Camiñando paseniñamente entre luces e sombras, chegamos ao último mes do ano. A iluminación artística das vilas e cidades, os escaparates adornados con motivos do Nadal, as felicitacións que as distintas empresas emiten a través dos medios de comunicación, lémbranos que estamos no mes de Nadal, unhas datas significativas e entrañables para os cristiáns porque celebramos que Deus vén salvarnos, que unha Luz resplandeceu sobre a terra para alumarnos. Celebramos que Deus se fai home para convidarnos a participar da súa vida.
En todo este proxecto de salvación e amor, a colaboración eficaz de María, Nai de Deus e Nai nosa, ensínanos como axudar aos demais, porque a súa fe e a súa confianza en Deus, fixo que toda a súa vida fose un xesto de amor á humanidade.
que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de Boas Novas…
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación…!
Deus, no misterio de Nadal, amósanos o seu gran amor e María colabora con El para facer realidade este proxecto salvífico e gozoso.
Non teñamos medo, amigos, de colaborar con Deus no seu proxecto de amor para a humanidade o mesmo que fixo María.
Que nos ampare a Virxe de Belén no noso caminar e que Deus encha os nosos corazóns e os nosos fogares de Paz e Amor.
Nestes días de Nadal unamos as nosas voces ás dos anxos para proclamar:
Gloria a Deus nas alturas
e sobre a terra paz aos homes de boa vontade.
Miguel Ángel Gómez Vázquez