especial amor á Eucaristía e á Virxe” (Lvcensia, n. 28).

Xornada formativa para o profesorado de Relixión

Isabel Gómez Villalba

O 16 de novembro tivo lugar unha xornada de formación para o profesorado de Relixión co título: A aprendizaxe-servizo na clase de Relixión. Un compás para orientar o talento.

Dirixiu as sesións Isabel Gómez Villalba (Universidade San Jorge de Zaragoza), que comezou comentando aspectos xerais do sistema educativo, e así, sinalou que está deixándose colonizar pola lóxica do economicismo.

Sobre aprendizaxe-servizo deu unha definición completa:

 Unha proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto ben articulado onde os participantes aprenden ao traballar en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala.

Daquela, non se trata de que o alumnado unicamente mellore o seu currículo persoal, senón orientar o seu talento, facendo que o empreguen na mellora da sociedade. Porque o fundamento da aprendizaxe-servizo é integrar os contidos curriculares nas propostas solidarias, superando unha mirada fragmentaria.

Sobre as achegas da aprendizaxe-servizo á clase de Relixión, Isabel Gómez Villalba, indicou tres liñas básicas:

  • Amor en acción
  • Pasar da teoría á práctica: Explicitar o Evanxeo
  • Aprender a vivir desde a lóxica do don

E para o alumnado de Relixión, as achegas son:

  • Desenvolvemento de capacidades, habilidades, coñecementos e valores.
  • Tomar conciencia das necesidades reais da contorna
  • Aproximación á realidade do tecido asociativo.
  • Potencia o pensamento crítico, a curiosidade e a saída dun mesmo cara aos demais.
  • Experiencia da entrega persoal.

6 de novembro: Berardo de Visantoña e Ruperta Vázquez Areas

O 5 de abril de 1878 nacía en Visantoña, (Santiso) Joaquín Victoriano María Frade Eiras, coñecido como Berardo de Visantoña.

Franciscano Capuchino. Mártir durante a guerra civil. Beato desde o 27 de marzo de 2013.

Dúas horas despois de que Xixón sufrise un bombardeo, unha multitude rodeaba a igrexa de San Xosé, convertida en prisión, pedindo a cabeza dos detidos nela. Enchéronse tres camións e varias ducias de persoas foron fusiladas dentro das tapias do cemiterio de Jove. Era o 14 de agosto de 1936.

 

Ruperta, nacida co nome de Concepción Vázquez y Areas en 1871, en Bóveda, pasou a súa adolescencia e mocidade no instituto educativo dependente da congregación das Adoratrices. En 1898 daba un paso decisivo ao ser xa constituída Filla da Casa, que era unha institución destinada a formar a ex colexialas que se distinguían por unha vocación particular de consagración a Deus.

En Madrid, durante a guerra civil, a Madre Diosdada, superiora xeral das Adoratrices, para protexer ás relixiosas dos perigos aos que podían verse expostas, decide deixar a casa xeneralicia, e aloxarse en diversos pisos, onde tamén chegaban as que viñan doutras partes de España. Un grupo de vinte e tres irmás instaláronse nun piso da rúa Costanilla de los Ángeles, onde Ruperta foi arrestada con todas as demais relixiosas o 9 de novembro de 1936, e fusilada con elas na madrugada da xornada seguinte. Tiña 65 anos.

Desde o 11 de novembro de 1961 repousa na Capela do Pilar del Valle de los Caídos.

O 28 de outubro de 2007 na praza de San Pedro de Roma, é recoñecida publicamente a súa condición martirial.

 

Aos 2 beatos da Diocese de Lugo, cuxa festividade é o 6 de novembro, adícalles senllos capítulos José Ramón Hernández Figueiredo no seu libro Santoral de Galicia:

– capítulo XV “Beata Ruperta Vázquez Areas” (páxs. 243-249)

– capítulo XXI “Beato Verardo de Visantoña, Frade Eiras” (pp. 313-321)

Oración xunto á sepultura dos familiares

A Delegación Episcopal de Liturxia e Patrimonio Cultural propón unha oración para rezar xunto á sepultura dos familiares.

Coa esperanza firme da resurrección, diríxese unha oración a Deus xunto á sepultura da familia e con fe lémbrase aos seres queridos. Exprésase o desexo de que, pola misericordia de Deus, descansen en paz os nosos defuntos e vivan eternamente xunto ao Señor.

Oración en galego

Oración en castelán

Marisol Bravos recibe o premio José Castiñeira de Humanidades 2024

Representantes da familia Castiñeira entregan o premio a Marisol Bravos

O 27 de outubro celebrouse na Catedral o cabodano de D. Xosé Castiñeira. A continuación tivo lugar a ofrenda floral ante as tumbas de Xosé e Manuel Castiñeira e fíxose entrega no claustro, e por primeira vez este ano, do premio “José Castiñeira de Humanidades”. O xurado considerou merecedora a Marisol Bravos polo seu labor a prol das persoas con diversidade funcional, por dar exemplo permanente de integración e abrindo camiños.

Tras recibir a placa que a acredita como galardoada co devandito premio na 1ª edición, Marisol Bravos, referiuse á persoa que leva o nome do galardón e ao que ten representado a música para si mesma:

 Don Xosé Castiñeira para min era toda unha institución, e aquela imaxe que dirixía un coro, co que me gustaba cantaruxear, pois para min era unha persoa moi significativa. E agora ser a primeira persoa en recibir esta distinción e que se me asocie a don Xosé Castiñeira é un orgullo e unha emoción moi grande.

Quizais non imaxinan o que significou a música para min, E recibir unha distinción dunha entidade relacionada coa música era o mais desconcertante que me podia imaxinar.

Eu pola miña circunstancia física, unha polio de pequeniña, podía xogar menos. Entón a música foi sempre a miña compañeira nos meus veráns solitarios na aldea. Cando estudiaba eu estudiei tarareando cancións e os pequenos aforros que eu ía conseguindo despois de dar clases particulares e pagar a pensión dedicábaos a comprar música: cancións para os nenos, cando empecei a traballar, cancións de tipo relixioso.

E as palabras finais de Marisol Bravos foron as seguintes:

 De volver a repetir a miña historia non cambiaría nin unha coma, con todos os altos e baixos que tivo a miña vida. Eu quero rematar coas palabras do Salmo que di “o Señor está grande con nós e estamos alegres”. Vouno personalizar, e dicir: “o Señor está grande comigo e neste entorno, estou alegre, estou contenta”. Moitas grazas.

O Orfeón Lucense actuou na Misa de cabodano e trala entrega do premio
A %d blogueros les gusta esto: