Admiro ás persoas que son sinxelas. Cando dicimos de alguén que é sinxelo estamos falando dunha persoa que ten claro que a liña recta é a distancia máis curta entre dous puntos. Ser sinxelos é unha virtude, sobre todo porque sendo así somos mellores para os demais.
O mesmo Evanxeo tamén nos invita a ser sinxelos en varias ocasións, a máis coñecida cando nos din que sexamos “sinxelos como pombas“ (Mt 10, 16b), pero sobre todo cando Xesús di “douche grazas, Pai, Señor de ceo e terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e entendidos, e llas revelaches á xente sinxela. Si, Pai, así che pareceu mellor“. (Mt 11, 25-26).
Dicir que Deus é sinxelo pode parecer que non é acertado e que estamos cercenando as infinitas calidades de Deus ao supoñer que, se é sinxelo, poderémolo comprender coa nosa intelixencia, que é limitada. Por iso, pode ser preferible dicir que as cousas de Deus son sinxelas, ou que chegar a Deus ou deixar que Deus chegue a nós é sinxelo.
Na relación de Deus convén ter claro o que dicía antes: a liña recta é a mellor opción. A complicación non é o mellor camiño. Se queren, tamén pode servir o que dicía Descartes: “ideas claras e distintas“. E non moitas, engado eu.
Non nos podemos achegar a Deus co pretexto de buscar un apoio que non é propio del. Por iso non podemos confundir o que Deus aporta a cada persoa co que necesitamos para organizar, quizais, só un evento social.
Tampouco nos podemos achegar a Deus fixándonos só nas prohibicións morais ou nas leis eclesiásticas sen entrar no espírito das mesmas. As normas son necesarias para organizar a vida dos cristiáns, pero se non as vivimos da forma adecuada complícannos a vida no canto de facela sinxela.
Despois están os que poñen o centro dos seus intereses en difundir lendas urbanas sobre a Igrexa, o Vaticano ou o mesmo Xesucristo (lembren o do código da Vinci), e que enganan á xente a base de confundir ficción con realidade. Intentar achegarse a Deus desta forma complícanos aínda máis a fe.
Termino cunha destas experiencias gratificantes que o Señor concédenos ás veces aos sacerdotes. Fai uns meses chamáronme para acompañar a un enfermo nos seus últimos días: sacramento da penitencia, unción de enfermos e viático e unhas palabras sinceras por ambas partes. Uns días despois do funeral, achegouse un fillo do señor para dicirme que se alegraba de terse equivocado comigo porque o seu pai morrera con moita paz. Tratábase só de poñernos nas mans de Deus. Así de sinxelo.
Non confundamos o importante co urxente, nin o normal co corrente no camiño da historia que Deus quere facer connosco. O camiño é sinxelo pero esíxenos tamén esforzo e abnegación para chegar á meta que é Cristo, por “unha coroa que non murcha“ (1Cor 9, 25).
Deus é sinxelo. Deus creounos por amor e por amor quérenos salvar por medio do seu Fillo Xesucristo. Non hai nada máis. Os que complicamos todo somos os humanos. Deixemos a Deus ser Deus e todo será moito máis sinxelo.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán