Durante os próximos días celebraremos unha das semanas grandes do noso Seminario. Coa solemnidade de San Xosé, patrón dos seminarios, facemos unha pequena parada no camiño de Coresma, para celebrar a festa deste santo, que caladamente foi instrumento eficaz para que Deus levase a cabo o seu plan de salvación por medio de Xesucristo.
As dúas palabras craves do día do seminario deste ano 2014 non poderían ser outras que “alegría” e “evanxeo”. O novo aire que o papa Francisco trouxo á Igrexa está marcado pola alegría de anunciar e vivir o Evanxeo.
Para isto prepáranse os nosos seminaristas: para que todos poidamos vivir alegremente despois de coñecer e celebrar a boa noticia da nosa salvación. E os que temos a sorte de coñecelos, damos fe de que viven a súa vocación e o seu tempo de Seminario cunha gran alegría.
Quizais haxa quen poida pensar que o Seminario é un lugar triste e escuro. Nada máis lonxe da realidade. O que máis abunda no noso Seminario de Lugo é a alegría.
Serán poucos os seminaristas, pero viven con moita alegría, coa alegría propia de quen se atopou co mesmo Deus, e que ocupará para sempre o centro do seu corazón, no que tamén están todas as persoas de boa vontade que buscan con sinceridade atoparse con Xesucristo.
Miguel Ángel Álvarez Pérez