Desexar ben. No limiar dun novo ano

 

Desexar é querer con vehemencia algunha cousa e especialmente a posesión de algo agradable ou útil. Ao comezo dun novo ano e durante as festas de Nadal, afloran en nós os bos desexos e a nostalxia das mellores lembranzas. É un exercicio, sen dúbida, saudable. Quero comezar o novo ano expresándolles, a todos Vostedes, o meu sincero agradecemento polas mostras de afecto e pola súa fidelidade na lectura e acolldta dos artigos publicados.

O futuro pertence a quen cren no ben, a verdade e a beleza, e por iso invítolles a abrazar cariñosamente, cun firme propósito, estes grandes valores. Valores que son inherentes á nosa cultura cristiá e que se nos transmiten desde as súas orixes na Biblia e no pensamento filosófico. Eles foron e son fonte de felicidade persoal e comunitaria. Por iso, o mellor propósito para este ano novo é comezar mirándonos a nós mesmos, buceando no noso interior, cultivando a espiritualidade e o coidado esencial e os valores que os santos e pensadores de todos os tempos meditaron e practicaron. Coidado que ha de expresarse e manifestarse na preocupación por todo o creado, pola casa común, polo noso propio fogar, pola cidade, o patrimonio, a natureza, os animais e, por riba de todo, polas boas relacións con Deus e cos nosos irmáns, templos vivos da divindade na historia. Desde unha perspectiva crente, as nosas relacións humanas han de estar fundamentadas na relación persoal cun Deus que nos ama infinitamente como ninguén, que se nos manifestou e revelou en Cristo e que quere saberse amado, sobre todo, naqueles que máis sofren.

Paz e Ben, é o saúdo franciscano que se transmitiu ata nós a través de moitas xeracións. A Igrexa Católica comeza o ano con estes desexos, celebrando a solemnidade de Santa María Nai de Deus e pedindo para todos a paz no mundo. A Xornada pola Paz, que se celebra tradicionalmente o día primeiro de ano únese á pregaria polo fin das guerras e da violencia, con bendicións para todos.

Que o Novo Ano, querido lector, sexa unha ocasión máis para non esquecer que, malia os nosos defectos, podemos ser felices e axudar a outros a que o sexan, que hai moitos que nos aprecian, admiran e queren, e que, como moi ben di o Papa Francisco na homilía de fin de ano, “ser feliz é atopar forza no perdón, esperanza nas batallas, seguridade no palco do medo, amor nos desencontros. (…) Ser feliz non é unha fatalidade do destino, senón unha conquista para quen sabe viaxar cara ao interior do seu propio ser. Ser feliz é deixar de ser vítima dos problemas e volverse actor da propia historia”.

Que cada día que espertemos neste novo ano saibamos agradecer a Deus o milagre da vida, dispoñernos a camiñar con paz interior polos carreiros de cada amencer e deitarnos coa conciencia tranquila, dourando con soños de eternidade a graza de saber que existimos porque fomos amados na orixe da nosa existencia.

Feliz 2017 para todos e en especial para ti, lector. Fecundo Ano novo!

 

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: