Con motivo do Día Internacional da Muller, Mans Unidas quere poñer o foco nas mulleres empobrecidas, as máis vulnerables e castigadas pola desigualdade imperante no mundo, que condena á fame e a pobreza a millóns de persoas. Unha desigualdade que Mans Unidas está a denunciar coa súa campaña «A nosa indiferenza condénaos ao esquecemento».
[Vídeo]
Pola súa parte, Cáritas lanza a iniciativa “Elas Somos Nós”, para visibilizar as situacións de exclusión que sofren as mulleres ás que Cáritas acompaña grazas á voz dun grupo de mulleres comprometidas coa igualdade de oportunidades.
[Vídeo]
A Irmandade Obreira de Acción Católica de Galicia e a Mocidade Obreira Cristiá difunden un manifesto baixo o título “Derrubemos os muros da precariedade e a desigualdade que vivimos as mulleres traballadoras”. Nel comprométense a “seguir construíndo, na nosa Igrexa e no mundo, a comunidade de iguais que Xesús creou; e, como aquelas mulleres discípulas que anunciaron a súa resurrección, seguir comunicando a esperanza nos nosos ambientes, promover a xustiza social, os dereitos humanos”.