Hai unha muller que ten algo de Deus pola inmensidade do seu amor, e moito de anxo pola incansable solicitude dos seus coidados.
Unha muller que sendo moza, ten reflexión dunha anciá, e, na vellez, traballa co vigor da mocidade.
Unha muller que, se é ignorante, descobre os segredos da vida con máis acerto ca un sabio, e, se é instruída, acomódase á simplicidade dos nenos.
Unha muller que, sendo pobre, satisfaise coa felicidade dos que ama, e, sendo rica, daría con gusto o seu tesouro por non sufrir no seu corazón a ferida da ingratitude.
Unha muller que, sendo vigorosa, estremécese co pranto dun neno, e sendo débil, revístese ás veces coa bravura dun león.
Unha muller que mentres vive, non a sabemos estimar, porque ao seu carón esquécense todas as dores, pero despois de morta, dariamos todo o que somos e todo o que temos por mirala de novo un só instante, por recibir dela un só abrazo, por escoitar un só acento dos seus labios…
Desa muller non me esixades o nome se non queredes que empape de bágoas o voso álbum, porque xa a vin pasar no meu camiño.
Cando crezan os vosos fillos, lédelles esta páxina, e eles, cubrindo de bicos a vosa fronte, diranvos que un humilde viaxeiro en pago da suntuosa hospedaxe recibida, deixou aquí para vós e para eles, un bosquexo do retrato da súa nai.
Así escribía Monseñor Ángel Jara aos seus diocesanos chilenos, falándolles das súas nais e da súa propia.
Efectivamente, así son as vosas nais, os que aínda tedes, e así foron as nosas, que xa nos deixaron.
Un día preguntou Víctor Hugo: “Sabes o que é unha nai?” E el mesmo respondeu: “nai é unha muller”. Pero ao instante corrixe, e di: “Non: nai é un anxo que che ensina falar, que che ensina a ler, que che ensina a rezar. Nai é un ser que quenta os teus dedos entre as súas mans e a túa alma no seu corazón. Nai é unha muller que che dá o seu leite cando es pequeno; que che dá o seu pan cando es maior; que che dá a súa vida en todo momento”.
Que precioso agasallo nos fixo o Señor dándonos a nai que nos deu! Valorémola; imitémola; aprendamos dela, e non nos esquezamos do que nos ensinou. Mentres está connosco, fagámola feliz, escoitándoa e correspondendo ás súas delicadezas. E os que xa a perdemos, comprazámola, levando á práctica o que dela aprendemos.
E vós, pais, que tedes fillas de pouca idade, non esquezades que a unha nai hai que educala vinte anos antes de nacer: vinte anos antes de ser nai. As nais non nacen: fanse. Son os seus propios pais e demais educadores os que van nutrindo ás futuras nais dos valores que logo elas transmitirán aos seus fillos. O mañá non só está no seo materno; máis ben, está no corazón das nais, que con abnegación constante, transmiten valores humanos e cristiáns ás novas xeracións. A súa capacidade reprodutora non é só biolóxica; máis ben é maxisterial, pedagóxica, testemuñal. O testemuño das nosas nais confírmanolo. Valoremos, pois, o que nos transmitiron e, posto que a mellor educación é a imitativa, levemos á práctica o que das nosas nais aprendemos, e un mundo mellor enriquecerá a nosa historia.
Indalecio Gómez
Cóengo da S. I. Catedral Basílica de Lugo