Día das nais, porque todos temos dúas nais: a do Ceo e a da terra. Das dúas estamos santamente orgullosos e ás dúas debemos inmensa gratitude. A do Ceo é Raíña e é Nai. O título de Raíña lémbranos o seu poderío santificador. O de Nai fálanos da súa singular solicitude por nós os seus fillos.
Agradezamos ao Señor que nos dese por nai á súa propia Nai e imitemos ao apóstolo San Xoán que a acolleu na súa casa e tivo para Ela corazón de fillo e comportamento filial.
Agradezámoslle tamén a nai que nos deu na terra. Esta non ten o título de raíña nin, talvez, títulos nobiliarios pero ten un corazón moi grande e isto abóndanos para querela con toda a alma e agradecerlle todo o agarimo que nos dá e os continuos sacrificios que fai por nós.
“Sabes o que é unha nai”?, pregunta Víctor Hugo. E el mesmo contesta: “É unha muller” e ao instante corrixe e di: “Non!, nai é un anxo que che ensina a falar, que che ensina a ler, que che ensina a amar, que che ensina a rezar. Nai é un anxo que coida o teu soño mentres ti dormes; nai é unha muller que quenta os teus dedos entre as súas mans; nai é un ser que che dá o seu leite mentres es pequeno; que che dá o seu pan cando xa es maior; que che dá a súa vida en todo momento”.
Por experiencia sabemos que iso é unha nai: agarimo, sacrificio, entrega sen límites. Celebremos pois o seu día, con gozosa gratitude e pidamos a Deus que bendiga ás nosas nais con toda clase de bens do ceo e da terra.
E a María, a nosa Nai celestial, escoitémola, acollendo o que dixo aos serventes das Vodas de Caná de Galilea: “Facede o que Xesús vos diga”. Se así o facemos, abundará o sabroso viño da graza nos nosos corazóns, froitos dos ricos acios das nosas virtudes; e de María poderá dicirse: “Ditosa nai que ten tales fillos”; e de nós poderá dicirse: “Ditosos fillos a quen o Señor regalou tal Nai”.