Antes de nada quero aclarar que os sentimentos non son malos. Sabemos ben que os sentimentos, entendidos como un estado de ánimo ou disposición emocional cara a unha cousa, un feito ou unha persoa, son propios e exclusivos do ser humano.
Pero isto mesmo non impide que nos traizoen os sentimentos de cando en vez e distorsionen abundantemente a realidade. O de “ollos que non ven, corazón que non sente” só serve para anestesiarnos por un tempo, pero non cambia a realidade. Sabémolo ben: as cousas non deixan de existir porque nós non as vexamos ou non as sintamos ou, simplemente, non as coñezamos. Cantas realidades hai que eu non coñezo!.
Pasando ao campo da relixión e a fe atopámonos con máis do mesmo. Con frecuencia escoitamos o de “só vou a misa cando me apetece”, “Deus para min non existe”, “Non creo que Deus exista”, “Deus é só un sentimento no meu interior”.
O razoamento é claro: a existencia de Deus (precisamente Deus) non está suxeita ás crenzas ou sentimentos das persoas, como tampouco o está calquera das outras realidades do universo.
Con frecuencia acudo a estas as palabras de Benedicto XVI na encíclica Deus caritas est: “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva”.
Certamente, por moi bonito ou melancólico que puidese parecer, Deus non é un sentimento, unha idea ou unha decisión ética. Un deus así non achegaría nada á nosa vida nin, moito menos, poderíanos salvar ou darnos a vida eterna.
Deus é un ser persoal e deuse a coñecer plena e definitivamente no acontecemento da encarnación do seu fillo Xesucristo. O acontecemento de Xesucristo non é un día si e outro non. Non depende da situación na que nós esteamos. Se fose así, sería un deus moi débil ao que non poderiamos chamar deus. Non nos serviría de moito un deus que tivese condicionada a súa existencia e as súas capacidades polos nosos sentimentos, aínda que estes sempre fosen bos.
É verdade que non sempre estamos na mellor disposición para as cousas de Deus (nin as do mundo). A todos pódenos ás veces o cansazo, a apatía, os problemas, etc. Pero non lle podemos botar a culpa a Deus de que nós non sexamos capaces de coñecelo ou de velo con máis claridade. Deus está onde ten que estar, revelouse totalmente e respecta absolutamente a nosa liberdade, tamén cando nos equivocamos.
O anterior non quere dicir que o Deus de Xesucristo se desentenda de nós. Coñécenos perfectamente, está pendente de nós e impórtanlle as cousas da nosa vida. Abonda que nos acheguemos aos Evanxeos para ver que é así. Sabe o que necesitamos moito antes de que llo pidamos.
Estamos ante un Deus que é pai e que coida con amor entrañable dos seus fillos. Non é un Deus ausente ou impasible.
Nas nosas mans está, en boa medida, parte da solución á súa, ás veces, aparente ausencia: buscar a Deus onde se lle poida atopar, ou deixarnos atopar por Deus, porque El sempre nos busca.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Cura de A Fonsagrada
Imaxe: cathopic