O lema elixido para a campaña do Seminario deste ano é «Pai e irmán, como san Xosé». Quere reflectir como os sacerdotes, forxados na escola de Nazaret, baixo o coidado de san Xosé e a man providente de Deus, son enviados a coidar a vida de cada persoa, co corazón dun pai, sabendo que, ademais, cada un deles é o seu irmán.
San Xosé é patrón dos seminarios e pai dos seminaristas. Cada seminario, a semellanza do fogar de Nazaret, quere ser ese lugar onde se coide e faga crecer o don de Deus.
Poderíase dicir que san Xosé, como pai xudeu encargado da educación do seu fillo, foi “o primeiro formador” dun seminario. Por iso, aquel que coidou e forxou as mans e a persoa de Xesús é tamén pai dos seminaristas.
O ano pasado a Diocese de Lugo foi bendicida coa ordenación en xullo de dous presbíteros e en decembro dous diáconos. Este ano, se Deus quere, continuaranse celebrando os pasos no camiño vocacional dos seminaristas maiores. É unha ocasión para dar grazas a Deus polas súas vidas.