Considérome moi identificado con San Xosé porque Deus deume a graza de ser pai e pertenzo a esta Igrexa Universal. Son traballador e ademais son migrante. Estou nun país no que non nacín. Entón iso lévame a ter varias razóns para admirar a San Xosé.
Reflexionei, por exemplo, sobre como se apañaba San Xosé en Exipto. Aínda que é fermoso estar en Galicia, sempre hai retos e temos que buscarnos a vida. Póñome no lugar de San Xosé, alá en Exipto buscando, tocando portas, a ver a quen se lle crebou unha cadeira ou unha mesa, para poñerse ao servizo deles, buscando como levar o pan a casa.
Doutra banda, a obediencia de San Xosé é impresionante. No Evanxeo non atopamos nin unha palabra que el expresase, pero non fai falta. Xa o dixo todo a través da súa forma de ser.
Até o ano 2013 só estaba o nome da Virxe Santísima no Misal Romano, e lembro que estaba en misa e escoitei ao sacerdote anunciar que a partir de entón, xa se incluía no rito o nome de San Xosé.
Por que render devoción a San Xosé? Porque nel atopamos o rostro paterno de Deus entre nós. Atopamos a súa proximidade, a súa tenrura, o seu acompañamento mentres imos crecendo e máis aló, a súa ocupación ante os acontecementos difíciles da nosa vida. En San Xosé atopamos ese rostro de Deus que goza cando o buscamos, que nos ensina co seu amor os camiños que nos convén tomar. Entón, onde nos leva San Xosé? A Xesús.