Os fregueses da parroquia de Santa María de Vilariño (Agolada) iniciarán o día 23 ás 8.30 h unha peregrinación coa imaxe da Virxe, que recibirá o saúdo das imaxes das parroquias (Cadrón, Cancelas, Cangas, Erbo, Palmou) que hai no percorrido de 14 quilómetros ata Santa María de Bermés (Lalín). Un grupo de músicos acompaña aos fieis.
No momento da chegada a Bermés (cara ao mediodía) saúdanse ambas virxes e despois celébrase Misa solemne. A virxe de Vilariño permanecerá en Bermés cinco domingos, nos que hai Misa ás 18 horas.
Trátase dunha rogativa coñecida como “o clamor”, que deixara de facerse nas dúas últimas décadas e agora recupérase esta tradición que vén de hai sete séculos.
O domingo 30 O Corpiño celebra o Día da Familia e no santuario confluirán tres peregrinacións que parten da praza da igrexa de cadanseu lugar: de Lalín ás 7:30h, de Vila de Cruces e Silleda ás 9h.