A principios de maio hai dúas datas moi importantes e significativas: o Día do Traballo e o Día da Nai.
Dúas datas ás que xa pouco lles queda do seu sentido orixinal, posiblemente debido ao empeño de non deixar que sexa o mesmo Deus quen estea no medio do mundo e tamén no corazón nestes días.
O 1 de maio, o Día do Traballo, que tamén a Igrexa une coa festa de San Xosé Obreiro, xorde pola necesidade de defender os dereitos dos traballadores e a dignidade das persoas. Daquel desexo de 8 horas de traballo, 8 horas de descanso e 8 horas de cultivo persoal, xa pouco queda. As 8 horas de cultivo persoal cambiámolas por 8 horas para consumir ou para pensar no que imos gastar o diñeiro. As 8 horas de traballo xa son moitos os que carecen delas, como o confirman os datos da EPA. Supoño que podemos seguir contando coas 8 horas de descanso, sempre que nolo permitan WhatsApp e o Facebook. E a San Xosé ás veces lle quitamos o seu día de marzo, así como o de maio. En consecuencia, xa nin somos capaces de santificar algo tan sacro, digno e necesario como é o traballo.
E á festa con motivo do Día da Nai pásalle outro tanto. Xa ninguén lembra o sentido orixinal. Agora só importa o que non nos esquezamos de comprarlles un detalle ás nosas nais por este día, do que sacan máis beneficio as superficies comerciais que as propias destinatarias do noso agarimo. Dunha oración e de poñer por intercesora delas a María, Nai de Deus e Nai nosa, a quen lle dedicamos o mes de maio, o mes das flores, se cadra xa ninguén se lembra.
E unha vez máis faremos cousas: unha vez máis sen sentido e sen garantías de permanencia e de eternidade.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada