77. Segundo unha antiquísima tradición, esta é unha noite de vela en honra do Señor, e a vixilia que ten lugar nela, conmemorando a noite santa na que o Señor resucitou, ha de considerarse como «a nai de todas as santas vixilias». Durante a vixilia, a Igrexa espera a resurrección do Señor e celébraa cos sacramentos da iniciación cristiá.
a) Significado do carácter nocturno da Vixilia pascual
78. «Toda a celebración da Vixilia pascual debe facerse durante a noite. Por iso non debe escollerse nin unha hora tan temperá que a Vixilia empece antes do inicio da noite, nin tan tardía que conclúa despois da alba do domingo». Esta regra ha de ser interpretada estritamente. Calquera abuso ou costume contrario que, introducido aos poucos e que supoña a celebración da Vixilia pascual á hora na cal, habitualmente, celébranse as Misas vespertinas antes dos domingos, ha de ser reprobado. As razóns presentadas ás veces para xustificar a anticipación da Vixilia pascual, por exemplo, a inseguridade pública, non se teñen en conta no caso da noite de Nadal ou de reunións doutro xénero.