Desde a IOAC-HOAC de Galicia sumámonos ás convocatorias efectuadas en torno ao 10 de marzo de 2020, recoñecido como Día da clase obreira galega, e que se celebra especialmente ante a urxente necesidade de poñer fin á lacra da precariedade laboral que caracteriza o actual sistema de relacións laborais e que lesiona os dereitos das persoas traballadoras e das súas familias.
A indecente precariedade do traballo está a afectar duramente á mocidade afundida nunha pobreza crónica que lles imposibilita un proxecto de vida; a familias cuxas necesidades básicas quedan sen asegurar ou sen cubrir, como son o teito, luz, comida, roupa ou medicamentos; e a persoas maiores que sofren unha vellez sen calidade por mor dunhas pensións indignas. Trátase de situacións provocadas por un sistema capitalista inxusto que sitúa o traballo, non como fonte de vida e dignidade, senón como recurso ao servizo imperioso do capital á conta da precariedade latente das persoas traballadoras e da exclusión de todos aos que o papa Francisco define como “descartados”.
Afirmamos que o traballo é esencial para a vida das persoas porque axuda a construír a nosa humanidade. A través del potenciamos, desenvolvemos e expandimos as nosas capacidades e calidades. É necesario repensar o sentido do traballo, da economía e da empresa, devaluadas na nosa sociedade. Para iso temos que esixir a políticos, gobernantes e poderes económicos uns dereitos que son básicos para a construción dunha sociedade cuxo sentido e función sirvan ao ben común.
Como se indica no Informe FOESSA 2019 para Galicia, o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria e conta cunha alta taxa de vulnerabilidade social. Case un de cada cinco galegos –470.000 persoas— se atopa en situación de exclusión social. O 9,1% da poboación –245.858 persoas– está nunha situación de exclusión moderada e o 8,4% –226.946 persoas– en exclusión severa.
A desigualdade no mercado de traballo está a impoñer o discurso de que o éxito final reside na consideración do emprego como un privilexio e non como un dereito. A precariedade laboral converteuse xa nunha forma de vida estrutural na nosa sociedade. Iso reflíctese en que a taxa de traballadores pobres é do 12,2 %, e que do total da poboación excluída, 4 de cada 10 está a traballar, o cal rompe a idea de que un posto de traballo e un salario saca ás persoas das situacións de exclusión.
Ante esta realidade de desigualdade e exclusión que afecta, tamén no Estado español, a millóns de traballadores e traballadoras, desde a IOAC-HOAC de Galicia lembramos que «a política económica debe estar ao servizo do traballo digno. É imprescindible a colaboración de todos, especialmente de empresarios, sindicatos e políticos, para xerar ese emprego digno e estable, e contribuír con el ao desenvolvemento das persoas e da sociedade. É unha destacada forma de caridade e xustiza social» (Conferencia Episcopal Española, Igrexa, servidora dos pobres, 32).
Como Igrexa, que quere ser boa noticia no noso mundo, facémonos presentes e posicionámonos en contra daquelas situacións que atentan contra a dignidade das persoas
Desde estas constatacións, reclamamos:
■ Que se sitúe á persoa no centro da vida política, das relacións laborais e do traballo, a fin de abordar a indecente precariedade que descarta a millóns de persoas ao acceso “a un traballo decente e non de calquera modo”, en palabras do papa Francisco, e de facilitar o diálogo social entre os gobernos e as organizacións de traballadores e traballadoras, empresariado e axentes sociais.
■ Que se faga efectivo por parte dos poderes públicos o dereito a un traballo digno para todas as persoas, xa que o traballo é expresión da propia dignidade.
■ Que se recoñeza social e xuridicamente o traballo de coidados. Para iso necesitamos unha formulación nova de políticas sociais, de xénero e educativas que facilite unha prestación dos coidados compartida por homes e mulleres, e que posibilite unha igualdade real de oportunidades no lugar de traballo.
■ Afirmamos que o traballo é para a vida, polo que se ten que producir nunhas condicións laborais que garantan a integridade física e psíquica da persoa, e que garantan a súa protección social. Por iso reclamamos: Nin unha persoa morta máis por accidente de traballo.
Como xesto profético, neste Día da clase obreira galega convidamos ás distintas comunidades cristiás a celebrar a Eucaristía en acción de grazas polo don do traballo humano e como signo de solidariedade con quen sofre a deshumanización do traballo.
Convidamos, igualmente, a participar naquelas actividades que convoquen as organizacións sindicais para esixir un traballo decente acorde coa dignidade de toda persoa e de todas as persoas, lembrando a celebración do Día da clase obreira galega.
… E que os obreiros mortos no campo de honra do traballo e a loita descansen en paz.