Deus vén sempre: é Nadal

A celebración cristiá do Nadal é e foi unha Boa Nova para a humanidade. As relixións xudeo-cristiás, aínda que algúns aínda non queren entendelo, estiveron e están na orixe da civilización do amor, das democracias actuais e do progreso dos pobos. E iso, ten o seu fundamento no gran acontecemento de Nadal, que é pois, para nós hoxe, unha admirable noticia que non pode deixarnos indiferentes.

Descríbeo fermosamente un dos teólogos máis importantes do século XX, o xesuita alemán Karl Rahner, que escribe o seguinte: “Cando dicimos: “É Nadal”, isto é o que dicimos: “Deus pronunciou a súa última, a súa máis profunda, a súa máis bela palabra ao mundo na Palabra feita carne; (…) E esta Palabra quere dicir: “Eu ámote a ti, a ti mundo e a ti home”. Que ben reflicte, o teólogo, o fondo significado do Nadal para os cristiáns!

Lembro unha homilía do Papa emérito Benedicto XVI, con motivo do Nadal (pronunciada o 24 de decembro de 2009), na que recordaba que esta boa nova, por ser boa é tamén verdade e, xa que logo, tamén me debe de afectar a min. Sentirse tocados por algo tan significativo supón, de entrada, espertar a nosa sensibilidade para con Deus. Hai quen afirma “que non ten oído para a música”; pode ser certo que o noso xeito de pensar e actuar, no mundo actual, reduce e limita a capacidade para captar as cousas de Deus, para entender a súa linguaxe e a súa proximidade (Enmanuel: Deus connosco) ata tal punto que nos deixen “sen oído musical para el”. Con todo, os estudosos do fenómeno relixioso, recoñecen que en cada ser humano hai un desexo de Deus, un anhelo da divindade, unha capacidade innata para saír ao seu encontro e acollelo. Por iso, o Nadal, celebrar que Deus vén, que sae ao noso encontro, interpélanos a estar vixiantes, axúdanos a espertar ao esencial e a recuperar a relación dun Deus que parecía que estaba oculto, afastado e escondido e que se manifesta na proximidade de Belén.

É verdade que moitos de nós estamos moi ocupados en razoamentos complexos, filosofías esotéricas, ou negocios, mercados e consumismo. Desde estes xeitos de ser e estar no mundo, faise difícil chegar ata o presebe, xunto á Sagrada Familia de Nazaret. Con todo, sempre é posible saír do enredo das nosas encrucilladas pagás para atopar o camiño cara a El.

Nadal significa que hai sendeiros para todos. Que sempre é posible poñerse en camiño cara a Belén, cara ao santo, na procura deste Deus que quixo “abaixarse” tanto de modo que podamos contemplalo, pequeno e cheo de frío, nun miserable cortello. O percorrido máis longo xa o fixo El. Agora, en Nadal, lémbrasenos que hai que facer memoria diso, que non convén esquece o esencial: “Eu ámote a ti, achégate a ver canto e de que xeito che podo amar”. “Gloria a Deus no ceo e na terra paz aos homes de boa vontade”.

 

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: