Desde o momento mesmo do seu falecemento, San Froilán foi obxecto de veneración. O seu culto en Lugo está testemuñado desde os séculos medievais pois existe unha capela dedicada a el e celébrase o seu oficio litúrxico, que está incorporado ás cerimonias catedralicias.
No seu momento debeu ser unha devoción moi arraigada, non tanto nos séculos baixomedievais, pero si a partir do século XVII.
Desde o ano 1600, o día de San Froilán é “festa de táboa”, isto é, solemne e obrigatoria para todos os clérigos catedralicios. En 1605, é confirmado como patrón da cidade e da Diocese, polo que se introducirá a súa festa como obrigatoria en todas as igrexas. Pouco despois (1610) fúndase unha confraría para renovar e honrar a súa memoria. E cando en 1614 chega a reliquia a Lugo, a cidade espera con gran expectación e fervor o regreso dun dos seus fillos máis queridos.
Co testemuño da súa vida, san Froilán proporciónanos unha serie de ensinanzas, que motivan a devoción que se lle ten. Aínda que durante un tempo levou unha vida retirada, abandonouna e consagrouse ao ministerio da evanxelización con gran proveito para os seus oíntes . Tamén se implicou con toda a alma en organizar a vida monástica do seu tempo. En fin, a vida de san Froilán xirou sobre estes dous eixos: fe e amor. Fe en Deus e amor a El e á humanidade.